Solapas principales

Quedan 20 citas dispoñibles para a expedición de DNIs na unidade móbil que habilitará a Policía Nacional o 7 de novembro en Bertamiráns

Viernes, 20 octubre, 2023
Un equipo da Policía Nacional vaise desprazar a Ames co fin de facilitar a renovación ou a expedición do Documento Nacional de Identidade electrónico (DNIe) á veciñanza. Neste senso, estarán o próximo martes 7 de novembro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, de 9:00 a 12:30 horas, con 75 citas dispoñibles, das cales quedan 20 dispoñibles. As persoas interesadas en asistir deben escribir ao enderezo electrónico gabinete@concellodeames.gal ou chamar ao número 881 074 730 para aportar nome, apelidos e un teléfono de contacto.

Con esta colaboración entre Policía Nacional e Concello de Ames, a renovación ou a expedición do DNI faise máis sinxela para a veciñanza, que habitualmente ten que desprazarse ata as dependencias da Policía en Santiago de Compostela para realizar este trámite. Deste xeito, poderase tanto renovar o DNI como expedir un novo sen saír do concello.

No caso de querer renovar o documento de identidade, terase que abonar unha taxa de 12 euros en metálico, polo que se recomenda levar a cantidade exacta. Haberá que levar fotografías recentes e, no caso de ter cambiado de enderezo, aportar volante de empadroamento.

Se ben se opta por expedir un novo DNI, haberá que levar volante de empadroamento e unha partida de nacemento literal. No caso de que se vaia expedir o primeiro documento de identidade dun neno ou dunha nena, pídese que saian nas fotos cos ollos abertos.

Tras a primeira fase de recepción dos cidadáns e da documentación, que se fará o día 7 de novembro, os integrantes do equipo móbil da Policía Nacional procederán á impresión física dos DNIs na oficina central de Santiago. Posteriormente, volverán a Ames para entregalos, o xoves 9 de novembro. Dende o corpo da Policía recordan que é preciso que os cidadáns acudan de xeito presencial en ambas fases do proceso, posto que do contrario non se poderá facer entrega dos DNIs, provocando molestias innecesarias para a veciñanza e para o servizo.

Reserva de cita
As persoas interesadas en renovar ou retirar o seu DNI deben enviar un correo ao enderezo electrónico gabinete@concellodeames.gal, ou ben chamar ao 881 074 730 para reservar a súa cita. Deberán indicar nome e apelidos, número de DNI en caso de renovación e un teléfono de contacto. Haberá 75 citas que se repartirán por orde de chegada da solicitude. Na actualidade quedan 20 prazas dispoñibles. O horario de atención será de 9.00 a 12.30 horas.

Ao longo de 2023 a Policía Nacional desprázase a Ames en tres ocasións co obxectivo de facilitar a renovación ou a expedición do Documento Nacional de Identidade electrónico (DNIe) á veciñanza amesá. Xa estivo nos meses de xaneiro e xuño e volverá estar no mes de novembro.