Actualidade

Ex., 02-07-2026
Ex., 02-07-2026
Venres, 21 de decembro de 2018

[21-12-2018] A oficina municipal de información xuvenil (OMIX) organizou durante os meses de novembro e decembro o ciclo formativo “Máis que 2.0”, que estivo dirixido á mocidade amesá. Dentro de dito ciclo organizáronse un obradoiro de marketing dixital e outro de emprendemento xuvenil. O primeiro deles foi impartido na Aula Cemit, da Casa da Cultura de Bertamiráns, e o segundo realizouse en varias sesións no IES de Ames para o alumnado de 4º de ESO e 2º de bacharelato. En total participaron 46 mozos e mozas de Ames.

Venres, 21 de decembro de 2018

[21-12-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público a resolución pola que se aproba o anuncio co resultado final do proceso selectivo para a selección e contratación de dous técnicos de inserción laboral para o programa "InserAmes Brión XI". Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dita resolución.

Venres, 21 de decembro de 2018

[21-12-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público a resolución pola que se aproba o anuncio co resultado da fase de opoción do proceso selectivo para a selección e contratación de dous técnicos de inserción laboral para o programa "InserAmes Brión XI". Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dita resolución.

Venres, 21 de decembro de 2018

[21-12-2018] Premendo nas ligazóns que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter os menús dos almorzos e do xantar que se servirán no Nadal Lúdico. O servizo desenvolverase, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro e 2, 3, 4 e 7 de xaneiro, en horario de 7:30h a 16:00 horas. Os menús están elaborados pola nutricionista municipal.

Xoves, 20 de decembro de 2018

[20-12-2018] O xurado do Premio Lingua e Empresa decidiu por unanimidade, e conforme a posibilidade que se establece nas bases, outorgar o premio ex aequo, repartindo o importe do premio a partes iguais entre as empresas: Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral Galega SL. Deste xeito, recibirán un premio económico de 833,33€ e unha campaña de difusión na Radio Municipal de Ames. Este premio foi creado polo Servizo de Normalización Lingüística e polo departamento de Promoción Económica co obxectivo de recoñecer de forma pública o uso e fomento do galego na actividade empresarial.

Xoves, 20 de decembro de 2018

[20-12-2018] A actividade realizouse, por terceiro ano consecutivo, nas escolas municipais do Bosque e A Madalena, nas escolas da Rede Galiña Azul de Bertamiráns e do Milladoiro e nas escolas unitarias da Tarroeira e de Covas. O contador de contos, Anxo Moure, foi o responsable de encarnar ao Apalpador, figura da mitoloxía galega que, por estas datas, baixa das montañas do Courel para tocar a barriga das máis cativas e cativos, comprobando así a fame que estes poidan ter e deixándolles, de paso, castañas e eventualmente algún agasallo. A visita foi organizada polo Concello de Ames a través da Concellaría de Cultura.

Xoves, 20 de decembro de 2018

[20-12-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organizou para este sábado, 22 de decembro, ás 20:00 horas, un concerto de Nadal no que se darán cita varias corais do concello. Neste encontro actuarán a Coral Antonio Santomil de Bugallido, a Coral de Piñeiro e Ames, a Coral Lojo Batalla de Tapia e mailo Coro de Oca. Este concerto terá lugar no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade está dirixida a todos os públicos. A entrada é de balde ata completar aforo.

Xoves, 20 de decembro de 2018

[20-12-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai pública a plantilla coas respostas do exame tipo test realizado no proceso selectivo para a creación dunha bolsa de traballo de administrativos do Concello de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dita plantilla.

Mércores, 19 de decembro de 2018

[19-12-2018] Este martes, 18 de decembro, celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2019” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 1.335.090€, dos cales 1.195.090€ serán para facer novos investimentos, principalmente no rural, e 140.000€, dedicaranse ao financiamento de actividades e material das áreas de Cultura, Deportes, Servizos Sociais, Turismo e Promoción Económica. Da partida destinada a investimentos; 427.005€ corresponden a achega provincial de 2019 (antigo POS); 378.670€ son da achega provincial de 2018 (antigo PAS); 389.415€ do préstamo provincial de 2019 (antigo PAI). O 86,2% do financiamento dedícase a proxectos no rural, mentres que o 13,8% restante dedicarase a obras nos espazos urbanos.

Mércores, 19 de decembro de 2018

[19-12-2018] O Concello de Ames mantén o seu rexeitamento a construción da nova EDAR de Santiago de Compostela, no lugar do Souto, e segue mantendo que a ubicación máis axeitada é en Silvouta, tal e como apoia o goberno municipal de Compostela e mailo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Tras unhas semanas de incerteza, a reunión mantida onte en Madrid entre representantes do goberno compostelá, membros da Xunta de Galicia e do Ministerio para a Transición Ecolóxica, serviu para clarificar que a nova infraestrutura executarase na parcela da Silvouta, que acolle a actual EDAR, que non ten a capacidade necesaria.