Actualidade
[14-06-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle mañá, venres 15 de xuño, ás 20.30 horas, a representación da obra “A mansión de José Cruz”, escrita e dirixida por Lucas Herrador e protagonizada polr un grupo aproximado de 20 persoas que forman parte do grupo de teatro Down Compostela. A entrada será de balde ata completar aforo. Será unha obra terrorífica, moi divertida e que nos fará pensar. Esta é a décima obra que representa o grupo de teatro de Down Compostela.
[14-06-2018] Este sábado, 16 de xuño, a partir das 17:00 horas, o Pazo da Peregrina volverá acoller unha nova edición do Encontro Intercultural. Esta actividade, que está aberta a toda a veciñanza, incluirá, seguindo esta orde: unha degustación de pratos tradicionais elaborados por familias migrantes afincadas en Ames; a actuación do grupo Ascuas; a realización de diferentes obradoiros dirixidos a crianzas e maiores; e a inauguración, cunha visita guiada da man do propio autor, Felipe Carnotto, da exposición fotográfica “No colo da esperanza”. A iniciativa, que está comprendida na Estratexia de Inclusión Social de Galicia (2014-2020), está confinanciada pola Unión Europea a través do Programa Operativo FSE Galicia.
[14-06-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza uns cursos de iniciación ao piragüismo durante os meses de xuño, xullo e agosto. Esta actividade está dirixida aos nenos/as nados entre o 2004 e o 2011. Esta actividade impartirase do 25 de xuño ao 17 de agosto, os luns, mércores e venres. O prazo para apuntarse xa está aberto e finalizará no momento no que se acaben as prazas dispoñibles. Cómpre salientar que as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
[14-06-2018] O servizo de comedores escolares de Ames ten á súa disposición un novo vehículo para o transporte de alimentos elaborados. Trátase dunha nova furgoneta máis ampla que a actual. Esta mañá asinouse a acta de recepción entre o alcalde de Ames, José Miñones, e o director de ventas da entidade Yañez SL, Óscar Rey. Ao acto de entrega asistiu a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e maila concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero. O contrato de adquisición deste novo vehículo foi adxudicado por un importe de 24.970 euros. Este importe foi sufragado polo ente provincial.
[14-06-2018] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o decreto polo que se aproban as bases do proceso selectivo e se fixan as datas das probas para a selección e contratación temporal de persoal (1 enxeñeiro técnico forestal e 1 capataz) da brigada de xestión da biomasa e labores silvícolas para a prevención de incendios forestais, subvencionada a través do programa de fomento do emprego no medio rural, Aprol Rural, da Consellería de Economía, Emprego e Industria correspondente ao expediente TR351G2018-000071-1. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o devandito decreto coas bases.
[13-06-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, organiza este sábado, 16 de xuño, unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11:00 e as 13:30 horas. Esta actividade ten a finalidade de que os amesáns e as amesás que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada será de portas abertas polo que poderán asistir todas aquelas persoas interesadas nesta actividade pero que sexan maiores de 7 anos. Para participar nesta actividade gratuíta hai que levar traxe de baño, unha camiseta e chancletas. O que si é imprescindible é saber nadar. Non é necesario inscribirse previamente.
[13-06-2018] En resposta ao chamamento feito pola Federación Española de Municipios y Provincias, o Concello de Ames ofreceu a súa colaboración e pon a disposición da FEMP os recursos que poida ter para colaborar na acollida dos refuxiados/as que viaxan no barco humanitario "Aquarius". Asemade, dende Ames conmemoran o Día Mundial do Refuxiado, que se celebra cada 20 de xuño, coa exposición da mostra "No colo da esperanza", que poderá visitarse no Pazo da Peregrina ata o venres 29 de xuño. Dita mostra será inaugurada este sábado, 16 de xuño, durante a celebración do Encontro Intercultural cunha visita guiada da man do propio autor, Felipe Carnotto.
[13-06-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, acaba de publicar a programación trimestral deportiva que se desenvolverá entre os meses de xuño e setembro. A programación inclúe a celebración de actividades tais como campionatos, campus, campamentos, xornadas e carreiras. Con dita programación, na que participan activamente diferentes clubs e entidades deportivas de Ames, o goberno municipal mostra a súa aposta polo práctica deportiva.
[13-06-2018] A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) ofrecerá este xoves, 14 de xuño, unha serie de audicións de piano na Aula 10 do Edificio Multiusos de Aldea Nova. As audicións, que comezarán ás 18:00 horas, teñen como obxectivo que o alumnado da EMMA poida amosar as súas familias e amizades o traballo desenvolvido desde o inicio do curso.
[13-06-2018] O Concello de Ames informa de que xa están expostas as listas definitivas de usuarios/as admitidos/as no programa Xuño Lúdico. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as listas de Bertamiráns e Milladoiro. Debido a Lei de Protección de Datos non se poden publicar datos de carácter persoal nesta lista, pero pódese comprobar se unha rapaza ou rapaz está admitido a través do número de rexistro que figura nesta lista e na copia do impreso de inscrición de cada usuaria/o. As listas tamén se pode consultar nas oficinas do departamento de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, nas portas de entrada da Casa do Concello e nas oficinas municipais do Milladoiro.
- ‹ anterior
- 653 de 1382
- seguinte ›