- Tematica
O proxecto Apego continúa coa súa programación de actividades no mes de maio. Nesta ocasión, cunha actividade de cantos de berce a cargo de Guadi Galego e Guillerme Fernández, no que as familias poderán aprender diferentes melodías para aloumiñar ás crianzas a través de cantos e música en galego.
A través deste obradoiro, impartido por dous recoñecidos artistas do panorama musical galego, as crianzas achegaranse ao poder emocional das nanas para coñecer, a un tempo, lingua e música. Esta actividade é de balde e está dirixida a un público familiar.
“Arrolos de salitre” nace do disco publicado no 2010 por Xabier Díaz e Guillerme Fernández baixo o mesmo nome. Neste traballo, ambos artistas recompilan diferentes arrolos do cancioneiro tradicional, xunto con outros de creación propia, construídos tamén en base a ese substrato popular.
O prazo de inscrición para esta actividade está aberto ata o xoves día 8 de maio. Non se admitirán inscricións fóra de prazo e as prazas asignaranse por orde de recepción de solicitude. Para participar, é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 3 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.