Jueves, 16 abril, 2026
- Tematica
Desde o Servizo de Normalización Lingüística informan de que están esgotadas as prazas para a actividade Contos da Tribo, do programa Apego, que se vai a celebrar o xoves 23 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta sesión, dirixida por Cris de Caldas, combinará conto contado, formación e música en directo, e está dirixida a crianzas e persoas adultas.
O programa Apego regresa cunha nova actividade para as crianzas amesás e as súas familias. Desta volta a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, o día 23 de abril, Contos da Tribo, unha sesión que combina conto contado, formación e música en directo, e que estará dirixida pola narradora oral Cris de Caldas. A xuntanza, que comezará ás 18.00 horas, conmemora o Día do Libro.
Deste xeito, as crianzas amesás, xunto coas súas familias, poderán gozar dun espazo seguro, vivo, participativo e cheo de afecto no que establecer unha transmisión de historias a través do libro. Isto será posible grazas á coidada selección de libros coa que contará a actividade, todo co obxectivo de crear curiosidade pola lectura nos máis pequenos e pequenas.





