Actualidade

Ex., 26-06-2024
Ex., 26-06-2024
Xoves, 17 de marzo de 2022
A tenda Máis que louza recolle doazóns para a Oficina do Voluntariado a cambio de descontos

O establecemento de Bertamiráns Máis que louza comeza este 15 de marzo unha campaña de recollida de doazóns de vaixela, que durará ata o 16 de abril. Neste senso, recollerá os aveños e proporcionará un 5% de desconto no establecemento o propio día da doazón. A louza será despois entregada á Concellaría de Benestar Social, que xestionará e repartirá os aportes da veciñanza.

Xoves, 30 de decembro de 2021
Preto de 200 persoas inscríbense na campaña solidaria Zocos e Trasnos

183 trasnos repartirán os agasallos que pediron os 183 zocos e zocas (nenos e nenas). Ademais, 6 trasnos quedaron inscritos nunha lista de emerxencia por se eran necesarios. Deste xeito, este ano inscribíronse na campaña un total de 189 trasnos, unha cifra moi similar a de outros anos. Os veciños e veciñas que se anotaron como voluntarios/as, actúan como “paxes dos Reis Magos” achegando ese agasallo aos dous puntos Trasnos, situados nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Ao longo desta semana estanse entregando os agasallos para despois, os días 3 e 4 de xaneiro facer o reparto. O departamento de Servizos Sociais, a través da Oficina de Voluntariado, é a encargada de organizar dita campaña.

Venres, 05 de novembro de 2021
A campaña solidaria “Zocos e Trasnos” volve cos seus agasallos a Ames por sexto ano consecutivo

“Zocos e Trasnos” volve na súa sexta edición consecutiva co fin de que toda a rapazada amesá teña agasallos no Nadal. A campaña ten como piar fundamental a participación da cativada, os “Zocos”, que escribirán as súas cartas aos Reis Magos pedindo un regalo concreto de maneira anónima. A veciñanza de Ames, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames, actuará como “Trasnos”, os encargados de ler as cartas e achegar os obsequios aos “puntos Trasnos”, que estarán localizados este ano nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Uns 120 rapaces e rapazas benefícianse cada ano deste acto solidario.

Xoves, 02 de setembro de 2021
Campaña Recollida Material

A Concellería de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, pon en marcha, un ano máis, a campaña de recollida de material escolar para tratar de resolver as necesidades dalgunhas familias con menores de Ames.
 Dende a Oficina de Voluntariado xa se viña dando resposta a estas necesidades pero quixemos ir un pouco mais alá e queremos que todos os nenos e nenas de Ames inicien o seu curso escolar en condicións de igualdade.

Martes, 16 de marzo de 2021
Transporte adaptado

O servizo de Transporte Adaptado, que xestiona a Oficina de Voluntariado, súmase a campaña de vacinación da COVID19 poñendo a disposición da veciñanza o vehículo para trasladar ás persoas que o necesiten ao Centro de Saúde de Milladoiro, único punto do municipio onde se está procedendo á vacinación dos veciños e veciñas de Ames. Ao mesmo tempo, a Concellaría de Servizos Sociais inicia unha campaña para dar a coñecer todos os servizos que ofrece o Trasporte Adaptado. As persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 662 377044, 900 204 000 e 981 89 10 17 en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Xoves, 11 de marzo de 2021
Clases de Sanauga

En grupos reducidos, e coas restricións e as medidas hixiénico sanitarias que impón a loita contra a COVID19, comezarán a desenvolverse o vindeiro luns, 15 de marzo de 2021, as actividades acuáticas do programa Sanauga. O programa posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado (OVA), e cofinanciado pola Deputación da Coruña, está dirixido a persoas maiores e/ou con discapacidade e ten como obxectivos mellorar a mobilidade e o benestar físico dos/as asistentes e mitigar as molestias derivadas de enfermidades musculares e óseas. Sanauga suspendeuse no mes de novembro de 2020 por mor da situación na que se atopaba nese intre a crise sanitaria provocada pola COVID19.

Mércores, 17 de febreiro de 2021
Recollida de alimentos Barouta.

O CEIP de Barouta entregou unha gran cantidade de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene para nenos e nenas á Oficina de Voluntariado de Ames, destinados ao Banco Municipal de Alimentos. Os víveres foron recadados ao abeiro da V Carreira Solidaria “Móvome pola paz”, organizada polo centro e celebrada este mes de febreiro. Inicialmente estaba prevista para o 29 de xaneiro con motivo da conmemoración do Día da Paz, pero por motivos meteorolóxicos houbo que adiala. Este ano o obxectivo foi, especialmente, recadar produtos para cubrir as necesidades dos nenos e nenas.

Mércores, 10 de febreiro de 2021
Imaxe do reparto do servizo de transporte adaptado

O servizo de transporte adaptado, que xestiona a Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, aumentou as súas funcións durante os últimos meses, debido ás necesidade dos veciños e veciñas de Ames. Dende a pandemia da Covid-19, o servizo de transporte adaptado, ademais de trasladar ao médico ou a edificios institucionais a aquelas persoas con mobilidade reducida, tamén se encarga de repartir a domicilio os produtos do banco de alimentos.

Xoves, 04 de febreiro de 2021
Roupeiro municipal.

A Oficina de Voluntariado de Ames, que xestiona o servizo do roupeiro municipal, solicita unha vez máis a implicación da veciñanza amesá nesta situación económica e sanitaria que se está a vivir. Nesta ocasión, precísase de roupa para nenos e nenas de 0 a 12 anos e roupa de cama de abrigo como mantas, edredóns ou colchas. Existen dous puntos de entrega da roupa, que debe estar embolsada: na Casa da Cultura do Milladoiro e na de Bertamiráns, de 09.00 a 14.00 horas. Lémbrase que a doazón debe ser de roupa nova ou en bo estado.

Xoves, 21 de xaneiro de 2021
cartela

A Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado, volve a poñer en marcha o programa "É hora de sumar" debido ás consecuencias que está a provocar a pandemia da Covid-19. O servizo pretende axudar ás persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade que vivan soas, ou persoas que teñan que gardar confinamento . Calquera persoa que precise do servizo ou que coñeza a alguén nesta situación pode chamar aos teléfonos 981 535 941 / 981 890 964 / 662 377 044, en horario de 9:00h ás 14:00 horas, ou por correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal.