Actualidade

Punheta, Galibrownie, Mil e un instrumentos, As princesas tamén falan galego, Ven falar galego e Fitness da nosa terra son os vídeos gañadores do Galetiktokers 2024. Os premiados déronse a coñecer nunha gala celebrada hoxe sábado, 23 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, que estivo presentada e dirixida polas/os creadoras/es de contido en galego, Nuria Grandío @konachadas e Rodri Míguez @rodrimiguez97, e amenizado polo rapeiro amesán Big Meu. Asistiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e maila concelleira de Mocidade, Carmen Porto. En total repartíronse 1.800 euros en premios.

O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, e outros/as concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e do BNG, realizáronlle este pasado venres pola tarde unha recepción institucional a Verónica Fernández, que se proclamou campioa de España de boxeo elite no pasado mes de xullo. Fernández, que actualmente adestra no Club Antelo Team do Milladoiro, proclamouse campioa desta categoría tras derrotar na final á cántabra Paola Benavides. A deportista amesá estivo acompañada de familiares e amigas.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle ao longo da xornada de hoxe unha das actividades programadas polo Concello en conmemoración do Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, a XIV Xornadas “Achégate á igualdade”, que este ano tiveron como lema “A prevención da violencia de xénero desde a ética dos coidados”. Unha edición orientada especialmente á concienciación entre a mocidade da violencia sexual e que contou coa participación do alumnado dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. As xornadas comezaron cunha mesa de apertura institucional na que participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado, 23 de novembro, ás 19:00 horas, a gala de entrega de premios do V Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por quinto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta quinta edición presentáronse 39 vídeos, realizados por arredor de 80 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @konachadas e @rodrimiguez97 , e amenizado polo rapeiro amesán Big Meu. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers24@gmail.com.

O IES do Milladoiro celebra o éxito da alumna, Ainhoa Díaz Pérez, na Gala de premios do Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais con motivo do 25 de novembro, convocado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. O cartel creado por Ainhoa destacou entre un gran número de propostas polo seu potente impacto visual e a profundidade da súa mensaxe, que invita á reflexión sobre a urxencia de erradicar a violencia machista. Dende o Concello de Ames danlle os parabén a Ainhoa polo premio acadado.

Esta mañá o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o acto de clausura do obradoiro dual de emprego en enerxías renovables Renova VI, no que participaron durante 12 meses, 20 alumnos/as (15 de Ames e 5 de Brión). O acto estivo presidido pola delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo; polos alcalde de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago; a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Ames, Ana Belén Paz; a concelleira de Promoción Económica e Emprego de Brión; Guarina Rey; e polo director do obradoiro, Andrés Novo. Tamén participaron concelleiros e concelleiros do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. Trala intervención das autoridades fíxose entrega dos diplomas ao alumnado participante. Nesta edición impartíronse 12 meses de formación sobre o certificado de profesionalidade oficial ENAE0108 de montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. Ademais, impartiuse a especialidade do catálogo SEPE: SSCI016PO Mantemento e conservación de piscinas.

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”, que será estreada o vindeiro sábado, 30 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A curta está ambientada nun Ames utópico de 2074 e está protagonizada por un grupo de mulleres da parroquia de Biduído. As cooperativas Feitoría Verde e Illa Bufarda son as entidades promotoras do proxecto, que conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e o Concello de Ames, entre outras entidades. Premendo nesta ligazón podes ver o tráiler da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”.

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza unha nova camiñada na que se vai percorrer o Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía por etapas. Esta nova actividade comeza o vindeiro sábado, 30 de novembro, coa primeira etapa na que se vai percorrer o tramo de Santiago ata A Ponte Maceira de 17 quilómetros aproximadamente. As persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, 27 de novembro, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:15 horas.

As obras de teatro, representadas por diferentes grupos teatrais de Ames, Teo, Brión, Outes e Ribeira, representaranse os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas poden adquirirse xa dende hoxe de xeito gratuíto na Billeteira electrónica. No caso de haber billetes dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo nos auditorios correspondentes. Todas as representacións teatrais son no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.00 horas, excepto a representación de A Visita, a cargo do Grupo Municipal de Teatro de Ames, que será no local social de Bugallido. Para ver a obra A Visita en Bugallido a entrada é libre ata completar aforo, non é preciso sacar convites na Billeteira como para as outras representacións teatrais que son no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

As escolas unitarias de Covas e A Igrexa, situada en Ortoño, completaron este curso a oferta de número de prazas dispoñibles. Cada unha destas dúas escolas ten matriculados 20 alumnos/as. Na escola unitaria de Covas incrementouse nun 20% o alumnado respecto do curso anterior, mentres que na unitaria da Igrexa aumento nun 15%. A implantación dos servizos complementarios de educación e conciliación nestas dúas escolas resultou fundamental para que as familias seguisen apostando por este modelo educativo. No servizo de Bos Días Cole hai matriculados 12 alumnos/as e ao comedor acoden 35 nenos/as.
- ‹ anterior
- 45 de 1384
- seguinte ›