Actualidade
[26-01-2019] Este venres, 25 de xaneiro, celebrouse a décimo terceira edición da Gala do Deporte de Ames no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, que volveu a encherse para acoller a gran festa do deporte amesán. A Gala combinou espectáculos de luz e son. Nesta ocasión o padriño da Gala foi o ciclista Gustavo César Veloso, gañador dunha etapa da Volta a España e profesional desde o ano 2001. Os xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera foron os encargados de amenizar a Gala e de dar paso ás premiadas e premiados da noite. Blanca Millán e Borja Golán foron elixidos como os deportistas máis destacados do 2018, mentres que Gabriel Martínez levou o premio especial do público.
[25-01-2019] Na Xunta de Goberno Local do 17 de xaneiro de 2019 aprobouse a convocatoria, por adxudicación directa, das unidades de enterramento que quedaron sen adxudicar na licitación anterior (aprobada en Xunta de Goberno Local do 26 de outubro de 2017). Os/as interesados/as deberán presentar a correspondente solicitude de adxudicación directa de unidades de enterramento do cemiterio municipal de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito anuncio.
[25-01-2019] O Concello de Ames conta cunha brigada de Garda Medioambiental que traballa no mantemento e na mellora das condicións ambientais do medio natural. Este equipo de traballo ten como obxectivo principal traballar na conservación dos recursos naturais e o mantemento do equilibrio ecolóxico facendo cumprir a normativa vixente. Entre as súas funcións destaca a erradicación de vertedoiros incontrolados; o mantemento e xestión das rutas naturais do Concello; o desbroce de vexetación nos espazos naturais; a colaboración nas actividades necesarias para a prevención e detección de incendios; así como actuacións puntuais e urxentes no medio.
[25-01-2019] O Concello de Ames, a través do departamento de Persoal, fai público o anuncio coa lista definitiva de admitidos e excluídos do proceso selectivo para a selección e contratación laboral fíixa dun oficial da brigada de obras. Fíxase como data da constitución do Tribunal o vindeiro 30 de xaneiro de 2019. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter dito anuncio.
[25-01-2019] A Aula CeMIT de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, presenta a súa programación para os meses de febreiro e marzo, con cursos para adultos e actividades para os/as máis cativos/as. Con motivo do entroido, organízanse catro obradoiros para crianzas e adolescentes. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á propia aula, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.
[25-01-2019] O CEIP de Barouta celebra, coa colaboración do Concello de Ames, a terceira edición da súa carreira solidaria o vindeiro mércores, 30 de xaneiro, con motivo da conmemoración do día pola paz e a non violencia. Este ano, ao evento non só acudirán os/as mestres/as, familias e alumnado deste colexio, tamén participarán o alumnado de 6º de primaria do CEIP de Agro do Muiño e do CEIP A Maía, o EEI Cobas, e mestres e familias de ditos centros. Baixo o lema “Barouta Móvese pola Paz”, o colexio pretende implicar a toda a comunidade nun acto solidario co que se recadarán recursos para o Banco de Alimentos do Concello de Ames. Esta iniciativa conta co patrocinio e a colaboración dun total de vinte e dúas organizacións e entidades, tanto públicas coma privadas.
[24-01-2019] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, recibiu na Casa do Concello ao presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González, que mantivo unha xuntanza co goberno municipal. De seguido, visitaron a senda peonil que se executou na estrada provincial DP 0205, que une a localidade de Bertamiráns con Agro do Muíño, onde hai unha urbanización de 150 vivendas e un colexio de infantil e primaria (entre os puntos quilométricos 0,780 e 1,830). A través desta actuación, para a que se dispuxo dunha achega da Deputación de 325.000 euros, mellorouse a seguridade peonil nesta zona pola que transitan moitas persoas. Con esta nova senda realizouse un circuíto para pasear ou correr que enlaza a pista da EDAR de Sisalde con este novo treito.
[24-01-2019] O Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames e a empresa Team Relay, organiza o vindeiro 3 de febreiro unha proba de resistencia en bicicleta de montaña, aberta a maiores de 16 anos. O percorrido, que sairá do parque do Pedregal de Bertamiráns, consistirá nun só recorrido duns sete quilómetros, cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros. O prazo de inscrición para participar na proba estará aberto ata o 29 de xaneiro ás 00.00h, e poderá realizarse a través da ligazón http://magmasports.es. Ao finalizar, entregaranse un total de 55 premios entre os e as participantes que queden nos primeiros postos das diferentes categorías.
[24-01-2019] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, a partir das 20.30h, a decimo terceira Gala do Deporte. O evento, organizado pola Concellaría de Deportes, homenaxe ás máis destacadas e destacados deportistas do concello durante o pasado ano, así como as entidades deportivas. O acto, que este ano é apadriñado polo ciclista Gustavo César Veloso, contará con actuacións en directo e demostracións da Escola Deportiva de ximnasia rítmica, e será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera.
[24-01-2019] O Concello de Ames informa que dende o Grupo Fenosa comunican que, co fin de efectuar traballos de mantemento e desenvolvemento na rede eléctrica necesarios para poder atender nas mellores condicións as necesidades de subministro da zona, vaise a realizar un corte na rede eléctrica o mércores, 30 de xaneiro, de 2.00 a 4.00 horas. Deste xeito, quedarán fora de servizo varias instalacións Avenida da Maía 68, 70, 78, 82; Lg. Aldea Bertamiráns 76; e Ameneiral 18. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o aviso completo.
- ‹ anterior
- 581 de 1381
- seguinte ›