- Tematica
O vindeiro 9 de xaneiro de 2026 arrancarán as formacións para adultos da aula AMTIC co curso Creación de web con WordPress, que se desenvolverá os venres ata o 30 de xaneiro de 17.30 a 19.30 horas. Durante a formación aprenderase a deseñar páxinas, usar modelos, tipografías, cores e demais elementos para rematar coa publicación da web.
Paralelamente en xaneiro desenvolverase o curso de Competencias dixitais básicas, de mércores a venres dende o día 14 ata o 30 en horario de 10.00 a 12.00 horas da mañá. Unha formación orientada ao uso básico do ordenador e os seus programas principais: xestión de arquivos, navegación pola rede ou comunicación por diferentes canles.
Xa en febreiro chegará a formación específica sobre correo electrónico, os días 5, 6, 12, 13 e 20 de 10.00 a 12.00 horas da mañá. Os usuarios e usuarias deste curso aprenderán a utilizar o correo electrónico dende cero, coa creación da súa conta e posterior xestión da mesma.
No mes de marzo, a aula AMTIC ofrece un curso de Internet básico os días 4, 5, 11, 12 e 18, no que se ensinará o funcionamento da rede e como poder navegar con seguridade ao buscar información ou almacenar contidos en liña. O curso tamén inclúe módulos para a comunicación en liña mediante correo electrónico, chats e videoconferencias.
Cursos para nenos e nenas
A aula AMTIC tamén oferta cursos referidos a novas tecnoloxías para os máis pequenos. En xaneiro iniciará o curso de iniciación á informática para nenos e nenas de entre 8 e 13 anos, en horario de 17.30 a 19.30 horas os mércores e xoves 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de xaneiro.
En febreiro cursaranse tres formacións: Scracth intermedio para nenos e nenas de 8 a 13 anos os días 5, 6, 12, 13, 19 e 20 de febreiro, de 17.30 a 19.30 horas; mecanografía para menores de entre 5 e 7 anos os mércores 4, 11, 18 e 25 en horario de 17.30 a 19.30 horas; e Programación con Micro:bit os xoves e venres 5, 6, 12, 13, 19 e 20 de marzo, de 17.30 a 19.30 horas.
Coma sempre, a participación en calquera dos cursos é gratuíta. Para participar é necesario inscribirse enviando cuberto este formulario de inscrición a informatica.milladoiro@gmail.com. Tamén é posible anotarse chamando ao 698 172 347.





