Actualidad

A Asociación de Empresarios do Novo Milladoiro organiza unha nova edición do seu certame fotográfico, co que colabora a Concellería de Promoción Económica do Concello de Ames. A temática do concurso xirará en torno á estética do parque e á actividade económica que alí se desenvolve. Valoraranse sobre todo aquelas fotografías que reflictan o traballo que realiza o equipo humano das empresas. Haberá unha categoría absoluta e outra xuvenil e infantil, e permitirase o envío dunha imaxe por participante, coa que se deben enviar o título da obra e os datos persoais do autor. A data límite para participar é o día 9 de decembro, e os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o día 21 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves pola tarde a Gala de entrega da sexta edición dos premios Lingua e Empresa organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística. As empresas galardoadas foron, Nós Televisión, situada no parque empresarial Novo Milladoiro, na categoría de Uso consolidado da lingua galega; e mais o establecemento hostaleiro O Transistor, que está situado na rúa do Pedregal, en Bertamiráns, na categoría de Nova incorporación á lingua, ao ser unha empresa que se creou nos últimos dous anos. Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa e un diploma, que se engaden á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio cos que se premiaba a cada categoría.

Os obradoiros duais de emprego son programas públicos de formación e emprego nos que os traballadores/as desempregados/as participantes reciben cualificación profesional ao mesmo tempo que desenvolven un traballo produtivo en actividades de utilidade pública ou interese social. Este obradoiro está sufragado a través dunha subvención de 531.046,20 euros, concedida aos Concellos de Ames e Brión por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. O obradoiro de emprego dual Renova VI terá unha duración de 12 meses e formará a 20 alumnos/as traballadores/as.

O espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro, acolleu a quinta edición do Encontro de coordinación da Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación da Coruña. A apertura institucional estivo presidida polo alcalde de Ames, Blas García, a deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García López, e a concelleira de Promoción Económica do Concello de Ames, Ana Belén Paz. Durante o encontro realizouse a presentación do Ames AV Lab e unha visita guiada polo espazo A Proa. Realizouse unha mesa redonda na que se expuxo a situación de cada un dos espazos de traballo por parte dos responsables da súa xestión. Tamén houbo unha presentación de novidades, espazo para o debate, aclaración de dúbidas e propostas en común.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames como é o programa Ames Emprega e Integra, unha iniciativa do departamento de Promoción Económica e Emprego do Concello de Ames, que está dirixido a colectivos desfavorecidos do municipio. Dito programa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). De xullo a novembro estanse impartindo un total de 13 cursos de formación transversal, pensados para incrementar o índice de inserción laboral e social no municipio. Na actualidade, estanse impartindo dous cursos; un de deseño e montaxe de instalacións fotovoltaicas e térmicas; e outro de empregados/as domésticos. Queda por impartir un curso de comercial (especialización na factura de enerxía), que comezará o 2 de novembro. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo sobre o programa Ames Emprega e Integra.

Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables “Renova V” no que participaron durante 12 meses, 20 alumnos/as (15 de Ames e 5 de Brión). O acto estivo presidido polo delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; polos alcalde de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago; a concelleira de Promoción Económica e Emprendemento de Ames, Ana Belén Paz, e pola directora do obradoiro, María Carmen González. Trala intervención das autoridades fíxose entrega dos diplomas ao alumnado participante. Nesta edición incrementouse de 9 a 12 meses a formación que recibiron os alumnos/as traballadores/as sobre o certificado de profesionalidade oficial de “Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas” e do módulo de "Montaxe de sistemas domóticos e inmóticos".

O espazo de coworking “A Proa” conta na actualidade con 17 de 36 postos cubertos por 12 empresas. A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, reuniuse coa xestora do espazo, Nieves Iglesias, o fundador e xerente de WekCo, Juan Diego Pereiro, o técnico Jorge Couñago, e cos coworkers para coñecer de primeira man os proxectos de nova incorporación deste espazo e as dinámicas de colaboración que establecen os e as integrantes.

A segunda edición de "Volta ao cole co comercio", unha iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Promoción Económica de Ames, e que nesta ocasión contou tamén coa colaboración do departamento de Mocidade, logrou acadar un gran éxito nas súas catro xornadas. Arredor de 2.500 persoas achegáronse ao Milladoiro e a Bertamiráns para desfrutar das actividades para nenos e nenas e para a rapazada. As familias participantes entraron nos sorteos de vales e premios para o regreso ás aulas.

As concellarías de Promoción Económica e Emprego, en colaboración con XEA, desenvolven por segundo ano consecutivo as xornadas “Volta ao cole co comercio”, unha iniciativa que ten como obxectivo dinamizar o comercio e a hostalaría local de cara ao inicio do curso lectivo. Nesta ocasión, a proposta alóngase durante catro días, e comprende actividades para a mocidade e para os cativos e cativas. As dúas xornadas para rapaces e rapazas a partir de doce anos xa foron celebradas a pasada semana, logrando un éxito de participación. Os días 6 e 7 ían ter lugar tamén as actividades para nenos e nenas. Finalmente, as xornadas foron adiadas por mor da previsión meteorolóxica, e desenvolveranse mañá, mércores 13, e o xoves, día 14.

O Salón de Plenos do Concello de Ames acolleu onte a entrega de premios da terceira edición do concurso de fotografía Enfoca Ames.
- ‹ anterior
- 9 de 49
- siguiente ›