Actualidade
[14-01-2019] O Concello de Ames publica os resultados do sorteo público das doce prazas dispoñibles para participar na Campaña de esquí que organiza a Deputación da Coruña na estación de Manzaneda. O sorteo tivo lugar este luns, 14 de xaneiro, no Salón de Plenos ás 12.00h. Dirixida a rapazas e rapaces de 11 a 15 anos, ambos incluídos, a campaña inclúe a realización de cursos de esquí. As mozas e mozos amesáns participarán deste programa entre 25 e o 28 de xaneiro. O custo desta actividade, que conta con 12 prazas dispoñibles, é de 85 euros. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a listaxe de participantes nesta Campaña de Esquí 2019.
[14-01-2019] O centro de depósito de residuos do Punto Limpo, situado no polígono do Milladoiro, continúa a rexistrar uns magníficos datos que amosan a concienciación da cidadanía amesá co medio. No mes de decembro, 492 usuarios/as fixeron uso deste servizo. Das achegas feitas ao longo do pasado mes destacan fundamentalmente os residuos eléctricos e electrónicos que se achegaron aos 2.891 quilogramos. Este servizo municipal está xestionado pola empresa Urbaser.
[12-01-2019] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade informa á veciñanza amesá de que unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) estará este luns e martes, 14 e 15 de xaneiro, no Milladoiro e Bertamiráns. No Milladoiro, o vehículo estacionará o luns na rúa Cruxa, na intersección coa rúa Rosalía de Castro, en horario de 09.30 a 14.30 e de 15.30 a 21.00h. Lémbrase que se deberá acudir en posesión da tarxeta de doante ou do DNI ou un documento identificativo similar. O Concello de Ames colabora coa campaña solidaria da Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos #súmatedoasangue.

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 13 de decembro os expedientes de licitación, por procedemento aberto simplificado, das obras para a construción de dous anfiteatros para a mocidade en Bertamiráns e Milladoiro, así como o contrato de subministro de luminarias para distintos lugares das parroquias do Concello, como Ameixenda, Ames e Biduido. Estas actuacións foron escollidas pola veciñanza amesá dentro do Proceso de Orzamentos Participativos 2018.
[11-01-2019] O Concello de Ames participa, un ano máis, na campaña de esquí que organiza a Deputación da Coruña entre o 25 de xaneiro e o 25 de febreiro. Dirixida a rapazas e rapaces de 11 a 15 anos, ambos incluídos, a campaña inclúe a realización de cursos de esquí. As mozas e mozos amesáns participarán deste programa entre 25 e o 28 de xaneiro. A data de inscrición rematou o pasado 10 de xaneiro e, como o número de inscritos supera o das prazas dispoñibles, este luns, 14 de xaneiro, realizarase o sorteo público das prazas no Salón de Plenos da Casa do Concello a partir das 12.00h.
[11-01-2019] Para recibir o 2019 con enerxía, Rutas a Pie, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica e Turismo, imparte esta fin de semana un curso de iniciación ao uso do GPS, aplicado á práctica do sendeirismo, que se realiza o sábado 12 e o domingo 13 de xaneiro. Esta actividade terá lugar no Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, en horario de 09:30h a 19:00 horas.
[11-01-2019] O Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este domingo, 13 de xaneiro, ás 17.00h a presentación do libro-CD Son da Maía. A obra consiste nun CD froito da escolla de quince temas interpretados por Xermán Vázquez Soneira, que supoñen un percorrido polo folclore da comarca amesá que lle da nome, e un libro no que non só se explica o contexto social e histórico das pezas, senón tamén a realización dunha viaxe pola vida de Xermán, un dos derradeiros gaiteiros da Maía. A entrada ao evento é de balde.
[11-01-2019] Un total de oitenta familias foron atendidas dentro do programa Educación Familiar, do Concello de Ames ao longo de 2018. A través deste servizo, o departamento de Servizos Sociais ten un contacto directo coas familias, mediante o que lles presta apoio educativo e psicosocial , co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais de maltrato infantil, ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un axeitado exercicio de responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia ca introdución da perspectiva de xénero.
[10-01-2019] A Escola Municipal de Música de Ames informa que esta semana non se impartirá a clase de Linguaxe Musical na EMMA por baixa da profesora
[10-01-2019] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai pública a resolución da Alcaldía número 38/2019, pola que se resolve a creación dunha bolsa de traballo de administrativos do Concello de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito documento.
- ‹ anterior
- 586 de 1382
- seguinte ›