Pestanas principais

As promesas do deporte amesán danse cita este venres na XIII Gala do Deporte

Xoves, 24 de xaneiro de 2019

[24-01-2019] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, a partir das 20.30h, a decimo terceira Gala do Deporte. O evento, organizado pola Concellaría de Deportes, homenaxe ás máis destacadas e destacados deportistas do concello durante o pasado ano, así como as entidades deportivas. O acto, que este ano é apadriñado polo ciclista Gustavo César Veloso, contará con actuacións en directo e demostracións da Escola Deportiva de ximnasia rítmica, e será presentada polos xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera.


O Concello de Ames organiza a décimo terceira edición da Gala do Deporte, que se celebrará este venres, 25 de xaneiro, ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera serán os encargados de repartir os galardóns nas diferentes categorías. Ata o de agora, só se coñecen o Premio Colabor@mes e o recoñecemento especial, que recae no ultrafondista Diego Rojo, polo que os/as vencedores/as das demais categorías serán anunciados ao longo da Gala. Este ano o padriño da gala será o ciclista galego Gustavo César Veloso.

Veloso debutou como profesional co equipo portugués Carvalhelhos-Boavista no 2001, tralo que pasou por equipos como o Relax-Bodisol, o Kaiku, Karpin Galicia, Andalucía e o Quinta da Lixa. Durante a súa traxectoria, participou no Giro de Italia, en cinco ocasións na Volta de España, e dez etapas e dúas xerais gañadas no Volta a Portugal. No 2009, gañou en solitario a novena etapa da Volta a España, coa final en Xorret de Catí.

Premio Especial do Público
Este ano, o premio especial do público elixiuse entre a patinadora Nadia Iglesias, que revalidou no 2018 o título de campioa de España de patinaxe artístico na categoría júnior, subcampioa de Europa e quedou cuarta no Mundial júnior de patinaxe, celebrado en La Vendée (Francia); o xogador de squash, Borja Golán, que proclamouse neste 2018 como bicampión de Europa de squash e campión de España por decimo sexta vez; Nuria Rábano, quedou subcampioa do Mundial sub 20 coa selección española feminina de fútbol; a xogadora de baloncesto, Blanca Millán, que compite na National Collegiate Athletic Association (NCAA) e foi recoñecida a nivel individual como mellor xogadora da final e nomeada nos mellores quintetos ofensivo e defensivo da conferencia; e o padexeiro Gabriel Martínez, que durante este ano proclamouse campión de España júnior K-1 200 metros, campión de España K-2 200 metros e participou coa selección Española no Mundial júnior de Plovdiv (Bulgaria) en K-1 200 e K-4 500 metros.

Premio Colabor@ames
Como todos os anos, o Concello quere agradecer a labor e colaboración de empresas e administracións co deporte amesán. Nesta ocasión, o premio será para a Deputación da Coruña pola súa confianza e polas axudas aprobadas para as melloras das instalacións deportivas que se realizaron ao longo do ano, así como polo financiamento para o cambio do céspede e mellora da iluminación do campo de fútbol de Bertamiráns.

Deportista masculino máis destacado de Ames
Na categoría de Deportista masculino máis destacado de Ames, os candidatos son o xogador de baloncesto Pablo Hernández Montenegro, que leva tres anos en Estados Unidos e acaba de pechar a mellor campaña da Universidade dos últimos doce anos. Neste 2018 acadou o cuarto lugar na American Midwest Conference da NAIA, na que tamén estivo no segundo mellor quinteto. Ademais, figura na lista dos 63 atletas estudantes de baloncesto da División I nomeado pola Asociación Nacional de Atletismo Interuniversitario, e foi recoñecido coa mención NAIA All-American Honorable Mention e co premio Emil S. Liston Award. Tamén optan o xogador de squash Borja Golán, campión de Europa por segunda vez e campión de España por decimo sexta, e Guillermo Carracedo, campión galego de copa e circuíto de paddle surf, campión de España de circuíto e subcampión da copa, quedou terceiro de Europa e undécimo do Mundo en paddle surf.

Deportista feminina máis destacada de Ames
Na categoría de deportista feminina máis destacada de Ames as candidatas son a xogadora de tenis Celia Montero, subcampioa júnior individual, subcampioa dobres mixtos absolutos e semifinalista en dobres feminino absoluto nos campionatos galegos, mentres que se alzou como campioa no torneo Mercer University Individual e subcampiona no Florida State University; a patinadora Nadia Iglesias, que se alzou como campioa de España júnior, subcampioa de Europa júnior e cuarta no campionato do mundo júnior de patinaxe artística; e a xogadora de baloncesto Blanca Millán, campioa da conferencia Este da Liga Universitaria Americana e mellor xogadora da final, foi nomeada nos mellores quintetos ofensivo e defensivo da conferencia, así como no mellor quinteto xeral. Tamén estivo concentrada coa selección nacional no previo ao Europeo.

