Actualidade

Ex., 03-06-2025
Ex., 03-06-2025
Luns, 16 de decembro de 2024
Os Castros, Pandereteiras da Costaneira, Os Retranqueiros, Airiños do Paseo do Colón, As Maianas e Requinta da Maía protagonizaron o concerto de Nadal

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este pasado domingo, 15 de decembro, o tradicional concerto de Nadal no que actuaron diferentes grupos de baile e música tradicional do noso concello. O evento, enmarcado dentro da programación de Nadal en Ames, estivo protagonizado pola actuación de Os Castros, Pandereteiras da Costaneira, Os Retranqueiros, Airiños do Paseo do Colón, As Maianas e a Requinta da Maía (A. C. Follas Novas).

Domingo, 15 de decembro de 2024
A escola infantil municipal A Madalena celebra o seu vixésimo aniversario cun concerto de Nadal

A escola infantil da Madalena, situada no Milladoiro, vén de celebrar o seu vixésimo aniversario cun concerto de Nadal. A escola infantil A Madalena é de titularidade municipal e está xestionada polo Concello. Este centro de ensino ofrece servizo a nenos e nenas que teñen unha idade comprendida entre os tres meses e os tres anos. A escola ten capacidade para 94 nenos e nenas e un cadro de persoal de 21 traballadoras: unha cociñeira, catro PSX, doce educadoras, tres mestras e unha directora.

Domingo, 15 de decembro de 2024
Imaxe do Campamento de Nadal da Aula da Natureza o ano pasado

A Aula da Natureza organiza, dentro da programación de Nadal en Ames, un campamento para que os cativos poidan achegarse ao medio natural no inverno. A actividade, dirixida para a rapazada entre 6 e 14 anos, desenvolverase os días 2, 3 e 4 de xaneiro, en horario de mañá e tarde, e ofrecerá diferentes xogos e obradoiros relacionados co Nadal e tamén co medio natural nesta época do ano. As persoas interesadas en inscribir á súa rapazada deberán enviar o impreso de inscrición cuberto, que se pode descargar na seguinte ligazón, ao enderezo de correo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 660 00 46 65.

Sábado, 14 de decembro de 2024
O prazo de inscrición para participar na cabalgata de Reis abre o luns 16 de decembro

O Concello de Ames, desde o departamento de Promoción Económica e Educación, abre a convocatoria para participar na Cabalgata de Reis deste ano, para que as nenas e nenos do concello poidan acompañar aos Reis Magos nas carrozas o día da cabalgata. O período de inscrición estará aberto desde o luns 16 de decembro ata o vindeiro domingo día 22 de decembro. A capacidade de cada carroza é de 14 rapaces, sendo as prazas ofertadas un total de 84. Poderán participar menores en idades comprendidas entre 6 e 12 anos, empadroados en Ames e que non participaran en cabalgatas anteriores. No caso de que non haxa rapaces suficientes para algunha das cabalgatas, poderase propoñer a cobertura con nenos e nenas que non teñan as preferencias solicitadas. Podes consultar as bases completas de inscrición na seguinte ligazón.

Sábado, 14 de decembro de 2024
Xa están abertas as inscricións para participar na andaina saudable que percorre a segunda etapa do camiño a Fisterra e Muxía

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza para o vindeiro 21 de decembro un novo percorrido enmarcado na actividade do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía. Desta volta, percorrerase a segunda etapa, de 17 quilómetros aproximadamente, e que vai dende Ponte Maceira a Vilaserío. Hai 50 prazas dispoñibles para participar, as persoas interesadas poden inscribirse no seguinte formulario ata o vindeiro mércores 18 de decembro ás 14.00 horas. Terán prioridade as persoas empadroadas en Ames. Volverá a habilitarse servizo de autobuses desde os dous núcleos urbanos do municipio; ás 9:00 horas desde a Casa da Cultura de Milladoiro e ás 9:15 desde a Casa do Concello de Bertamiráns.

