Solapas principales

Aberto o prazo para presentar as solicitudes da convocatoria de axudas para familias numerosas de Ames

Jueves, 20 agosto, 2026
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que o venres, 14 de agosto, saíu publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria de axudas destinadas ao apoio económico das familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 100.000 euros. Nesta convocatoria, o importe para as familias monoparentais ascende a 1.500 euros por unidade de convivencia. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes no Rexistro telemático a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro situadas na Casa do Concello e na oficina municipal do Milladoiro. O prazo para presentar as solicitudes vai do 15 de agosto ata o 14 de setembro de 2026.

Desde o pasado sábado, 15 de agosto, e ata o luns 14 de setembro está aberta a convocatoria de axudas ás familias numerosas de Ames do exercicio 2026, cuxa contía ascende a 100.000 euros, destinados ao apoio económico destas unidades familiares, á fixación de poboación e á continuidade do crecemento demográfico do concello. Neste senso, poden optar a estas subvencións as familias que teñan fixada a súa residencia habitual en Ames, con ao menos un ano de antigüidade ininterrompido, e que cumpran cos criterios de familia numerosa da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou doutros organismos similares doutras comunidades autónomas.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica que “estas axudas teñen o obxectivo de axudar a aquelas familias que máis dificultades económicas teñan para a crianza das súas fillas e fillos, á fixación de poboación e á continuidade do crecemento demográfico do concello”. Ademais, engade que nesta convocatoria increméntase a 1.500 euros as axudas por unidade de convivencia de familias monoparentais”.

Requisitos de renda e patrimonio
O importe individual das subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria será de 1.200 euros por unidade de convivencia, agás as familias acolledoras en réxime de acollemento temporal que percibirán a contía proporcional equivalente ao tempo de duración do acollemento, e as familias monoparentais, cuxo importe ascende a 1.500 euros por unidade de convivencia.

A persoa solicitante está obrigada a presentar a declaración do IRPF do exercicio 2025. As unidades de convivencia deberán ter unha renda inferior aos seguintes límites máximos de ingresos netos: 14.108,01 euros anuais, no caso de teren 3 fillos; os 16.734,20 euros no caso de teren 4; os 18.990,57 euros de teren 5; os 21.168,97 euros de teren 6; os 23.227,84 euros de teren 7; e os 25.274,65 euros de teren 8. As familias con máis de 8 fillas ou fillos non deberán superar os 1.803,73 adicionais por membro.

No referente ao patrimonio, este debe estar valorado en menos de 36.636,52 euros, no caso de teren 3 fillos; en menos de 44.777,96 euros no caso de teren 4; en menos 52.919,41 euros de teren 5; en menos de 61.060,86 euros de teren 6; en menos de 69.202,31 euros de teren 7; e en menos de 77.343,76 euros de teren 8. As familias con máis de 8 fillas ou fillos non deberán superar os 8.141,45 euros por cada membro adicional.

Requisitos específicos da convocatoria
No caso de que un dos proxenitores se atope traballando fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e non figure empadroado neste municipio, deberá acreditalo con copia do correspondente contrato de traballo e calquera outro documento que acredite a residencia efectiva. No caso das familias monoparentais, só se requirirá o empadroamento, dun ano de antigüidade, do pai ou nai que teña a custodia das fillas ou fillos. Unha condición que tamén se lle aplica ás titoras e titores de menores de idade. 

En ningún caso poderán ser beneficiarios/as os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos/as, ou se a curatela fora asumida por unha institución pública. No caso de que un mesmo menor dea lugar á expedición de dous títulos de familia numerosa, só se concederá esta axuda ao proxenitor que ostente a custodia deste menor ou menores.

Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse ata o 14 de setembro a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro situadas na Casa do Concello e na oficina municipal do Milladoiro. Tamén se poden presentar as solicitudes a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

>>ACCEDE AL TRÁMITE PICANDO EN ESTE ENLACE