Pestanas principais

Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral Galega SL gañan o Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá

Xoves, 20 de decembro de 2018

[20-12-2018] O xurado do Premio Lingua e Empresa decidiu por unanimidade, e conforme a posibilidade que se establece nas bases, outorgar o premio ex aequo, repartindo o importe do premio a partes iguais entre as empresas: Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral Galega SL. Deste xeito, recibirán un premio económico de 833,33€ e unha campaña de difusión na Radio Municipal de Ames. Este premio foi creado polo Servizo de Normalización Lingüística e polo departamento de Promoción Económica co obxectivo de recoñecer de forma pública o uso e fomento do galego na actividade empresarial.

O Servizo de Normalización Lingüística e o departamento de Promoción Económica do Concello de Ames organizaron, de maneira conxunta, o I Premio Lingua e Empresa. A través desta iniciativa, que se celebrou por primeira vez este ano, búscase recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.

Nesta primeira edición presentáronse ao certame 13 empresas relacionadas cos sectores da estética; artesanía, roupa e accesorios; brasería; moda infantil; froitas e verduras; venda de roupa; animación infantil; inmobiliaria e seguros; asesoría; reparación de calzado; procuradora; óptica e estudos musicais.

O xurado estivo formado por Valentina Formoso Gosende, profesora de lingua galega e coordinadora do Equipo de Normalización do IES do Milladoiro; Felix Caramés Blanco, técnico da Unión de Consumidores de Galicia; e Salomé Blanco Caramés, representante da Asociación de empresarios do Parque empresarial Novo Milladoiro. En representación do Concello de Ames participaron Rosa Moreiras, técnica de Normalización Lingüística; e Jorge Couñago, Axente de Desenvolvemento Local.

Despois de examinar a documentación e valorar os méritos de todas as empresas presentadas como candidatas, o xurado decidiu por unanimidade, e conforme a posibilidade que se establece na base cuarta das bases do premio, outorgar o premio ex aequo, repartindo o importe do premio a partes iguais entre as seguintes tres empresas candidatas: Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral Galega SL. Cada unha destas empresas recibirá un premio económico de 833,33€ e unha campaña de difusión na Radio Municipal de Ames.

Coherencia do uso da lingua
O xurado, despois dun prolongado debate, decántase por estas empresas candidatas por mor da coherencia do uso da lingua en toda a documentación e comunicación empresarial e polo impacto que a súa actividade empresarial pode producir en sectores relevantes para o proceso de normalización lingüística. No caso de Biosbardos polo impacto entre a xente nova e as familias; no caso de Xestiago pola súa relación coas comunidades de veciños/as e polo impacto entre a veciñanza á que lle ofrece os servizos de inmobiliaria e seguros; por último, no caso de Asesoría Xeral Galega, polo impacto que a súa actividade en galego pode ter no sector empresarial ao que lle ofrece os seus servizos.

A concelleira de Normalización Lingüística amosou a súa satisfacción “polo número de empresas presentadas ao concurso e todas elas con unha traxectoria moi salientable na utilización da nosa lingua na súa actividade. Agardo que este premio sirva como impulso para que outras empresas rachen coas inercias e incorporen o galego na súa actividade empresarial”.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, agradeceu a participación das 13 empresas que optaron a dito premio e dixo “agardo que o premio vaia medrando ano a ano e que para a próxima edición se incremente o número de empresas participantes”. Ademais, incidiu en que “hai moitos establecementos e empresas que xa fan uso do galego na súa actividades, pero a través desta iniciativa demos un primeiro paso para implicar a máis entidades. Preténdese que o uso do galego non sexa un obstáculo senón un aspecto positivo”.

Criterios de valoración
O xurado valorou o uso da lingua galega na actividade das empresas propostas, tanto no referente á comunicación externa como á interna. Así, tívose en conta o uso da lingua galega en ferramentas como páxina web, redes sociais, servizos e atención ao cliente ou comunicación e campañas publicitarias/promocionais do establecemento empresarial. Asemade, valorouse tamén de forma positiva o uso do galego na comunicación interna da empresa, na comunicación co persoal ou entre os departamentos, e a existencia de normas de usos lingüísticos que fomentan o uso do galego e a diversidade lingüística. Tamén se puntuou positivamente o impacto que a actividade da empresa ten en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Premio a Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral por usar o galego"
Compostela 24 horas: "Biosbardos, Xestiago e Asesoría Xeral Galega SL gañan o Premio Lingua e Empresa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá"