Pestanas principais

O Concello de Ames e Agasol lanzan a Oficina de Software Libre e o Banco de Reciclaxe Electrónica

Luns, 30 de maio de 2022

A Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, coa colaboración da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), lanza a Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre do Concello, así como o Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre. Entre os obxectivos da oficina, que estará situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, están reducir a fenda dixital para colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico no municipio.

A Oficina de Software Libre centrará as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, daranse cursos de formación e realizaranse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrecerase axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e será un punto de encontro onde aprender, compartir e construír. O local estará situado no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.

Por outra banda, o Banco de Reciclaxe Electrónica de Software Libre recollerá equipos electrónicos doados por persoas ou institucións que xa non os usan e que poidan seguir sendo operativos para persoas con menos recursos. En concreto, recolleranse ordenadores portátiles, torres, periféricos (monitor, teclado, rato...) e compoñentes internos (RAM, HDD...). Estes equipos formataranse e serán reacondicionados para alongar a súa vida útil e así ofrecer a posibilidade de reutilización aos colectivos en situación de vulnerabilidade. Os compoñentes e pezas a substituír para a reparación dos equipos correrán da conta de Agasol. Esta iniciativa tamén valorará a posibilidade de ofrecer apoio e soporte no eido do software libre para as empresas e entidades da contorna.

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolleu a presentación deste novo servizo, que aposta polo acceso universal ás tecnoloxías da información e pola solidariedade da veciñanza amesá. Ao acto asistiron Luisa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Voluntariado; Carlos Rodríguez, presidente de Agasol; Luis Alberto Fernández, xerente de Agasol; Rubén Ramos, coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames; Soraya Añón, educadora familiar do Concello de Ames; Sergio Fernández, responsable de voluntariado de Enxeñaría Sen Fronteiras; Iván Tourís, responsable do banco de reciclaxe electrónica de Teo, e Jorge Lema, voluntario do banco de reciclaxe electrónica da Coruña.

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Luisa Feijóo, recordou que a pandemia fixo moito máis evidente a fenda dixital e que as administracións deben traballar “non só para que sexa máis fácil acceder, senón que todas e todos poidamos facelo”. “En 2020 púxose en manifesto unha fenda dixital moito máis grande do que pensabamos, nun momento no que todo se facía de xeito virtual e no que a xente se vía afectada, xa fora por idade, por formación ou mesmo polas súas circunstancias económicas. Durante a pandemia dende Voluntariado pedimos ás veciñas e veciños que nos achegaran equipos vellos en desuso, e acabamos repartindo uns doce. Agora a idea é facelo moito mellor e chegar a moita máis xente, a parte de tocar aspectos como a redución do consumo do lixo electrónico, así como a implantación do software libre, que creo que é unha das ferramentas para ao acceso universal ás tecnoloxías da información”.

Pola súa banda, o presidente de Agasol, Carlos Rodríguez, resaltou a importancia do software libre á hora de garantir o acceso universal ás TICs. “Quero agradecer que contedes connosco para este proxecto, cando escoitamos estas palabras sobre o software libre latéxanos o corazón, non só e instalar algo, é darlle liberdade e máis posibilidades ás persoas”.

Ademais, o xerente de Agasol, Luis Alberto Fernández, compartiu algúns dos obxectivos desta iniciativa, que se desenvolverá no antigo centro de saúde do Milladoiro. “O noso obxectivo principal é Intentar romper a fenda dixital usando tecnoloxía libre. Isto arrinca, temos xa experiencia en varios bancos de reciclaxe e queremos ver que se demanda no eido da formación e dos servizos para ir construíndo. Adaptarnos ao que necesita a xente e propoñer, que sexa beneficioso e que a xente saiba que estamos aí para axudar”.

Libres de licenzas e da obsolescencia

Todos os sistemas operativos que se utilicen, así como os programas instalados, serán libres. Isto permitirá, entre outras cousas, que as persoas usuarias finais dos equipos queden libres de pagar licenzas e de ter restrinxido o seu uso. Desta forma, conséguese loitar contra a obsolescencia de moitos equipos debida a cambios de versión dun sistema operativo propietario que, co paso do tempo, consume e necesita máis recursos.

Este hardware pode ser utilizado xunto con outros sistemas operativos libres, facilitando a posibilidade de continuar utilizando os equipos informáticos de forma normal e incluso adaptarse ás necesidades das persoas usuarias con diversidade funcional (visual, auditiva, de mobilidade, etc.), sempre dentro das posibilidades do proxecto e das características dos equipos.

O software libre é unha opción desexable pola súa capacidade de crear comunidade e promover a participación social, sen crear dependencias tecnolóxicas, e que ademais contribúe notablemente a aumentar a vida útil dos equipos electrónicos.

Principais obxectivos

A fenda dixital é unha problemática social patente, que coa pandemia da covid-19 aínda se intensificou máis, sobre todo nos colectivos con especiais dificultades, como son as familias con menos recursos, familias con nenos en nenas, persoas novas, persoas con discapacidade, maiores, persoas de etnia xitana ou persoas inmigrantes.

Entre os obxectivos do proxecto está aumentar a alfabetización dixital das persoas con especiais dificultades, empregando o sofware libre como elemento de apoderamento tecnolóxico para así incrementar a súa autonomía e calidade de vida.

En paralelo, procurarase reducir a fenda dixital, proporcionando equipos do Banco de Reciclaxe aos colectivos vulnerables que os poidan precisar, así como ás organizacións sociais e culturais do Concello de Ames.

Con este banco tamén se intentará minorar o lixo electrónico producido no concello e o consumo de elementos electrónicos nun contexto de escaseza de materiais, co aumento da vida útil dos equipos informáticos que se reciban, así como dos que a cidadanía traia para emprego persoal aprendendo coas persoas do Banco.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames crea un banco solidario de ordenadores y una oficina de voluntariado informático"

El Correo Gallego: "Bancos de equipos más software libre para frenar la brecha y basura digital"

AMSGO!: "Ames lanza unha Oficina de Voluntariado Informático e un Banco de Reciclaxe Electrónica"

O Concello de Ames e Agasol lanzan a Oficina de Software Libre e o Banco de Reciclaxe Electrónica

Multimedia

  • O Concello de Ames e Agasol lanzan a Oficina de Software Libre e o Banco de Reciclaxe Electrónica
  • O Concello de Ames e Agasol lanzan a Oficina de Software Libre e o Banco de Reciclaxe Electrónica
  • O Concello de Ames e Agasol lanzan a Oficina de Software Libre e o Banco de Reciclaxe Electrónica