Unión Europea. Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. "Unha maneira de facer Europa"
Mellora da eficiencia enerxética na iluminación do rural do concello de Ames
O Concello de Ames ten concedida por parte do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) unha subvención de 1.176.231,15 euros, para a execución e desenvolvemento dun proxecto singular de aforro e mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural. Este préstamo do IDAE conta con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional (FEDER). A subvención concedida enmárcase dentro da convocatoria de axudas, regulada polo Real Decreto 616/2017, do 16 de xuño, publicado no BOE número 144, do 17 de xuño de 2017, e que se enmarca dentro do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.
Deste xeito, vaise a renovar a iluminación pública exterior das vías públicas das parroquias, actuando en 4.540 dos 7.133 puntos de luz existentes no municipio, substituíndo as actuais luminarias por luminarias LED máis eficientes e actualizando 120 dos 173 cadros de mando existentes para adaptalos á normativa vixente. Con esta actuación diminuirase a potencia de 573 kW a 274 kW e conseguirase un aforro enerxético estimado do 53,43%. As luminarias incluídas no proxecto singular e que serán substituídas por outras máis eficientes atópanse maioritariamente en vías rurais.
O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 1.470.288,94 euros e a subvención concedida polo IDAE é do 80% do total. O cofinanciamento que achegará o IDAE procede dos fondos FEDER da Unión Europea cos que se dotou o eixo 4 do Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020, destinado integramente ao cofinanciamento de proxectos que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono. Polo tanto, a través dos fondos europeos, o Concello obtén unha contía de 1.176.231,15 euros. O 20% restante, 294.057,80 euros, será sufragado con fondos propios municipais.
O 26 de xuño de 2020 a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación, á entidade Taller De Ingeniería MYL, SLP, do servizo de redacción de proxecto e dirección facultativa da actuación de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural. A oferta económica da redacción do proxecto ascende a 19.965 euros, mentres que a oferta da dirección de obra ascende a 13.794 euros.
O 30 de decembro de 2020 aprobouse en Xunta de Goberno Local o expediente de contratación das obras de instalación e montaxe dos elementos descritos no proxecto de mellora de eficiencia enerxética do alumeado do rural do concello de Ames, actuación IDAE, convocando a súa licitación. Posteriormente, o 5 de xullo de 2021 asinouse o contrato coa empresa adxudicataria, Serveo, para executar a obra de substitución do alumeado do rural por luces LED.