Actualidade

O apalpador visitará Ames o vindeiro venres 13 de decembro, ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A visita, enmarcada dentro do programa Apego, contará tamén coas actuacións musicais da Banda da Montaña e Cé Orquestra Pantasma. Para asistir, é preciso facer unha inscrición previa enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando nome e apelidos dos asistentes, idade dos cativos e un teléfono de contacto. O prazo está aberto desde o ventres 6 ata o vindeiro xoves 12 de decembro.

Esta mañá celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o foro de “Saúde mental baixo o foco” do Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia. Neste evento púxose o foco na importancia da prevención e visibilización dos problemas de saúde mental, así como o traballo que se está a desenvolver dende os concellos para detectar e axudar a diminuír os problemas de saúde mental entre os seus habitantes. Así mesmo, falouse da importancia do benestar emocional no mundo do deporte. O foro comezou cunha apertura na que interviron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís e os fundadores da entidade CoidadosAmente, Belén Montesa e Juan Carlos Permuy.

O circuíto de campo a través de Aldea Nova acolleu nas xornadas deste martes 3 e mércores 4 de decembro a fase comarcal do Campionato de Cros Xogade, que está organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Atletismo, e no que colaborou o Concello de Ames. Nestas dúas xornadas participaron 2.050 rapaces e rapazas, que cursan estudos de educación primaria e secundaria, de 20 centros escolares de Santiago de Compostela, Ordes, Arzúa, Vedra, Oroso, Boqueixón, Teo, O Pino, Touro, Frades e Melide.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (Aula AMTIC) do Concello de Ames, situada no Milladoiro, oferta para este mes de decembro novos cursos formativos, un para adultos e tres para os máis cativos. Para o obradoiro de compras seguras a través da Internet, que está dirixido a persoas adultas, aínda quedan prazas libres. Este curso impartirase os días 11, 12 e 18 de decembro, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Pódese facer a inscrición a través do número de teléfono 674 59 48 43, escribindo un correo electrónico a informatica.milladoiro@gmail.com, coa correspondente ficha de solicitude cuberta e asinada, ou de xeito presencial na propia aula AMTIC do Milladoiro.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, vén de presentar unha nova edición dos seus concursos de decoración de Nadal, un destinado á veciñanza e outro aos comercios locais. As iniciativas, consolidadas xa como uns clásicos do Nadal amesán, teñen como obxectivo buscar a colaboración de veciños e comerciantes na decoración do concello durante estas festas. Deste xeito, os comercios participantes poderán decorar os seus escaparates e, por outra parte, a veciñanza que colabore decorará as súas vivendas particulares, xardíns, fiestras ou balcóns coa temática de Nadal. En total repartiranse 6.000 euros en premios; 4.000 euros destinados ao concurso de escaparates e 2.000 no de decoración veciñal.

O pasado xoves, 28 de novembro, a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro celebrou unha nova edición dos Premios á Distinción Empresarial, un evento que busca poñer en valor o traballo e compromiso das empresas da nosa contorna. Este ano, a empresa homenaxeada foi GST Telecomunicaciones, un referente no sector das telecomunicacións grazas ao seu servizo de instalacións e mantemento de sistemas avanzados e equipos tecnolóxicos de calidade. En dito acto participaron o presidente da presidente da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, Javier Santos, o alcalde de Ames, Blas García, e representantes das empresas asociadas.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu o pasado sábado, 30 de novembro, a estrea da curtametraxe “Raíces. Da utopía en diante”. A curta está ambientada nun Ames utópico de 2074 e está protagonizada por un grupo de mulleres da parroquia de Biduído. As cooperativas Feitoría Verde e Illa Bufarda son as entidades promotoras do proxecto, que conta co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso e o Concello de Ames, entre outras entidades.

Ames presentou esta mañá no salón de Plenos da Casa do Concello a súa programación para as festas de Nadal deste ano. O programa, organizado por varios departamentos municipais, inclúe múltiples actividades dirixidas para todo tipo de públicos que se desenvolverán ao longo de todo o mes de decembro e comezos de xaneiro e que teñen como obxectivo dinamizar as rúas de Ames nestas datas tan sinaladas. No acto participaron o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz e a concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís. A programación pódese consultar ao completo premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames, en colaboración con La Voz de Galicia, vai celebrar este mércores, 4 de decembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, un foro sobre benestar emocional e saúde mental. Ás 11.00 horas abrirase o foro cunha mesa de apertura institucional, para dar paso a unha mesa política e outra de deportistas. O peche institucional e clausura será ás 13.15 horas. Este foro súmase a outras iniciativas postas en marcha polo Concello de Ames sobre saúde mental como son o plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, que é pioneiro a nivel galego, e mailas Xornadas de Saúde Mental que xa van pola terceira edición e se celebraron no pasado mes de maio.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, volve a programar a Mostra de Teatro Afeccionado. Deste xeito, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro e mailo local social de Bugallido acollerán, os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro, cinco representacións teatrais a cargo de compañías de Ames, Teo, Brión, Outes e Ribeira. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica. No caso de haber convites dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo. Para ver a obra A Visita en Bugallido a entrada é libre ata completar aforo, non é preciso sacar convites na Billeteira como para as outras representacións teatrais que son no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.
- ‹ anterior
- 42 de 1384
- seguinte ›