Actualidad

Esta mañá inaugurouse no Milladoiro a mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña. Dita exposición pode visitarse na Travesía do Porto. A cidadanía pode achegarse de forma sinxela e didáctica aos obxectivos, retos e medidas climáticas e medioambientais que establece a Unión Europea para as vindeiras décadas. Trala inauguración, á que acudiu o deputado provincial, Antonio Leira, o alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, houbo unha performance a cargo de Pista 4 e unha actuación do colectivo Euterpe. A dito acto acudiu un grupo de alumnas/os, o director e profesorado do IES do Milladoiro. Podes dispor de máis información premendo nesta ligazón.

A mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT A Coruña, pertencente á Deputación da Coruña, chega ao concello de Ames o día 6 de maio, onde poderá visitarse durante dúas semanas na Travesía do Porto. A cidadanía poderá achegarse de forma sinxela e didáctica aos obxectivos, retos e medidas climáticas e medioambientais que establece a Unión Europea para as vindeiras décadas. A localidade acollerá tamén unha actuación de malabares, equilibrios e acrobacias na rúa o día 10 de maio. Ese mesmo día, ás 12.30 horas, o deputado Antonio Leira acudirá ao acto de inauguración da exposición que se realizará na Travesía do Porto. Podes dispor de máis información premendo nesta ligazón.

A profesora, deseñadora e artesá Ana Rosa Lista Sebe leva os seus traballos ata o concello de Mos. A súa obra titulada “O Camiño do Encaixe” vencella a arte de palillar co patrimonio cultural e artístico dos Camiños de Santiago. A exposición poderá visitarse no Pazo de Mos ata o 11 de setembro de 16:00 a 20:00 horas.

A mostra "Nós somos Elas", promovida pola área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda foi inaugurada na praza da Maía, de Bertamiráns, pola deputada María Muíño, o o alcalde e tenente alcalde, Blas García e David Santomil, e as concelleiras de Cultura, Natividade González, de Benestar social e Igualdade, Luísa Feijóo, e de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. A mostra recolle imaxes do Arquivo Vidal con textos de 24 poetas.

Vinte e catro poetas galegas dialogan coas fotografías do laxés José María Vidal nunha mostra que promoven a área de Igualdade da Deputación de A Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda. A proposta recolle unha selección de imaxes do “Arquivo Vidal” protagonizadas por mulleres. A exposición, que permanecerá en Ames até o día 25 de abril, xa se pode ver estes días na praza da Maía de Bertamiráns.

Onte, 23 de marzo, inaugurouse ás 12.00 a exposición "Don Gaiferos polos camiños cara Compostela" na Casa da Cultura do Milladoiro. A mostra, organizada pola compañía compostelá Os monicreques de Kukas, estará aberta para todos os públicos en horario de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 22:00 horas até o venres, 26 de marzo. Á presentación, organizada polo O Concello de Ames, asistiron a concelleira de Cultura, Natividade González, a técnica do departamento de Cultura, María Vázquez, e os representantes da compañía Os Monicreques de Kukas, Marcelino de Santiago e Isabel Rey. Ademais, o 26 de marzo, a compañía poñerá en escena “Don Gaiferos”. A obra está dirixida a público familiar. As entradas xa están á venda na billeteira municipal.

Esta mañá inaugurouse na Casa da Cultura de Bertamiráns a mostra de pinturas de Marité Lamas Domínguez. A exposición, organizada pola Concellaría de Benestar Social a través da Oficina da Oficina de Voluntariado de Ames, estará dispoñible ao público ata o próximo 31 de xullo. Trátase dunha serie de interpretacións realizadas en acrílicos, lapis e acuarelas, durante os primeiros corenta días da corentena mundial 2020, e estará dispoñible para todo aquel que desexe vela en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ata o próximo 20 de marzo a exposición fotográfica “Memoria histórica. Covas en imaxes 1900-1980”. Con ela preténdese lembrar momentos, costumes e espazos que forman parte do pasado común de Ames, das aldeas e do conxunto de veciños e veciñas da parroquia, tanto das que son de aquí como de todas as persoas que decidiron instalarse e facer en vida en Covas. Está organizada pola Asociación veciñal de Covas, en colaboración co Concello de Ames.

A mostra arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible creada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, encóntrase agora exposta no IES do Milladoiro, ata o 21 de xaneiro. Os alumnos, encóntranse traballando na exposición a través dunha unidade didáctica facilitada polo Fondo Galego. A mostra, que demostra o papel chave dos municipios no cumprimento destas metas fixadas pola ONU de cara o 2030, trasladarase posteriormente a Casa da Cultura do Milladoiro.

As Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como o IES Milladoiro, acollerán ata o 31 de xaneiro a novidosa mostra arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible creada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Ames. Os municipios teñen un papel chave no cumprimento destas metas fixadas pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030, pero para acadalas o primeiro paso é dalas a coñecer, e mellor se se fai dun xeito entretido, empregando o humor e a retranca que nos caracteriza para facelas máis comprensibles.
- ‹ anterior
- 3 de 4
- siguiente ›