Actualidad

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades neste vindeiro mes de marzo, desta volta coa sesión de narración oral “Canta, buguina, canta!” de Marta Ortiz. A actividade terá lugar o vindeiro venres 7 de marzo, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 27 de febreiro, ata o 6 de marzo. Para participar, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu onte, 24 de febreiro, unha gran festa rosaliana, o evento central das actividades organizadas polo concello para conmemorar o mes da autora. A Gala Rosalía, que contou cunha gran participación da veciñanza e do alumnado dos centros educativos de Ames, puxo en valor a figura da escritora e a súa vinculación co concello. Canda a veciñanza de Ames, na gala participaron Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e María López Sández, membro tamén da dita fundación. O acto pechouse cun concerto de Uxía Senlle e Santi Cribeiro que remataron cantando o tema “No bico un cantar” con boa parte do alumnado presente con eles no escenario. Pódese acceder á galería completa de imaxes na seguinte ligazón.

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organizou o pasado sábado, 22 de febreiro, unha nova edición da excursión literaria “Viaxando con Rosalía”, a través da cal se visitaron algúns dos lugares máis emblemáticos da vida e da obra de Rosalía de Castro con motivo da conmemoración do aniversario da autora. A excursión literaria, na que participaron cincuenta persoas, estivo guiada pola profesora e experta rosaliana María López Sández, e rematou na Casa-Museo da escritora, en Padrón.

O proxecto Apego continúa coa súa programación neste mes de febreiro coa actividade “Picadiscos Marifaltri” da artista María Faltri, que terá lugar o vindeiro venres 28 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O prazo de inscrición para participar nesta actividade está aberto dende hoxe, 20 de febreiro, ata o xoves 27. Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto.

O vindeiro sábado 22 de febreiro está programada unha excursión literaria baixo o nome de “Viaxando con Rosalía”. Esta actividade, enmarcada dentro da programación municipal “Rosalía Ames 2025” para celebrar o Día de Rosalía, consistirá nunha visita á casa da escritora en Padrón da man da experta rosaliana María López Sández. Conta cun total de 55 prazas, polo que para participar é preciso inscribirse enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número 662 377 215, entre o 14 e o 20 de febreiro. Poñerase a disposición dos asistentes un servizo de autobús, que sairá dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:30 horas e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:45 horas.

Durante 4 semanas máis de 2.500 nenos e nenas do concello de Ames comprometéronse a falar galego o máximo posible con todo o mundo e en todos os contextos da vida cotiá, dentro e fóra das aulas, xogando e conversando coas amizades, nas tendas, nas actividades extraescolares, na casa. Participaron a través do programa Modo galego, Actívao!, impulsado polo Concello de Ames e a Real Academia Galega. A través de 16 retos o alumnado participou en diferentes actividades nas que se fomentou o uso da lingua galega. A terceira edición deste proxecto de investigación e acción implicou dunha maneira lúdica os nenos e nenas dos centros públicos de infantil e primaria amesáns e, como novidade, este ano estendeuse ao alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos do Milladoiro e Bertamiráns.

O salón de Plenos da Casa do Concello acolleu está mañá a presentación da programación de actividades con motivo do Día de Rosalía, que se conmemora cada ano o 23 de febreiro. As actividades, que se desenvolverán entre os meses de febreiro e marzo, buscan, entre outras cuestións, revitalizar o pensamento, figura e obra de Rosalía de Castro, así como poñer en valor o vínculo da escritora con Ames. Ademais, búscase achegar á veciñanza, sobre todo entre a mocidade, a figura, obra e legado da escritora en Ames. Pódese descargar a programación completa desta edición na seguinte ligazón.

A programación do Apego continúa ao longo do mes de febreiro co concerto “Ecoralia, a lambona ecolóxica”, o novo proxecto de Pakolas, que estará na Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres 7 de febreiro, ás 18.00 horas. As persoas interesadas en asistir a esta actividade, poderán facelo dende hoxe venres, 31 de xaneiro, ata o vindeiro día 6 de febreiro. Para inscribirse, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O proxecto Enreguéifate pecha este primeiro trimestre escolar cun total de sesenta obradoiros de improvisación oral realizados nunha trintena de centros dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. O prazo de participación no certame abrirá do 20 de xaneiro ao 20 de marzo. Os galardóns entregaranse o 19 de maio no Auditorio de Galicia.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, organizou un ano máis os Premios Lingua e Empresa. Desta volta, presentáronse 34 empresas, unha máis que na edición do pasado 2023. A alta participación indica a consolidación desta convocatoria como un incentivo para promover o uso do galego no tecido empresarial de Ames. As empresas gañadoras desta edición coñeceranse na Gala Lingua e Empresa que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro este xoves, 12 de decembro, ás 20.30 horas. Os premios están dotados de 1500 euros e unha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal.
- ‹ anterior
- 10 de 44
- siguiente ›




