Actualidad

Co gallo do Día do Libro, que se celebra o 23 de abril, as bibliotecas municipais de Ames presentan dúas novas actividades de animación á lectura, que se enmarcan dentro da súa programación “Abril, mes do libro”: un concurso de debuxo e a campaña Superlectores, que por segundo ano consecutivo buscan recoñecer ao seu público infantil e xuvenil sorteando varios lotes de libros.

As bibliotecas municipais de Ames pechan o mes de marzo cun novo encontro literario. Nesta ocasión presentarase o libro “El eco de tu voz”, de Juan Galán. Será no Pazo da Peregrina de Bertamiráns este xoves 30, ás 20:00 horas. Acompañará ao autor o historiador e profesor da USC Francisco Leira Castiñeira, nun acto que estará presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Este xoves, 16 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns un novo encontro literario, organizado polo departamento de Bibliotecas de Ames. Desta volta, a protagonista será a autora Úrsula Heinze, que presentará a obra “Flashes II”, editada por Fervenza. Trátase da segunda parte dunha guía persoal que reflicte un retrato da propia autora ao longo dos anos.

As bibliotecas municipais de Ames preparan un novo obradoiro co gallo da celebración do Día Mundial da Poesía. O taller, que está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria, terá lugar o venres 24 de marzo no Milladoiro, e o sábado 25 en Bertamiráns. É preciso anotarse previamente para participar, entre hoxe, día 13, e o vindeiro mércores 22. As inscricións poden facerse escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 53 08 07 (no caso de querer asistir ao obradoiro do Milladoiro) ou 981 88 48 29 (no caso de querer asistir ao de Bertamiráns).

Dende este luns, 6 de febreiro, está aberto o prazo para inscribirse nunha nova actividade de animación á lectura, desta volta na biblioteca de Bertamiráns, na que se organizan tres sesións de contacontos. Celebraranse os días 14, 15 e 16 de febreiro ás 17:30 horas, e están dirixidos a crianzas de entre 3 e 8 anos. Para anotarse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, indicando nomes, apelidos, idades dos nenos/as e un teléfono de contacto. Tamén se pode chamar ao número 981 884 829. Para consultar a programación de contacontos do primeiro semestre do ano ao completo pódese premer nesta ligazón.

As bibliotecas municipais de Ames abriron 2023 con dous encontros literarios protagonizados por Patricia de Lorenzo, que presentou o libro "Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural", e por Alfonso Pexegueiro, que falou da súa última obra “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”. Os Encontros literarios continúan durante os meses de febreiro e marzo con cinco novas presentacións a cargo de Xosé Antonio López Silva, Martiño Santos Canosa, Marilar Aleixandre, Ursula Heinze e Juan Galán. Os/as autores/as estarán acompañados/as pola concelleira de Cultura, Natividade González. Este xoves, 2 de febreiro, Xosé Antonio López Silva, presentará “Historia natural de Plinio, el bibliotecario del mundo”, de Editorial Almuzara. A entrada para asistir aos Encontros literarios é libre ata completar aforo.

O departamento de Bibliotecas do Concello de Ames, dependente da Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, presentou cinco novas propostas de animación á lectura entre o público infantil para o primeiro semestre deste ano 2023. Trátase de sesións de contacontos, que, como habitualmente, terán lugar tanto na biblioteca de Bertamiráns como na do Milladoiro, e que están enfocadas á cativada de entre 3 e 8 anos. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Este mércores, 18 de xaneiro, celébrase o primeiro dos encontros literarios do ano 2023 organizados polas bibliotecas municipais de Ames. Nesta ocasión, o Pazo da Peregrina acollerá a Patricia de Lorenzo, que presentará “Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural”, unha obra editada por Kalandraka. O evento terá lugar ás 20:00 horas, e contará tamén coa presenza de Miguel de Lira e de Xesús Ron, tamén compoñentes do grupo teatral que titula o libro; de Marta Vega Lorenzo, espectadora de Chévere; así como da concelleira de Cultura, Natividade González, que será a presentadora.

As bibliotecas municipais de Ames abren 2023 con dous encontros literarios. Nesta ocasión acollendo a Patricia de Lorenzo, e ao libro "Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural" e a Alfonso Pexegueiro, e ao seu libro “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”. Será o mércores 18 e o xoves 19, sempre ás 20:00 horas e no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Os dous actos estarán presentados pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Dende este luns, 9 de xaneiro, está aberto o prazo para inscribirse nunha nova actividade de animación á lectura, desta volta na biblioteca de Bertamiráns, que organiza tres sesións de contacontos. Celebraranse os días 17, 18 e 19 de xaneiro ás 17:30 horas, e están dirixidos a cativos e cativas de entre 3 e 8 anos. Para anotarse é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, indicando nomes, apelidos, idades dos nenos/as e un teléfono de contacto ou chamar ao número 981 884 829.
- ‹ anterior
- 7 de 16
- siguiente ›




