Pestanas principais

Bertamiráns acolle a proba “3 horas resistencia BTT OEA- Concello de Ames 2019” o vindeiro 3 de febreiro

Xoves, 24 de xaneiro de 2019

[24-01-2019] O Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames e a empresa Team Relay, organiza o vindeiro 3 de febreiro unha proba de resistencia en bicicleta de montaña, aberta a maiores de 16 anos. O percorrido, que sairá do parque do Pedregal de Bertamiráns, consistirá nun só recorrido duns sete quilómetros, cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros. O prazo de inscrición para participar na proba estará aberto ata o 29 de xaneiro ás 00.00h, e poderá realizarse a través da ligazón http://magmasports.es. Ao finalizar, entregaranse un total de 55 premios entre os e as participantes que queden nos primeiros postos das diferentes categorías.


O vindeiro 3 de febreiro, en horario de 10.00 a 13.00h, terá lugar a proba de resistencia “3 horas resistencia BTT OEA – Concello de Ames 2019” nun circuíto semi-urbano situado no perímetro do núcleo urbano de Bertamiráns. O percorrido será duns 7 quilómetros cun desnivel positivo acumulado por volta de 90 metros, e contará con zonas con obstáculos, tanto naturais como artificiais, co obxectivo de aumentar o compoñente lúdico da proba. A zona de meta estará situada no parque do Pedregal de Bertamiráns, nos arredores da praza da Maía.

A xornada iniciarase ás 8.30h, momento no que se comezará a entregar os dorsais entre os participantes para que, deseguido, ás 9.45, a organización configure as grellas de saída. Ás 10.00 terá lugar a saída dos participantes na categoría individual, mentres que 5 minutos despois será a quenda da categoría por parellas. Ás 12.55h producirase o peche da entrada ao circuíto posto que, ás 13.00h darase por rematada a proba individual e ás 13.05h a proba por parellas. Ao final da proba terá lugar a entrega de premios entre as 3 ou 5 persoas, en función da subcategoría, que acadasen os mellores postos.

Dentro do circuíto, cada participante deberá levar posto un casco homologado para a práctica do ciclismo. Asemade, poderá levar outros compoñentes que considere oportunos sempre que non supoñan un inconveniente para o resto de participantes. A organización ofreceralle a todos os participantes unha pulseira con chip durante o desenvolvemento da proba, coa que se mediran os tempos de cara á elaboración da clasificación.

Categorías e clasificación
Os participantes dividiranse segundo participen de xeito individual ou por parellas. Dentro da proba por parellas, os grupos desdobrarase en base a que os seus integrantes sexan masculinos, femininos ou grupos mixtos. Dentro de cada unha destas tres subcategorías, premiarase aos 5 grupos que queden en mellor posición.

No tocante á proba individual, esta estará formada por cinco categorías en función da idade dos participantes. Así, os ciclistas nados entre o 2000 e o 2002 participarán na categoría Xuvenil, entre 1990 e 1999 na Senior, de 1980 a 1989 en Veteranos A, de 1970 a 1979 en Veteranos B, de 1950 a 1969 en Veteranos C. Tamén haberá unha sexta categoría xeral, na que se premiará ás ou aos cinco primeiros en chegar a meta, con independencia da súa categoría. Asemade, cada unha destas categorías estará subdividida en dous grupos: feminino e masculino.

En canto aos premios da categoría individual, en cada subcategoría (feminina e masculina) galardoarase ás tres persoas que acaden os primeiros postos, agás na categoría xeral, onde os premios se repartirán entre os cinco participantes que acaden as posicións máis altas.

A posición de cada participante nas distintas categoría determinarase en función do número de voltas realizadas dentro do tempo límite, entre as 10.00/10.05 e as 13.00/13.05h. No caso de que varios participantes completen o mesmo número de voltas, considerarase vencedor/a a quen complete o maior número de voltas en menos tempo. Por tanto, solo se contarán como voltas completas as realizadas antes da finalización das tres horas da carreira.

Inscrición telemática
Nesta proba organizada polo Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames e a empresa Team Relay, poderán participar todas aquelas persoas que o desexen con ou sen licenza federativa, sempre que teñan unha idade comprendida entre os 17 e os 69 anos que o desexen,. O prazo de inscrición xa está aberto, polo que as persoas interesadas poderán anotarse ata as 00.00h do 29 de xaneiro na seguinte ligazón. Non se admitirán inscricións fóra do prazo establecido nin se admitirán inscricións o día da carreira.

As persoas que desexen participar na proba terán que aboar unha cota de 12 euros para a categoría individual, e 20 euros na de parellas. Esta taxa de inscrición incluirá o dereito de participación na proba, o dorsal, avituallamento de líquidos e sólidos na zona de meta tanto durante como ao final da proba, control de tempos, asistencia médica, duchas e lavado de bicicletas, e seguro de accidentes e responsabilidade civil. Por tanto, a inscrición considerarase efectuada no momento no que se realice o pagamento.

Os menores de idade deberán enviar un correo electrónico a info@magmasports.es cunha copia firmada polos seus pais ou representantes legais da autorización, firmada por sus representantes legales. Dita autorización poderá solicitarse no correo osesfolaarros@gmail.com.

A proba, que estará limitada a 400 participantes, xa conta con máis de 120 inscritos. Calquera dúbida que teñan no proceso de inscrición poderán resolvela enviando un correo electrónico á dirección osesfolaarros@gmail.com ou mediante o facebook https://www.facebook.com/osesfolaarros/


Contido relacionado


Lindeiros: " 3 horas resistencia BTT OEA Concello de Ames 2019"