Actualidad

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de abrir un prazo extraordinario para a presentación de solicitudes para o Mercado de Nadal 2025. Na actualidade hai 15 solicitudes presentadas para participar no Mercado de Nadal, que se vai celebrar na praza da Maía os días 19, 20 e 21 de decembro. O mercado contará cun total de 18 postos de alimentación e artesanía, polo que quedan tres postos libres. As novas solicitudes poden presentarse dende hoxe, xoves 20, ata o vindeiro mércores 26 de novembro. Os solicitantes deberán presentar pola Sede electrónica do Concello de Ames o modelo de solicitude cuberto xunto coa documentación necesaria enmarcada dentro das bases do mercado que se poden consultar na seguinte ligazón.

A programación de Nadal en Ames este ano contará coa novidade da celebración dun Mercado de Nadal na praza da Maía para os vindeiros días 19, 20 e 21 de decembro. O prazo de inscrición para os artesáns e produtores locais interesados en participar está aberto dende mañá, venres 31 de outubro, ata o xoves 13 de novembro. Os solicitantes deberán presentar pola Sede electrónica do Concello de Ames o modelo de solicitude cuberto xunto coa documentación necesaria enmarcada dentro das bases do mercado que se poden consultar na seguinte ligazón. En total haberá 18 postos; 12 de artesanía e 6 postos centrais para alimentos e produtos da horta.

A Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro (AEPEM) convoca a undécima edición do Certame de Fotografía Comercial do Parque Empresarial do Milladoiro, unha iniciativa que ten como obxectivo achegar a realidade empresarial á cidadanía, a través da imaxe e poñer en valor a actividade económica, arquitectónica e humana deste importante enclave produtivo. As imaxes deberán enviarse por correo electrónico a foto@aenovomilladoiro.com, indicando no asunto “Certame fotográfico: título da fotografía”. O prazo de presentación permanecerá aberto do 27 de outubro ao 30 de novembro de 2025 ás 23:59 horas.

Os Concellos de Ames e Brión poñen en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego. Dende este mércores, 15 de outubro, está aberto o prazo para solicitar praza no programa integrado de emprego 2025-2026. Esta edición o programa está aberto a 100 persoas desempregadas que se formarán nos sectores do ocio e tempo libre, comercio, almacén, administración e xestión, e turismo. A edición 2024-2025 rematou o pasado 30 de setembro. Na edición que vén de rematar o 48% dos participantes tiveron un contrato e traballo nalgún momento do programa.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organiza a segunda edición do concurso de decoración de Samaín, unha iniciativa que fixo a súa estrea o ano pasado e gozou dunha gran acollida entre a veciñanza e os comerciantes amesáns. Deste xeito, preténdese fomentar o comercio local de Ames nunha das noites de maior consumo de todo o ano xunto coa de fin de ano. Repartiranse 2.000 euros en premios: 1.000 euros para o primeiro, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. A decoración deberá estar exposta como mínimo dende o luns 27 de outubro ata o domingo 2 e novembro. As inscricións poderán tramitarse dende mañá, 16 de outubro, ata o vindeiro día 22. O motivo e decoración dos escaparates terán como tema principal a festa do Samaín.

No marco das actividades de dinamización do mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, este sábado 11 de outubro, organízase a visita a unha das hortas que están presentes no mercado, a Horta de Pablo Fuentes, situada nos Ánxeles, en Brión. É un xeito de coñecer de primeira man ás persoas produtoras dos alimentos que cada sábado se ofertan na praza da Maía en horario de mañá. Ademais de postos de venda os sábados no mercado haberá cata de produtos, obradoiros de artesanía e cociña e sorteo de produtos.

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) celebrou este pasado martes, 7 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o acto de presentación do seu recoñecemento oficial como Centro Comercial Aberto (CCA), unha distinción outorgada pola Xunta de Galicia, que acredita a consolidación da entidade como motor de dinamización comercial e social do municipio.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organizou unha xuntanza para o vindeiro luns, 13 de outubro, co obxectivo de que o persoal das empresas amesás relacionadas coa hostalería e a restauración poidan coñecer o mercado de horta e artesanía e os produtos alimentarios e artesanais que nel se expoñen e venden todos os sábado na praza da Maía, en Bertamiráns. Dito encontro celebrarase ás 9.30 horas no salón de plenos da Casa do Concello. As persoas que estean interesadas en acudir poden confirmar a súa asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal.

A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), coa colaboración do Concello de Ames, lanza unha nova edición dos ‘Bonos Xeames’ para impulsar as compras no comercio local. Esta campaña repartirá en total 200 bonos Xeames para gastar nos comercios adheridos a XEA e estarán á venda ata o vindeiro 15 de outubro. Os bonos teñen un valor de 50 euros, dos cales o usuario pagará 40 euros e XEA agasallará os 10 euros restantes. A validez destas tarxetas será ata o 31 de outubro e poderán adquirirse na oficina de XEA, localizada na rúa do Pedregal, número 4, en Bertamiráns, de luns a venres en horario de mañá 9.30 a 13.30 horas; e luns, mércores e xoves tamén pola tarde en horario de 17.00 a 19.30 horas. Para máis información, pódese chamar ao número de teléfono 641 116 005.

A pasada fin de semana púxose en marcha o mercado de produtos da horta e artesanía de Ames, que se vai a celebrar tódolos sábados na praza da Maía, en Bertamiráns, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Ademais dos postos de venda, cada semana haberá diferentes obradoiros de artesanía e cociña, degustacións e catas e sorteos de produtos. Este vindeiro sábado, 27 de setembro, será a quenda da estrea do “Club tixolas”, un club de cociña para nenos e nenas de 6 a 12 anos que pretende achegar aos máis pequenos ao mundo culinario e a realizar receitas con produtos frescos de proximidade. Terá lugar desde as 11.30 ata as 13.00 horas. A inscrición é de balde e estará aberta ata este venres ás 14.00 horas. Para inscribirse, hai que enviar un correo ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal co nome, apelidos e idade do menor xunto cun teléfono de contacto. Hai 30 prazas dispoñibles.
- ‹ anterior
- 5 de 56
- siguiente ›




