Solapas principales

Nova xornada do Club tixolas do mercado de horta e artesanía de Ames cunha actividade familiar

Martes, 21 abril, 2026
No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 25 de abril, organízase unha nova xornada do Club tixolas, un club de cociña dirixido a nenos/as de 6 a 12 anos que se desenvolve o derradeiro sábado de cada mes. Con esta iniciativa, búscase que os máis pequenos teñan un primeiro contacto co mundo culinario e que aprendan a realizar receitas con produtos frescos de proximidade e de temporada.

A actividade é de balde e realizarase de 11.30 a 13.00 horas no mercado de horta e artesanía, localizado na praza da Maía, en Bertamiráns. Nesta xornada farase unha actividade familiar na que os nenos e nenas xunto coas súas familias van descubrir diferentes sabores.

Nesta actividade denominada Adiviña a que sabe! os e as protagonistas van ser os nenos e nenas, pero tamén nais, pais, avós, avoas, e aquelas persoas que acompañen aos nenos e nenas. Vaise facer unha cata a cegas de produtos do mercado.

Para participar, hai que enviar unha mensaxe por WhatsApp ao número de teléfono 667 665 705 indicando nome, apelidos e idade do neno/a. Hai 20 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición.

Multimedia