Actualidad

Un total de 10 clubs e 350 persoas van disputar esta fin de semana a Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia, organizada polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, o club de piragüismo Ribeiras do Tambre e a Federación Galega de Piragüismo. O evento, que conta cun percorrido de 1.500 metros polo río Tambre, terá lugar este sábado 6 na praia fluvial de Tapia, a partir das 16:00 horas. Trátase da quinta das seis probas que conforman o I Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, no que compiten as categorías bases dos clubs da provincia. Premendo nesta ligazón pódense consultar os datos e os horarios da Regata Provincial – Circuíto praia fluvial de Tapia.

A Copa de España de ciclismo elite e sub-23 celebra a súa penúltima proba do ano este sábado 7 de maio, coa posta en marcha dunha nova edición da Clásica de Pascua-Ruta Xacobea de Padrón, organizada polo CC Padronés. Está previsto que o pelotón ciclista pase polo Milladoiro en dirección Santiago entre as 11:40 e as 11:55 horas, e por Bertamiráns, onde haberá un sprint especial, entre as 12:00 e as 12:20 horas. O paso dos ciclistas poderá causar retencións puntuais.

Tras un ano de parón por mor da pandemia, Ames volve acoller a segunda etapa do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2022 este domingo 13 de marzo. Será a sexta ocasión na que o concello celebre esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Esta mañá foi presentada a proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 33 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces. As inscricións están abertas ata este mércores 9, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es.

Tras un ano de parón por mor da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, Bertamiráns acolleu este domingo, 12 de decembro, unha nova edición da tradicional Carreira Ciclista do Pavo. Gustavo César Veloso quedou en primeira posición, seguido de Rubén Fandiño e Jacobo Ucha, que foron segundo e terceiro respectivamente. Nesta proba participaron un total de 92 ciclistas. Antes da carreira houbo unha xincana na que puideron participar os nenos e nenas.

Tras un ano de parón por mor da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19, Bertamiráns acolle unha nova edición da tradicional carreira ciclista do pavo este domingo, 12 de decembro. As actividades comezarán ás 11:00 horas, cunha xincana para a cativada, mentres que a proba iniciarase ás 12:00 horas. Ao remate da carreira, realizarase unha homenaxe ao ciclista galego, Gustavo César Veloso, que este ano pon fin á súa traxectoria profesional e que participará no evento. As inscricións xa están abertas tanto para as persoas federadas, na web da Federación Galega de Ciclismo, como para as persoas sen licenza, que deben enviar os seus datos antes do 10 de decembro, ás 14:00 horas, ao enderezo electrónico begoalonso@mundo-r.com.

O Club de ciclismo Os Esfola Arrós e o Concello de Ames organizaron, por quinto ano consecutivo, unha das probas do circuíto Transgalaica. Así, este domingo o municipio amesán acolleu a segunda proba do circuíto Transgalaica 2020, que finalmente cotou coa participación de 286 ciclistas. Na modalidade masculina o primeiro ciclista en chegar á liña de meta foi Anxo Lorenzo Segade, do Club Máster da Louriña. Na categoría xeral feminina a gañadora foi Susana Alonso Carballo, do Club deportivo Extol MTB Team. Trala proba organizada en Ames, quedan dúas probas máis, que se desenvolverán na Estrada e Silleda.

A segunda proba do circuíto Transgalaica 2020 celebrarase este domingo, 8 de marzo, no concello de Ames. O circuíto está composto por catro probas. A primeira realizouse o 23 de febreiro en Cerdedo-Cotobade. As dúas probas restantes desenvolveranse na Estrada e Silleda. Esta mañá tivo lugar a presentación da quinta edición desta proba que se realiza en Ames, grazas á iniciativa do Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós e que conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase ás 9:30 horas dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición remata este mércores, 4 de marzo, ás 23:59 horas. As inscricións pódense realizar en www.magmasports.es.

O Concello de Ames e maila Federación Galega de Atletismo organizan o segundo Trail e Andaina Ribeiras do Tambre este domingo 23 de febreiro. A saída do trail terá lugar ás 10.00 horas dende A Ponte Maceira, e posteriormente, ás 10.05 horas, será a saída da andaina. Para participar é necesario inscribirse en www.carreirasgalegas.com ou en www.emesports.es antes do mércores 19 de febreiro ás 23:59 horas. Na actualidade hai 244 participantes inscritos (143 no trail e 101 na andaina).

Este domingo, 2 de febreiro, desenvolveuse na localidade de Bertamiráns a segunda proba da Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT. Este evento deportivo está composto de tres probas: a primeira realizouse o pasado domingo 26 de xaneiro en Noia e a terceira é última celebrarase o domingo 16 de febreiro. Esta proba estivo organizada polo club Os Esfola Arrós e contou coa colaboración do Concello de Ames. Participaron 155 ciclistas repartidos en diferentes categorías. A Liga conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, da Deputación Provincial da Coruña e de Rótulos Orixinal Imaxe.

O Fútbol Club Meigas e mailas Escolas de Fútbol Sala Trasgos organizan unha nova edición do campus de Nadal que se desenvolverá os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, no pavillón de Bertamiráns. Haberá servizo de gardería de 9.00 a 10.00 e de 14.00 a 14.30 horas. Na organización de dito evento colaboran o Concello de Ames, a Deputación da Coruña e maila Xunta de Galicia. Está destinado a nenos de entre 4 a 16 anos e a inscrición pode formalizarse na seguinte ligazón.
- ‹ anterior
- 10 de 11
- siguiente ›