Actualidade

Ex., 30-06-2025
Ex., 30-06-2025
Domingo, 01 de decembro de 2024
Apróbase a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova por 129.302 euros

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova, na parroquia de Biduído, por 129.302,51 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2024, enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Dos seis proxectos sufragados con cargo as “Achegas 2023 e 2024” do POS+ 2024, un está adxudicado, catro en fase de licitación, e falta por licitar a pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns.

Sábado, 30 de novembro de 2024
34 empresas participan na sétima edición dos Premios Lingua e Empresa do Concello de Ames

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, organiza a VII edición dos Premios Lingua e Empresa do Concello de Ames, unha iniciativa que pon en valor o uso da lingua galega dentro do ámbito empresarial local. Desta volta, presentáronse 34 empresas, unha máis que na edición do pasado 2023 á que se presentaron 33 entidades, consolidando así estes premios como un incentivo para promover o uso do galego no tecido comercial de Ames. As empresas gañadoras desta edición coñeceranse na Gala Lingua e Empresa que se celebrará o vindeiro 12 de decembro ás 20.30 na Casa da Cultura do Milladoiro. En ambas categorías o premio é unha contía de 1.500 euros xunto cunha campaña publicitaria en Ames Radio, a emisora municipal. As empresas participantes poden consultarse na seguinte ligazón.

Sábado, 30 de novembro de 2024
O Concello de Ames lanza unha nova campaña de “Zocos e Trasnos”

Por noveno ano consecutivo, a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado presenta de novo a campaña solidaria “Zocos e Trasnos”, unha iniciativa que ten como obxectivo que ningún neno nin nena de Ames quede nestas festas sen o seu correspondente agasallo de Nadal. A veciñanza amesá que desexe participar nesta solidaria campaña serán “paxes dos Reis Magos” e encargaranse de achegar eses agasallos aos dous puntos Tranos, situados unha vez máis nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A campaña, un ano máis, está organizada polo departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames.

Venres, 29 de novembro de 2024
O Pleno aproba por unanimidade a creación do Consello Sectorial da Xuventude do Concello de Ames

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a ratificación de dous decretos para a subsanación de deficiencias no proxecto das obras de melloras no edificio da Escola de Musica situado en Aldea nova; a aprobación inicial da ordenanza xeral de subvencións; a creación do Consello Sectorial da Xuventude; e a compatibilidade de Iván Pablo Sanmartín Carreira, animador e preparador deportivo. Ademais, aprobouse por maioría a revisión do IPC, de xullo 2023 a xullo de 2024, relativo ao contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Tamén se aprobaron por unanimidade tres declaracións institucionais sobre o Día mundial da infancia 2024; o 25N - Dia Internacional para a eliminación da violencia contra a muller; e en solidariedade e apoio á veciñanza e aos Concellos afectados pola DANA. Por último, aprobouse por maioría unha moción política relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

Venres, 29 de novembro de 2024
Comeza unha nova edición dos  Encontros Literarios coa presentación de “A carón do lume” de Mónica Prego

Este mes de decembro retómase o programa “Encontros Literarios de Ames”, desta volta coa presentación de “A carón do lume”, a primeira obra da escritora Mónica Prego Franqueira. O encontro literario terá lugar o mércores, 18 de decembro, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e marca o inicio da edición 2024-2025 deste programa. A entrada será libre ata completar aforo.

Xoves, 28 de novembro de 2024
Ames porá o foco no benestar emocional e saúde mental cun foro que se vai celebrar o 4 de decembro no Milladoiro

O Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia, vai celebrar o vindeiro mércores, 4 de decembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, un foro sobre benestar emocional e saúde mental. Ás 11.00 horas abrirase o foro cunha mesa de apertura institucional, para dar paso a unha mesa política e outra de deportistas. O peche institucional e clausura será ás 13.15 horas. Este foro súmase a outras iniciativas postas en marcha polo Concello de Ames sobre saúde mental como son o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, que é pioneiro a nivel galego, e mailas Xornadas de Saúde Mental que xa van pola terceira edición e se celebraron no pasado mes de maio.

Xoves, 28 de novembro de 2024
A Aula AmTIC organiza novos cursos neste mes de decembro para a rapazada e adultos

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (Aula AmTIC) do Concello de Ames, localizada no Milladoiro, oferta para este mes de decembro novos cursos formativos, un para adultos e tres para os máis cativos. Deste xeito, a Aula Municipal completa a súa proposta de cursos didácticos para este tramo final do ano. Os contidos do curso para adultos estarán centrados en como facer compras seguras a través de internet e, no caso dos menores, o obxectivo principal é que coñezan o mundo da informática a través da creación de postais de Nadal en diferentes programas dixitais. Pódese facer a inscrición en calquera dos cursos chamando a través do número de teléfono 674 59 48 43, escribindo un correo electrónico a informatica.milladoiro@gmail.com coa correspondente solicitude cuberta e asinada ou de xeito presencial na propia aula AMTIC do Milladoiro.

Mércores, 27 de novembro de 2024
Camila Bossa e Luis Iglesia protagonizan "Testosterona"

O Concello de Ames finaliza este venres 29 de novembro a súa programación teatral deste segundo semestre do 2024, deseñada polo departamento de Cultura, coa representación da obra “Testosterona”, de Malasombra Producións, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O espectáculo pecha o programa de artes escénicas do municipio destes derradeiros meses do ano e súmase así ás obras xa representadas este pasado mes de outubro, “Geometría del alma” e “Go Home”. Este espectáculo enmárcanse dentro da programación da Rede Galega de Teatros, subvencionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

Mércores, 27 de novembro de 2024
Imaxe de arquivo do salón de plenos

Este xoves, día 28, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a ratificación de dous decretos para a subsanación de deficiencias no proxecto das obras de melloras no edificio da Escola de Musica situado en Aldea nova; a aprobación inicial da ordenanza xeral de subvencións; a creación do Consello Sectorial da Xuventude; a compatibilidade de Iván Pablo Sanmartín Carreira, animador e preparador deportivo; a revisión do IPC, de xullo 2023 a xullo de 2024, relativo ao contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Ademais, abordarase a aprobación de tres declaracións institucionais sobre o Día mundial da infancia 2024; o 25N - Dia Internacional para a eliminación da violencia contra a muller; e en solidariedade e apoio á veciñanza e aos Concellos afectados pola DANA. Tamén se vai debater unha moción política relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

Mércores, 27 de novembro de 2024
Mellóranse as infraestruturas de artes escénicas do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, está executando unha actuación para mellorar as infraestruturas das artes escénicas no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Nunha primeira fase modernizouse o sistema de iluminación, mentres que na segunda executarase a modernización do sistema de son e vídeo. Dito proxecto está cofinanciado con axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), para a concesión de subvencións á modernización e xestión sostible das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e mecanismos de recuperación e resiliencia do Regulamento (Unión Europea), número 2021/241, convocados para o ano 2024.  En 2022 tamén se melloraron as instalacións do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. En total, en ambas actuacións, vanse investir 112.789,86 euros.