Venres, 13 de decembro de 2024
Lago Louro Avogados e Tecidos Tolemia son as empresas gañadoras da sétima edición do Premio Lingua e Empresa

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves pola tarde a Gala de entrega da sétima edición dos Premios Lingua e Empresa organizada polas Concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica. As empresas galardoadas foron Lago Louro Avogados, na categoría A de uso consolidado da lingua galega, e Tecidos Tolemia, na categoría B de nova incorporación á lingua, ambas situadas na localidade de Bertamiráns. Os dous representantes das empresas gañadoras recibiron unha figura conmemorativa e un diploma, que se engaden á dotación de 1500 euros e á campaña de difusión en Ames Radio.

Venres, 13 de decembro de 2024
Mañá abre o prazo para descargar e comezar a usar os Bonos Consuma

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, desenvolve un ano máis a campaña dos “Bonos Consuma”, unha iniciativa para fomentar o consumo no comercio local. O prazo para descargar os bonos estará aberto desde mañá, sábado 14 de decembro. Cada persoa maior de 18 anos poderá descargar un único bono con importe de 50 euros que poderá usar nos 105 establecementos adheridos á campaña deste ano. Para descargar os bonos hai que entrar no apartado de clientes da páxina web dos bonos consuma e introducir os datos persoais do beneficiario. Os bonos poderán usarse dende o 14 de decembro ata o 14 de febreiro, exceptuando que o orzamento do programa se esgote antes, que este ano ascende ata os 60.000 euros. No caso de que se esgote o orzamento do programa, os vales descargados deixarán de ter saldo, polo que non se poderán empregar. Pódese consultar as empresas adheridas á campaña na seguinte ligazón.

Venres, 13 de decembro de 2024
Ames continúa sendo o Concello máis transparente de Galicia con 106 de 162 indicadores publicados

O portal de observación social de ética e transparencia pública Dyntra continua situando ao Concello de Ames como a institución municipal máis transparente de Galicia, e colócao no posto número 72 de España. O Concello conta con 106 indicadores publicados dos 162 que recolle Dyntra, alcanzando así unha porcentaxe do 65,43% no índice DAM (Dyntra Ayuntamientos y Municipios), que inclúe aos municipios de máis de 15.000 habitantes. O Concello de Ames mellora resultados respecto ao pasado mes de marzo pasando do 63,58% ao 65,43% no índice DAM. A avaliación recolle seis apartados, nos cales Ames obtén as seguintes puntuacións: 73,85% en transparencia municipal; 69,70% en participación e colaboración cidadá; 51,85% en transparencia económica-financeira; 50% en contratacións de servizos; 65% en urbanismo e obras públicas e 0% en Open Data.

Xoves, 12 de decembro de 2024
O primeiro premio de 1.000 euros foi para Papelería Chaviá

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu onte pola tarde o acto de entrega de premios aos establecementos gañadores da primeira edición do concurso de decoración de Samaín. En total repartíronse 2.000 euros entre os gañadores/as. O primeiro premio de 1.000 euros foi para Papelería Chavián, o segundo premio de 600 euros recaeu en 3X en Cemento; e o terceiro premio de 400 euros foi para Escola infantil Merlín. A través deste concurso tratouse de fomentar o comercio local de Ames nunha das noites de maior consumo de todo o ano xunto coa de fin de ano. A decoración tivo que estar exposta como mínimo dende o luns 28 de outubro ata o domingo 3 de novembro.

Xoves, 12 de decembro de 2024
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este domingo, 15 de decembro, o tradicional Concerto de Nadal

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza para este domingo, 15 de decembro, o concerto de Nadal no que actuarán diferentes grupos de baile e música tradicional do noso concello. O evento, enmarcado dentro da programación do Nadal en Ames, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 19.00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo e convites xa se poden descargar na Billeteira electrónica.