Solapas principales

Abre o prazo para inscribirse nas prazas libres das Escolas deportivas municipais 2022-2023

Lunes, 3 octubre, 2022
A Concellaría de Deportes abre o prazo para inscribirse nas prazas libres das Escolas deportivas municipais 2022-2023, unha vez rematado o primeiro prazo de inscrición. Todas as persoas interesadas poden inscribirse nunha primeira actividade se non o fixeron no ata o de agora, ou ben se quedaron excluídas na primeira convocatoria. Tamén se poden inscribir nunha segunda actividade as persoas que xa se inscribiron nunha no primeiro prazo. As Escolas deportivas comezan hoxe luns 3 de outubro de 2022 e rematarán o 17 de xuño de 2023.

Este curso as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con ballet, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, squash, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse nas actividades do programa “Ponte en Forma”, que inclúe adestramento funcional; aerozumba; ioga; GAP (hipopresivos) – Aerocombat; pilates; spinning, abdominais e glúteos; e ximnasia de mantemento. Este ano como novidade, increméntase un novo grupo de pilates en Aldea Nova e outro grupo en Bugallido.

As tarifas para o curso completo son de 48 euros para os maiores de 18 anos e de 32 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar serían 16 euros e no dun terceiro membro e seguintes de 8 euros.

Para máis información sobre as actividades deportivas pódese chamar aos números de teléfono 619 842 504 e 981 535 940. Outra opción é enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal.

Como realizar a inscrición

A matrícula realizarase telematicamente a través da plataforma Cronos, no módulo “Inscrición en clases”. Unha vez que a plataforma confirme a praza, deberase tramitar o pagamento, para o que hai dúas opcións.

A primeira é de xeito telemático, solicitando a folla de autoliquidación nas Oficinas de Recadación a través do correo electrónico ames@canaltributos.com, chamando ao número de teléfono 981 88 48 96, ou ben realizando a autoliquidación a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello (non precisa certificado electrónico) premendo na opción “pagar taxas”.

A outra opción é acudir de xeito presencial ás oficinas do Concello de Ames, situadas na praza Horta de Abaixo, 6, en Bertamiráns, ou na rúa Viorneira, 6, no Milladoiro.

Unha vez feita a autoliquidación deberá ser pagada no prazo establecido e non será preciso entregar o resgardo de pagamento, dado que este chega automaticamente. Se non se realiza o pagamento no prazo de 3 días, a inscrición quedará anulada. Realizados estes dous pasos, tanto a inscrición en Cronos como o trámite de pagamento, xa se poderá asistir á clase, xa que a inscrición queda correctamente feita.

Instrucións para empregar a plataforma Cronos para inscribir a menores de idade

No caso de que a persoa que se desexe inscribir sexa menor de idade, primeiro debe de darse de alta na plataforma Cronos o seu responsable legal como titular, e confirmar o correo electrónico recibido. Despois, darase de alta á persoa menor de idade como beneficiaria e confirmarase un novo correo. Unha vez realizadas as altas, dende a conta de usuario da nai, pai ou titor legal haberá que cambiar ao novo usuario asociado como beneficiario, nun despregable na esquina superior dereita da páxina.

Multimedia