Actualidade

Ex., 29-06-2025
Ex., 29-06-2025
Luns, 25 de novembro de 2024
Pozo Bertamiráns Balizado

O Concello de Ames fai un chamamento á colaboración veciñal para a detección de pozos sen rexistrar, cubrir ou en mal estado. Se tes coñecemento de algún ou queres informarte para o rexistro dun da túa propiedade non dubides en chamar ao 981 88 30 02 en horario de 9.00 horas a 15.00 horas e pide falar co departamento de Medio Ambiente. Podes senón envíar un correo a gabinete@ames.gal cos datos do pozo en cuestión.

Luns, 25 de novembro de 2024
O Concello de Ames lembra ás vítimas de violencia de xénero no acto institucional polo 25N

Os representantes das formacións políticas amesás, e os membros do goberno municipal, achegáronse ata a praza do Concello este luns, 25 de novembro ás 11.00 horas, para participar nos actos do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller.  A Plataforma Feminista Galega en Ames convocou unha manifestación esta tarde ás 19 horas na praza da Maía, finalizando así ca súa programación de actos por este 25N.

Luns, 25 de novembro de 2024
O Punto Limpo recolleu en outubro máis de tres toneladas de residuos procedentes da construción

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 950 entradas en outubro. Durante o pasado mes destaca a achega de 3.433 quilogramos de madeira, 3.256 quilogramos de lixo procedente da construción (formigón, ladrillos e outros), 1.678 quilogramos de metais e 1.125 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES). Ademais, a través do Punto Limpo móbil recolléronse diferentes residuos en 6 entradas.

Luns, 25 de novembro de 2024
A Aula CeMIT organiza oito cursos formativos para rapaces e adultos

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante o mes de decembro con tres cursos dirixidos á rapazada e tres cursos para adultos. Os contidos céntranse na creación do currículum ou na busca de emprego a través da Internet, entre outros. A inscrición en calquera dos cursos pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

Domingo, 24 de novembro de 2024
Gran afluencia de xente nunha IV edición de “Tanto monte, monte tanto” que aspira a seguir medrando

A cuarta edición da feira “Tanto monte, monte tanto”  prevista inicialmente para os días 23 e 24 de novembro no campo da festa de Trasmonte tivo que ser reducida a unha única xornada debido ás condicións meteorolóxicas adversas que se manifestaron durante o domingo, 24 de novembro. Perse a esta circunstancia, o evento co que o Concello de Ames quixo valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte, bateu todos os rexistro de afluencias das edicións pasadas, duplicando á asistencia do 2023 e triplicando a do 2022. Premendo nesta ligazón pódese acceder á galería de imaxes da Feira do Monte 2024.

Domingo, 24 de novembro de 2024
Remata o programa Cine de Outono coa proxección do documental "Os Espazos en Branco"

O vindeiro martes, 26 de novembro, remata o ciclo Cine de Outono 2024, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. A última proxección do ciclo é a do documental Os Espazos en Branco, que poderase ver no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas. As entradas poden adquirirse a través da Billeteira electrónica. Trátase dun filme, dirixido polo cineasta vigués Bruno Arias, que foi galardoado co premio Mestre Mateo a mellor documental.

Sábado, 23 de novembro de 2024
Punheta, Galibrownie, Mil e un instrumentos, As princesas tamén falan galego, Ven falar galego e Fitness da nosa terra son os vídeos gañadores do Galetiktokers 2024

Punheta, Galibrownie, Mil e un instrumentos, As princesas tamén falan galego, Ven falar galego e Fitness da nosa terra son os vídeos gañadores do Galetiktokers 2024. Os premiados déronse a coñecer nunha gala celebrada hoxe sábado, 23 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, que estivo presentada e dirixida polas/os creadoras/es de contido en galego, Nuria Grandío @konachadas e Rodri Míguez @rodrimiguez97, e amenizado polo rapeiro amesán Big Meu. Asistiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e maila concelleira de Mocidade, Carmen Porto. En total repartíronse 1.800 euros en premios.

Sábado, 23 de novembro de 2024
O Concello de Ames realízalle unha recepción institucional a Verónica Fernández, campioa de España de boxeo elite

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, e outros/as concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG, realizáronlle este pasado venres pola tarde unha recepción institucional a Verónica Fernández, que se proclamou campioa de España de boxeo elite no pasado mes de xullo. Fernández, que actualmente adestra no Club Antelo Team do Milladoiro, proclamouse campioa desta categoría tras derrotar na final á cántabra Paola Benavides. A deportista amesá estivo acompañada de familiares e amigas.

Venres, 22 de novembro de 2024
A XIV edición das Xornadas “Achégate á igualdade” puxeron o foco na prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos da sociedade desde a educación e a concienciación dos máis mozos

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ao longo da xornada de hoxe unha das actividades programadas polo Concello en conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, a XIV Xornadas “Achégate á igualdade”, que este ano tiveron como lema “A prevención da violencia de xénero desde a ética dos coidados”. Unha edición orientada especialmente á concienciación entre a mocidade da violencia sexual e que contou coa participación do alumnado dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. As xornadas comezaron cunha mesa de apertura institucional na que participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez.

Venres, 22 de novembro de 2024
Ames celebra o sábado, 23 de novembro, a gala dos Premios Galetiktokers 2024

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado, 23 de novembro, ás 19:00 horas, a gala de entrega de premios do V Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por quinto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta quinta edición presentáronse 39 vídeos, realizados por arredor de 80 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @konachadas e @rodrimiguez97 , e amenizado polo rapeiro amesán Big Meu. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers24@gmail.com.