Solapas principales

O Concello de Ames reitera as medidas da campaña de medidas urxentes e extraordinarias para o aforro de auga

Miércoles, 12 agosto, 2026
O Concello de Ames, a través da súa empresa pública municipal Augas de Ames EPEL que xestiona o servizo municipal da auga, vén de detectar un incremento significativo no consumo de auga nas últimas semanas, especialmente asociado a usos como o rego de xardíns e zonas verdes, o enchido de piscinas e outros consumos non esenciais.

Ante a grave situación de seca, faise necesario reiterar as medidas de responsabilidade e colaboración cidadá para garantir a dispoñibilidade deste recurso básico e evitar situacións que poidan afectar ao normal abastecemento da veciñanza.

A auga é un ben común e limitado, polo que desde o Concello de Ames faise un chamamento a todas as veciñas e veciños para facer un uso racional e responsable da mesma, especialmente durante este período de maior demanda.

Medidas de obrigado cumprimento
Por todo isto, as seguintes medidas son de obrigado cumprimento e manteranse vixentes ata novo aviso, polo que quedan prohibidos os seguintes usos da auga da rede de abastecemento:

- Rego de xardíns, hortas, céspedes e demais zonas verdes.
- O enchido de piscinas.
- O lavado de vehículos.
- A limpeza de beirarrúas, patios, fachadas e outros espazos exteriores con auga da rede.
- Calquera outro uso non esencial da auga potable que poida supoñer un consumo
elevado.

Estas medidas teñen como obxectivo preservar un recurso esencial e garantir o abastecemento de auga a toda a veciñanza.

No caso de que non se produza unha redución significativa do consumo e non se respecte o cumprimento destas medidas, o Concello poderá verse na obriga de adoptar medidas máis restritivas para garantir o abastecemento, incluídos cortes temporais na subministración de auga.

O rexedor municipal agradece a implicación da veciñanza e lembra que pequenos xestos individuais contribúen a un beneficio colectivo, especialmente nun contexto de altas temperaturas e maior demanda de recursos.

Multimedia