Actualidad

O Concello de Ames informa de que por medio de decreto de Alcaldía se suspende a celebración das sesións de Pleno, Xunta de Goberno Local e Comisións Informativas, durante a duración do estado de alarma declarado polo Goberno do Estado. Ademais, suspéndese a celebración das restantes reunións de traballo coa única excepción da Comisión de seguimento do Coronavirus COVID-19.

O rexedor municipal quere dirixirse a toda a veciñanza de Ames, nestes momentos de extrema complexidade, para mostrarlles en nome do Concello de Ames o seu apoio e agradecemento polo bo xeito de dar cumprimento ás medidas e recomendacións feitas nas últimas xornadas polas administracións e autoridades para poder frear a pandemia do COVID - 19 (Coronavirus). Ademais, achega unha mensaxe de tranquilidade e anima a respectar tódalas esixencias establecidas, para superar esta situación de emerxencia sanitaria máis pronto que tarde. Preme nesta ligazón para consultar o comunicado íntegro.

O Comité de seguimento para o COVID-19 reuniuse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello, para acordar que se pecha a atención presencial nas oficinas municipais agás naqueles servizos considerados esenciais. O pasado venres, 13 de marzo a Alcaldía ditou un decreto polo que foron adoptadas medidas ante a situación xerada polo coronavirus COVID-19. Posteriormente, o Goberno do Estado declarou o estado de alarma, polo que foi preciso adoptar novas medidas adicionais que contribúan á contención da enfermidade garantindo o mesmo tempo o mantemento da prestación dos servizos esenciais.

A Xunta de Galicia decretou este pasado venres, 13 de marzo, a alerta sanitaria na comunidade galega debido ao avance do coronavirus. Tras esta medida adoptada pola administración autonómica, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, vén de colocar carteis informativos nos parques infantís municipais comunicando o seu peche.

O Comité de seguimento para o COVID-19 reuniuse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello, para acordar que se suspenden ata novo aviso todas as actividades que estaba previsto que se desenvolvesen en espazos e instalacións municipais debido á situación sanitaria provocada polo coronavirus. O alcalde vén de emitir un decreto e un bando municipal no que se informa das instalacións que pechan, as que permanecerán abertas, a suspensión de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como da suspensión da prestación de diferentes servizos municipais. Ao pé desta nova podes descargar o decreto e mailo bando municipal, así como a cartelería elaborada polo Concello con información sobre os protocolos de actuación e de hixiene que é preciso levar a cabo diariamente.
- ‹ anterior
- 10 de 10