Actualidade

A unidade móbil de doazón de sangue estará o mércores 11 de decembro en Bertamiráns, na praza de Chavián (xunto á zona de carga e descarga da avenida da Maía). O horario de atención será de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas. Na situación actual, a unidade traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e das persoas doantes. Ademais, disponse dun teléfono gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón, o número 900 100 828.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, celebrou este pasado domingo 8 de decembro a segunda edición da Gala da Diversidade no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento volveu a celebrarse despois de dous anos da súa estrea e ten como obxectivo dar visibilidade e potenciar a inclusividade dentro das artes escénicas. Cunha asistencia de máis de 200 persoas, dende a organización amósanse máis que satisfeitos pola boa acollida que tivo a iniciativa.

A programación de Nadal en Ames este ano contará coa novidade da celebración dun Mercado de Nadal na Praza da Maía para os vindeiros días 20, 21 e 22 de decembro. O prazo de inscrición para os artesáns e produtores locais interesados en participar está aberto dende hoxe, luns 9, ata o xoves 12 de decembro. Os solicitantes deberán de enviar á sede electrónica do Concello de Ames o modelo de solicitude cuberto xunto coa documentación necesaria enmarcada dentro das bases do mercado que se poden consultar na seguinte ligazón. En total haberá 16 postos; 12 de artesanía e 4 postos centrais para alimentos e produtos da horta.

O Concello de Ames puxo en marcha o pasado mes de novembro unha campaña solidaria de recollida de alimentos, auga, produtos de limpeza, calcetíns e botas (entre outros bens) para os damnificados pola DANA de Valencia. En total, Ames doou 23 pallets con produtos necesarios que chegaron á Comunidade Valenciana esta semana pasada. As doazóns reunidas na campaña, coordinada en todo momento coa Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP), chegaron a Valencia nun camión que saíu dende Bertamiráns.

Desde o luns 9 de decembro, e ata o vindeiro día 3 de xaneiro, estará aberto un prazo de inscrición extraordinario da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao curso 2024-2025. A inscrición poderase realizar a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). O alumnado que obteña praza nesta convocatoria extraordinaria, comezaría as clases a semana do 8 de xaneiro de 2025. Para máis información pódese premer nesta ligazón.

Enreguéifate, puro magnetismo! é o lema da oitava edición que deu comezo no pasado mes de outubro cun obradoiro de formación para profesorado. Agora, no mes de decembro impartiranse os obradoiros de improvisación oral nos centros escolares de Ames dende o martes 10 de decembro. Ata o 19 de decembro, participarán nesta iniciativa o IES Plurilingüe de Ames, o IES do Milladoiro, o CEIP A Maía, o CEIP de Ventín e o CEIP Agro do Muíño. Serán un total de trece obradoiros, dirixidos a alumnado de 5º e 6º de primaria e do primeiro ciclo ESO, impartidos por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira.

O alcalde de Ames e responsable da área de novas tecnoloxías, Blas García, entregou os diplomas dos cursos de iniciación á informática e de administración electrónica nos que participaron 18 persoas. Estas actividades impartíronse na aula AMTIC, situada na Casa da Cultura do Milladoiro, durante os meses de outubro e novembro. Estes cursos estiveron dirixidos a persoas con coñecementos básicos de informática e os seu principal obxectivo foi facilitar a utilización de medios dixitais, para que as persoas asistentes superen as barreiras dixitais e se sintan cómodas e seguras no seu uso.

A localidade de Bertamiráns acolle o domingo, 22 de decembro, a partir das 11.00 horas, a décimo sétima edición da Carreira Ciclista do Pavo. Organizada pola Asociación Galega de Ciclistas, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo e co Concello de Ames, nela poderán participar tanto adultos como os máis pequenos da casa. As inscricións para os/as ciclistas federados/as poden facerse na páxina web da federación (tamén o poden facer o propio día da carreira), mentres que as persoas non federadas teñen que enviar un correo electrónico a begonaalonso@mundo-r.com ou chamar ao número de teléfono 677 555 748. Em ambos casos as inscricións poden tramitarse ata o venres 13 de decembro.

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar as obras de pavimentación nas rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns. Dito proxecto foi adxudicado á empresa CANARGA SL por un importe de 110.364 euros. Esta obra está sufragada a través do POS+ 2024 da Deputación da Coruña.

Este sábado, 7 de decembro, ás 18.00 horas, na praza do Concello, en Bertamiráns, está previsto que se celebre o tradicional acto de acendido das luces de Nadal. Actuarán arredor de 40 alumnos/as da Escola Municipal de Música e membros da asociación Arcea-Adames. Ademais, haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. As persoas encargadas de premer o botón de acendido do alumeado será desvelado no propio acto entre os presentes. As luces de Nadal estarán acendidas en horario de 18.00 a 02.00 horas dende este sábado, 7 de decembro, ata o día 6 de xaneiro (incluído).
- ‹ anterior
- 41 de 1384
- seguinte ›