Pestanas principais

A Oficina de Software Libre organiza o obradoiro “Repair café de equipos informáticos”

Martes, 17 de outubro de 2023

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, organiza o obradoiro “Repair café de equipos informáticos” este sábado, 21 de outubro, de 11:00 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

Este sábado, 21 de outubro, volve a organizarse unha nova actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames. A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).

Desta volta, impartirase o obradoiro “Repair café de equipos informáticos”, con motivo da celebración do Día Internacional da Reparación. Coa elección deste tema búscase salientar que non só os reparadores profesionais deben ter acceso á información de reparación. Os voluntarios dos Repair Cafés e os consumidores comúns tamén deben poder beneficiarse deste apoio. As reparacións realizadas por profesionais deben ser alcanzables, do mesmo xeito que as pezas de reposto, que tamén deben estar amplamente dispoñibles e entregarse rapidamente cando se necesiten. Así, axudaraselle aos participantes a reparar os seus propios equipos.

A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón. A actividade impartirase no local que está situado no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:00 a 13:00 horas.

Divulgación das novas tecnoloxías en software libre
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de encontro onde aprender, compartir e construír.

As actividades do presente curso comezaron o pasado 16 de setembro co obradoiro “Aforra na túa factura da luz”. Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu catro actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou dous obradoiros sobre a posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores, outro sobre a seguridade dixital básica e un taller de iniciación á reparación e reciclaxe de altofalantes.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames enseña y anima de forma gratuita a reparar ordenadores"

A Oficina de Software Libre organiza o obradoiro “Repair café de equipos informáticos”