BERTAMIRÁNS. Parroquia de Ortoño
A historia deste pazo resulta bastante escura e imprecisa. Algúns autores relacionan a súa orixe coa Casa de Altamira, pero esta teoría parece pouco probable, xa que Bertamiráns pertencía á xurisdición da Maía, dominada polo arcebispado compostelán, e ambas as dúas institucións mantiveron entre elas grandes disputas polo dominio de terras da área compostelá. O Pazo da Peregrina puido nacer como centro de recadación de rendas, ben do cabido de Santiago ou ben dalgún comerciante acomodado. Na documentación parroquial de finais do século XIX aparece descrita como "casa de quinta", é dicir, casa de campo pertencente a unha familia acomodada. O actual complexo presenta as características propias dun pazo: casa principal, edificios auxiliares destinados a dependencias labregas, capela e xardín; todo isto pechado por un muro no que se abren varias entradas. Estas construcións ordénanse arredor dun patio presidido por unha fonte ornamental. A vivenda principal é un edificio de grandes dimensións con dous andares e planta en forma de T, cunha balconada que serve de solaina. As dúas construcións auxiliares, situadas a ambos os lados da entrada principal, son similares ás casas de sobrado tradicionais da zona. A máis grande conserva un antigo forno e lareira, na parte superior situábanse os cuartos dos caseiros e a inferior estaba adicada a almacén, bodega e cortes. A pequena conserva nunha das fachadas un pequeno pombal. A capela é un templo pequeno e sinxelo, de planta rectangular e nave única con cuberta a dúas augas. A falta de documentación anterior fai pensar que se construíu no século XIX . Nela dicíase misa todos os domingos e, o día da festa, ademais dos oficios relixiosos celebrábase unha romaría no patio.
Outros datos:
A última herdeira do pazo foi Elena Togores Paramés, esposa do xeneral José Luis Azcárraga. O complexo pasou a ser propiedade municipal no ano 1992, tras o acordo cunha empresa construtora que o mercara. A remodelación dos edificios, que se atopaban case en ruínas, levouse a cabo en dúas fases: a primeira entre os anos 1998 e 1999 e a segunda entre o 2000 e o 2001. A reforma tamén lle afectou á parcela xa que o espazo que hoxe se destina a xardíns estaba ocupado por zonas de cultivo, por videiras e por árbores froiteiras. Actualmente acolle as dependencias da Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, e serve de escenario para a celebración de exposicións, vodas, eventos, etc. Os xardíns son de acceso libre.