- Tematica
Este domingo, 1 de marzo, o Concello de Ames ten a honra de inaugurar o circuíto de BTT máis importante do noroeste español. A Transgalaica Ames 2026 será a primeira das cinco probas que percorrerán a xeografía galega este ano, convertendo a Bertamiráns no epicentro do ciclismo nacional. Con 10 anos de historia consecutiva (salvo a paréntese de 2021 por mor da situación epidemiolóxica provocada pola Covid), esta cita é xa un emblema pola súa beleza paisaxística. O Pazo da Peregrina e o icónico Monte San Marcos volverán a ser algúns dos lugares por onde discorrera esta proba de ciclismo de montaña. Premendo nesta ligazón podes consultar a guía do ciclista para a Transgalaica Ames 2026.
Percorrido da proba
Ás 9.30 horas, os ciclistas comezarán a pedalear diante do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A proba pasará polas inmediacións de Aldea Nova, Covas, Augapesada e Lamas ata chegar ás instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro. Unha vez aí, os corredores pasarán polo alto do monte Liñaredo, os arredores do Monte San Marcos e Ventosa. Dende aí volverase ata Bertamiráns pola emblemática baixada da alta tensión do monte preto de Aldea Nova. O percorrido completo pode ser consultado en Wikiloc.
Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 10:49 e a segunda sobre as 12:03 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas. O percorrido desta edición será semellante ao da pasada edición. Na segunda volta, non se subirá á zona de Aldea Nova e os participantes irán directamente polo sendeiro fluvial Rego dos Pasos, que estará debidamente indicado o propio día da proba.
Os/as participantes terán que dar dúas voltas a un circuíto de 32 quilómetros completando un percorrido de 64 quilómetros (aproximadamente) e que conta cun desnivel de 1.600 metros. Por motivos loxísticos e de seguridade, establécese un control de paso no quilómetro 32 da proba. Os/as participantes que non pasen por el antes de 2 horas e 10 minutos deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto. Ademais, haberá unha carreira sprint, na que o seu resultado computará puntos para a clasificación xeral absoluta da Transgalaica. Só puntuarán os primeiros 25 clasificados en pasar pola liña de meta na primeira volta. Premendo nesta ligazón podes consultar o regulamento xeral da Transgalaica.
Restricións de tráfico previstas esta fin de semana
O desenvolvemento da proba obrigará a establecer unha serie de restricións no tráfico rodado local. Deste xeito, prohibirase o estacionamento na avenida José Luis Azcárraga dende o sábado 28 de febreiro, ás 23.00 horas, ata o domingo 1 de marzo, ás 15.00 horas. Tamén haberá cortes de tráfico nesta avenida José Luis Azcárraga ata a aldea de Capeáns o domingo1 de marzo dende as 7.30 ata as 15.00 horas.
Por este motivo, e para garantir a seguridade e integridade dos participantes e demais veciñanza, recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo dende Covas cara a Bertamiráns: DP-0203 (Augapesada - Bertamiráns), AC-453 (Roxos – Portomouro) e AC-543 (Santiago – Bertamiráns). Podes consultar a información completa na seguinte ligazón.





