Solapas principales

A Policía Nacional habilitará durante tres xornadas unha unidade móbil de expedición de DNIs en Ames

Lunes, 26 diciembre, 2022
Un equipo da Policía Nacional desprazarase ata o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en tres datas distintas ao longo do ano 2023 co fin de facilitar a expedición do Documento Nacional de Identidade (DNI) á veciñanza. Achegaranse os días 12 de xaneiro, 7 de xuño e 7 de novembro, en horario de 9:00 a 12:30 horas, e terán oco para atender 75 citas cada unha das xornadas. As persoas interesadas en asistir para a expedición do DNI deberán escribir ao enderezo electrónico gabinete@concellodeames.gal ou chamar ao 881 074 730, aportando nome e apelidos e un teléfono de contacto.

Con esta colaboración entre Policía Nacional e Concello, a expedición do DNI farase máis sinxela para a veciñanza, que habitualmente ten que desprazarse ata as dependencias da Policía en Santiago de Compostela para efectuar este trámite.

O espazo de expedición habilitarase os días 12 de xaneiro, 7 de xuño e 7 de novembro, en horario de 9:00 a 12:30 horas. Todos os interesados en reservar unha cita deben escribir ao enderezo electrónico gabinete@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 881 074 730, posto que hai un límite de 75 prazas por xornada.

Para expedir o DNI será necesario aportar un volante de empadroamento e unha partida de nacemento literal. No caso de que a cita sexa para o primeiro documento de identidade dun neno ou nena, pídese que este saia nas fotos cos ollos abertos.

Tras esa primeira fase de recepción dos cidadáns e da documentación, os integrantes do equipo móbil da Policía Nacional farán a impresión física do DNI na oficina central de Santiago, e, posteriormente, volverán a Ames para proceder á súa entrega. Deste xeito, os veciños e veciñas que pedisen cita para a expedición no mes de xaneiro deberán recoller o documento o día 16 dese mesmo mes, os que o fixeran en xuño deben recollelo o día 9 dese mes; e aqueles que solicitasen a expedición o 7 de novembro collerano o día 9 dese mes.

Dende o corpo da Policía recordan que é preciso que os cidadáns acudan de xeito presencial en ambas fases do proceso, posto que do contrario non se poderá facer entrega dos DNI, provocando molestias innecesarias para a veciñanza e para o servizo.

Multimedia