Deportista/ equipo máis destacada/o dun club de Ames
O equipo masculino de Superliga 2 de voleibol do CV Bruxas é o primeiro dos candidatos ao deportista/equipo máis destacado/a dun club de Ames polo seu primeiro ano de competición na división de prata nacional, a segunda categoría máis alta a nivel nacional, onde quedou en novena posicións dun total de once equipos. Outro dos posibles galardoados nesta categoría é Gabriel Martínez, do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre. Entre outros títulos, sobresaen na categoría júnior o de campión de España de pista en K-1 200 metros e de K-2 200 metros, formando parella con Ángel González, ademais de ir coa selección española ao Mundial júnior de Plovdiv en K-1 200 e K-4 500m. Tamén opta Daniel Mato, campión de España e campión galego na categoría cadete en lanzamento de xabalina, así como bronce no galego cadete ao aire libre en 300 ml e membro da selección galega cadete.

Promesa masculina máis destacada de Ames
Tres son os candidatos á categoría de promesa masculina máis destacada. Por unha banda, Samuel Míguez, campión galego de 100 e 200 metros braza, oitavo no campionato de España de 200m braza, foi convocado para o Grupo Especial de Seguimento da Federación Galega de Natación. Tamén opta a este premio Arón Astray, que participou coa selección española sub-17 e sub-19 no Campionato de Europa de selección onde a primeira quedou no terceiro posto e a segunda como sétima clasificada. A nivel nacional, destaca o terceiro posto no campionato de España sub-19 e o subcampionato coa sub-17, así como o campionato galego en ambas categorías no campionato de España de Seleccións Autonómicas. Alejandro Cereijo, terceiro no campionato galego sub10 de xadrez, conseguiu o ascenso a segunda división e o campionato do grupo D de terceira división na Liga Galega co equipo EXC Sabrina Vega. 2º galego do campionato de España sub10 rápidas, 4º en lentas, campión premundial sub10, 4º español do mundial sub10 e oitavo español no ranking ELO Fide 1669.

Promesa feminina máis destacada de Ames
A xadrecista Nerea Cereijo é a campioa galega feminina sub10, conseguiu o ascenso a segunda división e o campionato do grupo D de terceira división na Liga Galega co equipo EXC Sabrina Vega. 3ª do campionato de España feminino sub10 rápidas, 5ª en lentas, campioa premundial feminino sub10, 3ª española do mundial feminino sub10 e primeira española no ranking ELO Fide 1669. En baloncesto, alzouse como campioa local co equipo Premini Feminino do Peleteiro, quintas clasificadas na fase galega , e foi ás convocatorias das Concentracións CETI coa selección galega premini.

A segunda candidata é Alicia Lariño, patinadora da categoría benxamín nacional, campioa do Trofeo Deputación da Coruña, subcampioa do Trofeo Xunta de Galicia e do campionato provincial en Ribeira, así como no campionato galego en Caión e campiona do VII Trofeo Concello de Oroso e campioa do IV Trofeo Concello de Ordes. Pecha a lista Malena Pellegrino, que no 2018 pasou a formar parte da plantilla do primeiro equipo sénior autonómica, converténdose na xogadora máis nova en competir nesta categoría, aínda que compite tamén en cadete autonómica. Xogou seis partidos nesta primeira liga, ata que sufriu unha rotura de ligamento cruzado, o que non evitou que seguise asistindo aos adestramentos do club como monitora.

Mellor club
Optan a esta categoría todos os clubs de Ames.

Recoñecemento especial
Este ano, o recoñecemento especial recae no ultrafondista Diego Rojo Garrido. En setembro do 2018 participou no Spartathlon, unha carreira de ultrafondo na que os participantes deben percorrer os 246 quilómetros que separan as cidades de Atenas e Esparta nun tempo máximo de 36 horas. Entre os 381 participantes que comezaron esta edición, o amesán formou parte da lista dos 239 corredores que conseguiron rematala, e o único español en finalizala.

Se ben os requisitos de participación son moi selectivos, dita proba foi especialmente complicada na súa edición do 2018 pola chegada do ciclón Zorba, que tomou terra con chuvias torrenciais, desbordamentos e ventos de máis de 100 quilómetros por hora.