Pestanas principais

A Oficina de Software Libre de Ames organiza o obradoiro “Automatización da túa casa, controla o teu fogar”

Xoves, 12 de outubro de 2023

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), xunto coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, organiza o obradoiro “Automatización da túa casa, controla o teu fogar” o sábado 14 de outubro, de 11:00 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

Este sábado, 14 de outubro, volve a organizarse unha nova actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Sofware Libre e do Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames, unha iniciativa impulsada po AGASOL, xunto coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames. A oficina de Software Libre e banco de reciclaxe electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol).

Desta volta, impartirase o obradoiro “Automatización da túa casa, controla o teu fogar”. Actualmente, a automatización do fogar é posible grazas aos avances tecnolóxicos como a domótica doméstica, que pretende facerche a vida máis fácil, mellorando a túa seguridade e o teu confort. Pero, sabes que elementos pódense automatizar no fogar? Como funciona a automatización do fogar e cales son as súas principais vantaxes? Contámoscho todo neste taller.

A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón. Esta actividade impartirase no local que está situado no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.

Divulgación das novas tecnoloxías en software libre
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como un punto de encontro onde aprender, compartir e construír.

As actividades do presente curso comezaron o pasado 16 de setembro co obradoiro “Aforra na túa factura da luz”. Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu catro actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou dous obradoiros sobre a posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores, outro sobre a seguridade dixital básica e un taller de iniciación á reparación e reciclaxe de altofalantes.

Cartaz do obradoiro “Automatización da túa casa, controla o teu fogar”