Actualidad

Por ejemplo, 26-07-2026
Por ejemplo, 26-07-2026
Lunes, 02 de febrero de 2026
Últimas prazas para asistir ao concerto Parabéns para nós! da Gramola Gominola, a primeira actividade do programa Apego

O programa Apego inaugura a programación do primeiro semestre de 2026 este venres 6 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, co concerto Parabéns para nós!, do grupo A Gramola Gominola. Durante seis meses, os nenos e nenas de Ames poderán gozar dunha morea de actividades lúdicas que os acheguen á nosa cultura e idioma. O prazo de inscrición para poder participar nesta primeira actividade remata o vindeiro xoves 5 de febreiro. Para inscribirse, precisase enviar un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal.

Viernes, 30 de enero de 2026
O Concello de Ames presenta a programación infantil con Apego para o primeiro semestre deste 2026

O Concello de Ames presentou esta mañá, na Casa do Concello en Bertamiráns, unha ampla e variada programación con Apego para a primeira metade de 2026. O obxectivo central de todas estas actividades é achegarlles recursos ás familias que faciliten a transmisión da lingua e favorezan unha crianza positiva e con moito apego polo noso. A programación abre o vindeiro venres, 6 de febreiro, co concerto-presentación do novo disco da Gramola Gominola, Parabéns para nós!, dirixido a un público familiar. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa do programa infantil con Apego.

Martes, 20 de enero de 2026
Un total de 28 finalistas disputarán a novena edición dos Premios Youtubeiras+, cuxa gala de entrega terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o vindeiro 7 de febreiro

A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten finalistas. Un total de 28 canles aspiran a levar algún dos sete galardóns deste certame organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo e mais da Deputación da Coruña. As persoas e canles gañadoras destes galardóns, que teñen como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais, daranse a coñecer durante unha gala que este ano terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol o sábado 7 de febreiro. Presentarana Leila Fernández (que forma parte da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke). Anunciárono así esta mañá en rolda de prensa o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística de Ferrol, Patricia Cons, e a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra. Preme nesta ligazón para consultar a relación de finalistas.

Viernes, 09 de enero de 2026
O proxecto da RAG e do Concello de Ames ‘Modo galego, actívao!’ reforza o seu carácter integral e incorpora as escolas deportivas

O CEP de Ventín acolleu hoxe a presentación da cuarta edición de Modo Galego, actívao!, o proxecto de investigación-acción da Real Academia Galega e o Concello de Ames que explora novos xeitos de promover o uso do galego entre a xente nova e avaliar os resultados. A experiencia desenvólvese desde 2023 coa implicación do alumnado dos colexios públicos, as familias, o profesorado e persoal dos servizos complementarios de educación amesáns, e constitúe unha aposta singular no eido da dinamización lingüística de carácter integral que se aplica tanto nos espazos escolares coma noutros contextos de socialización dos nenos e nenas nos que está implicada a administración local. Seguindo esta filosofía, a incorporación das escolas deportivas de xestión municipal é unha das novidades da xeira que arrincará o luns que vén coa sinatura por parte duns 2.700 alumnos e alumnas do “Acordo de compromiso lingüístico” que negocien nas súas aulas.

Lunes, 08 de diciembre de 2025
32 empresas participantes nunha nova edición dos Premios Lingua e Empresa Concello de Ames

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, organizou a VIII edición dos Premios Lingua e Empresa, unha iniciativa que busca estimular o uso da lingua galega no ámbito empresarial. Nesta oitava edición presentáronse 32 entidades establecidas en Ames e delas, o xurado  recoñecerá dúas, unha na categoría de uso consolidado e outra na de nova incorporación. As gañadoras desvelaranse o vindeiro luns, 15 de decembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, nunha gala que contará coa actuación de Leti da Taberna.

Jueves, 04 de diciembre de 2025
Comeza o prazo para inscribirse á visita do Apalpador en Ames

O Apalpador visitará Ames o vindeiro venres 12 de decembro, ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A visita, enmarcada dentro do programa Apego, contará tamén coas actuacións musicais da Banda da Montaña e de Cé Orquestra Pantasma. Para asistir, é preciso facer unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando nome e apelidos dos asistentes, idade dos cativos e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición está aberto do 4 ao 11 de decembro.

Jueves, 27 de noviembre de 2025
Aberto o prazo de inscrición para a actividade “Contos debuxados, debuxos contados”, de Caxoto e Marc Taeger

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas nestes meses de outono. Nesta ocasión, organizan o vindeiro xoves, 4 de decembro, ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a actividade “Contos debuxados, debuxos contados”, de Caxoto e Marc Taeger. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 27 de novembro, ata o mércores 3 de decembro. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Jueves, 20 de noviembre de 2025
Aberto o prazo de inscrición para a sesión de contos “Alfabeto Castelao”, de Sole Felloza, incluída no programa Apego

O programa Apego continúa coa súa programación de actividades para as crianzas nestes meses de outono. Nesta ocasión, organizan o vindeiro venres 28 de novembro ás 18.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a sesión de contos “Alfabeto Castelao”, de Sole Felloza. Deste xeito, o programa Apego, súmase á celebración do Ano Castelao cunha sesión de contos a cargo dunha das mellores contadoras do país. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 20 de novembro, ata o xoves día 27. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

Martes, 18 de noviembre de 2025
A estrea do documental “Promover o galego dende o local” pon en valor os proxectos que se desenvolven en Ames a prol do uso da lingua galega

Este luns, 17 de novembro, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea de “Promover o galego dende o local”, un documental sobre varios programas de dinamización lingüística. A peza audiovisual, producida por Nós Televisión e financiada polo Concello de Ames, pon en valor as iniciativas que se levan desenvolvendo estes últimos anos en Ames para impulsar e promover o uso do galego en amplos ámbitos a través de proxectos como o Galetiktokers, Modo Galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario.

Sábado, 15 de noviembre de 2025
Este luns estréase no auditorio do Milladoiro o documental “Promover o galego dende o local”

Este luns, 17 de novembro, ás 19.00 horas, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá a estrea de “Promover o galego dende o local”, un documental sobre programas de dinamización lingüística. A peza audiovisual, producida por Nós Televisión e financiada polo Concello de Ames, pon en valor as diversas iniciativas que se desenvolven en Ames para impulsar e promover o uso do galego a través de diferentes proxectos como o Galetiktokers, Modo Galego, actívao!, os Premios Lingua e Empresa ou o Certame Literario.