Actualidad

Por ejemplo, 22-08-2026
Por ejemplo, 22-08-2026
Lunes, 01 de septiembre de 2025
Mañá abre a inscrición nos obradoiros de acollemento lingüístico En galego, co teu acento!

Desde mañá, 2 de setembro, ata o vindeiro día 10 estará aberto o prazo de inscrición nos obradoiros de acollemento lingüístico “En galego, co teu acento!”, unha iniciativa que busca aproximar a veciñanza á lingua e á cultura galegas dun xeito práctico e progresivo, así como favorecer a cohesión social e a integración das persoas procedentes de fóra de Galicia. Bertamiráns e O Milladoiro acollerán cadanseu obradoiro, de case un mes de duración, con sesións de dúas horas e en horario de mañá, de luns a xoves. As inscricións, de balde, poden realizarse de xeito presencial acudindo ao Servizo de Normalización Lingüística, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou á oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes (SAMI), situada na rúa de Abaixo, número 10, do Milladoiro. Tamén poderá formalizarse a inscrición chamando por teléfono aos números 662 377 215 / 981 535 941. 

Domingo, 31 de agosto de 2025
O programa Apego estre o mes de setembro con xogos e música nas “Brincadeiras miúdas” o mércores 3 de setembro

Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha un ano máis as Brincadeiras Miúdas, unha xornada de música, baile, xogos tradicionais, creación de xoguetes que se celebrará na Carballeira de Ventín, detrás do colexio de Ventín. As brincadeiras comezarán cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma e continuarán con xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais. A actividade diríxese ao público familiar. A xornada é de balde e non precisa de inscrición previa. Celebrarase ás 18:00 horas e terá unha duración aproximada de hora e media. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, a actividade aprazarase e realizarase nunha nova data. Nos vindeiros días anunciarase o resto da programación de Apego para o derradeiro cuadrimestre do ano.

Miércoles, 20 de agosto de 2025
Montse Rivera e Mercedes Prieto protagonizan unha nova sesión dos Seráns de Ames en Bugallido

Este xoves, 21 de agosto, celébrase unha nova sesión dos Serán de Ames que estará protagonizada por As Armadanzas. Montse Rivera e Mercedes Prieto ofrecerán o espectáculo “Do Courel ao Condado” no que se xunta música e teatro. O espectáculo dirixido ao público familiar desenvolverase detrás do Local Social de Bugallido ás 20.00 horas. A programación dos Seráns de Ames pecharase o vindeiro xoves, 28 de agosto, en Tapia, cos Xogos de Miudiño e unha actuación musical a cargo de Mary Iglesias. Estas actividades son de acceso libre e gratuíto.

Sábado, 14 de junio de 2025
Os premios do XXII Certame Literario Concello de Ames entregáronse este sábado na Casa da Cultura do Milladoiro

Hoxe sábado, 14 de xuño, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a gala de entrega de premios do XXII Certame Literario Concello de Ames, un acto literario-musical no que participaron 13 dos 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. O evento estivo presentado pola xornalista de Ames Radio, Belén Martínez. Da parte musical encargouse o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. Participaron os alumnos e alumnas de iniciación da agrupación de violín, do grupo de combo folk e de música e movemento. Todos os textos premiados publicaranse nun libro colectivo que verá a luz no vindeiro mes de abril.

Jueves, 12 de junio de 2025
Xa está aberto o prazo de inscrición para o obradoiro de cianotipia incluído no programa Apego

O programa Apego despide a súa programación deste primeiro semestre do ano cunha última proposta para as crianzas amesás, o obradoiro de cianotipia “Fotografando as herbas de San Xoán”, que terá lugar o vindeiro venres 20 de xuño no Parque do Ameneiral, ás 18.00 horas. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves día 19 de xuño. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodesmes.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Martes, 10 de junio de 2025
O Certame Literario de Ames xa ten textos premiados na súa XXII edición

A Concellaría de Normalización Lingüística acaba de publicar a listaxe de persoas gañadoras da vixésimo segunda edición do Certame Literario de Ames. Na edición deste ano, recibíronse un total de 158 traballos, e foi na categoría de poesía para maiores de 18 anos na que houbo un maior número de participantes, con 72 obras recibidas. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición foron: María López Sández, Manuel Núñez Singala e Mariña Pérez Rei; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. A entrega de premios estará presentada por Belén Martínez, xornalista de Ames Radio, e terá lugar este sábado, 14 de xuño, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Pódese descargar a acta completa do xurado na seguinte ligazón

Sábado, 07 de junio de 2025
O Pazo da Peregrina acolleu hoxe a VI Festa do Apego de Ames

Este sábado, 7 de xuño, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu a VI Festa do Apego de Ames, unha xornada na que as familias e crianzas puideron gozar de diferentes propostas culturais, actividades, xogos e obradoiros para favorecer deste xeito á transmisión da lingua e unha crianza positiva, creativa e en galego. Pódese acceder á galería completa da festa do Apego premendo nesta ligazón

Sábado, 07 de junio de 2025
Recollida premio

O proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia desenvolto colaborativamente entre o Concello de Ames, a Real Academia Galega e os once centros educativos públicos amesáns, foi unha das experiencias premiadas na sexta edición dos Premios Mil Primaveras que se entregaron hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra. Os galardóns recoñeceron outros tres programas que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a posta en marcha de medidas para asociar a lingua con valores positivos: a canle de vídeos animados Galego para peques, a empresa de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego Brazolinda e o programa do CEIP Sagrada Familia da Coruña Vitamina G. 

Jueves, 05 de junio de 2025
O Pazo da Peregrina acolle este sábado, 7 de xuño, a VI Festa do Apego, unha xornada chea de actividades para as familias

O Concello de Ames, a través da Concellería de Normalización Lingüística, organiza para esta sábado, 7 de xuño, a VI Festa do Apego. Será este sábado, 7 de xuño, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, desde as 11.00h da mañá ata as 21.00h da noite. Ao longo da xornada poderase gozar de contos con música, xogos, concertos, teatro, obradoiros, espazos de xogo, espazos de creatividade e espazos de recursos. Todo isto e moito máis para achegarlles ás familias recursos lúdicos e educativos que favorezan a transmisión da lingua e unha crianza positiva, creativa e en galego. Todas as actividades da festa son de acceso libre e gratuíto, sen necesidade de inscrición previa. Nesta ligazón podes ver toda a programación da Festa de Apego de Ames.

Sábado, 31 de mayo de 2025
A foliada das Letras do CEIP A Maía pecha as actuacións celebradas no marco do Modo Galego Actívao!

O venres 23 de maio o CEIP A Maía celebrou as Letras Galegas 2025 cunha foliada participativa amenizada polos diferentes grupos das escolas tradicionais de Bugallido, tanto de nenos e nenas como de persoas adultas. Ademais destes grupos convidados, as mestras cantareiras do CEIP A Maía tocaron e cantaron varias pezas e o alumnado do centro acompañounas cantando e bailando. O Servizo de Normalización Lingüística municipal colaborou con esta actividade integrada no marco das actuacións do programa Modo Galego Actívao! que se lle ofreceron aos centros educativos de infantil e primaria.