- Tematica
A Oficina de Voluntariado de Ames propón unha xornada de campamento para persoas adultas no parque multiaventura Galipark, situado preto da vila de Padrón. Alí poderanse realizar diversas actividades como escalada e rafting, ou pasar por tirolinas e tobogáns acuáticos. A proposta terá lugar o sábado 28 de maio, con saídas en autobús dende as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, ás 9:15 e ás 9:30, respectivamente. Para participar, cómpre inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico voluntariado@concellodeames.gal, ata o día 20 de maio. Para máis información, pódese chamar aos teléfonos 662 377 044 ou 683 327 378.
Preto do comezo do verán e dos campamentos para a rapazada, o último sábado de maio a Oficina de Voluntariado anima ás veciñas e veciños adultos de Ames a gozar dunha xornada de aventuras e actividades para elas e eles. Con este fin organizan unha excursión ao parque multiaventura Galipark, situado en Padrón, para a que poñen á disposición da veciñanza servizo de autobús dende as Casas da Cultura os dous principais núcleos urbanos de Ames. Neste senso, as saídas realizaranse no Milladoiro ás 9:15 e en Bertamiráns ás 9:30 horas.
Galipark é un parque de actividades de terra e acuáticas nas proximidades da vila de Padrón. Conta cun recinto de máis de 24.000 metros cadrados no que gozar de diferentes propostas tanto de xeito individual como en grandes grupos. Rocódromos, tirolinas, circuítos de altura entre a natureza, piscina ou mesmo tobogáns de auga, son algunhas das atraccións coas que conta o parque, que dispón de instalacións propias para a comida e a estancia.
“Cando falamos de campamentos e parques multiaventura coma este, sempre pensamos nos máis pequenos e pequenas da casa, e esquecémonos dunha franxa de idade moi ampla e importante”, indicou a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo. “Dado o éxito dos campamentos urbanos senior do verán pasado e de todas as restricións que vivimos ultimamente, pensamos nunha xornada para aquelas e aqueles que non somos xa tan nenas e nenos, pero aos que tamén nos gusta a troula”, explicou a concelleira, que augurou unha “xornada de convivencia, onde pasalo ben, compartir experiencias e esquecernos unhas horas de toda a voráxine que nos rodea no día a día”.
Para sumarse a esta proposta de fin de semana, haberá que enviar un correo ao enderezo electrónico voluntariado@concellodeames.gal, ata o 20 de maio. Unha vez se contacte co persoal de Voluntariado, este dará máis detalles sobre a listaxe das propostas e o xantar, cuxo custe correrá a cargo das persoas participantes. Deste xeito, a cota que aboarán as persoas interesadas incluirá a comida e actividades como escalada, piscina ou rafting, entre outras.
Para máis información sobre a xornada de campamento para adultos pódese chamar aos números de teléfono 662 377 044 ou 683 327 378, ou ben escribir ao enderezo electrónico voluntariado@concellodeames.gal.