Actualidade

Ex., 24-06-2025
Ex., 24-06-2025
Xoves, 04 de maio de 2023
Participa este sábado na IV Festa do Apego do Concello de Ames

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a cuarta Festa do Apego, que terá lugar o sábado, 6 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns e na praza de Chavián. Haberá contos, xogos, música, monicreques, obradoiros, espazos de recursos e moitas máis actividades. A entrada será libre e de balde. As prazas de cada unha das actividades iranse cubrindo por orde de chegada dos usuarios e usuarias. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo coa programación da Festa do Apego de Ames.

Mércores, 26 de abril de 2023
Presentación da IV Festa do Apego

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística, organiza a cuarta Festa do Apego, que terá lugar o sábado, 6 de maio, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Haberá contos, xogos, música, monicreques, obradoiros, espazos de recursos e moitas máis actividades. A entrada será libre e de balde. Á presentación do programa acudiron a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o persoal do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Fátima Souto.

Martes, 25 de abril de 2023
Imaxe grupal dos participantes na fase preliminar

O pasado venres, 21 de abril, e este luns, día 24, celebrouse a fase de zona da XI edición do Club de debate Alingua, na que participaron equipos de distintos centros educativos de Galicia. En representación de Ames participaron dous equipos do IES do Milladoiro e un do IES de Ames. Desta fase, que tivo lugar no salón de plenos do Concello de Teo, saíron seis finalistas, que disputarán a final o sábado 3 de xuño na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nese senso, cómpre destacar a clasificación dos equipos “Xente que fala” (IES do Milladoiro) e “Ames a palabra” (IES de Ames), que quedaron en primeira e segunda posición, respectivamente, no debate do venres.

Luns, 24 de abril de 2023
Foto grupal dos premiados

Os departamentos de Bibliotecas e de Normalización Lingüística de Ames celebraron este sábado, 22 de abril, o Día Internacional do Libro, cunha serie de propostas ao longo de toda a xornada. Neste senso, a Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu a presentación do libro cos textos finalistas do XIX Certame Literario de Ames, ao que acudiron as persoas gañadoras da edición de 2022. Ademais, as bibliotecas amesás organizaron varias actividades para todos os públicos ao longo do día, que incluíron obradoiros e unha representación teatral. Preme aquí para descargar o libro que recompila os textos finalistas do XIX Certame Literario.

Xoves, 20 de abril de 2023
Cartaz do obradoiro de regueifa

O programa Apego organiza para o mes de abril unha nova actividade, que terá lugar o venres, día 28, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Trátase dun obradoiro de regueifa para familias con crianzas a partir de 3 anos, que será impartido por Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe ata o 27 de abril. Para participar é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal indicando os seguintes datos: nome e apelidos das persoas que queiran acudir, idade das crianzas e un teléfono de contacto. 

Martes, 18 de abril de 2023
Participantes na rolda de prensa da nova campaña de É túa, pásaa

O Concello de Vilagarcía acolleu esta mañá a presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. A asociación, que é xestionada a través dos servizos de normalización lingüística de dezanove concellos, entre os que se encontra Ames, inclúe entre os seus obxectivos fundamentais promover e dinamizar o emprego do galego. Con esta premisa hoxe presentáronse as accións que se desenvolverán no primeiro semestre do ano e que converxen baixo a campaña É túa. Pásaa! Este é o lema amosado a través de lonas en edificios municipais dos concellos participantes e esta mañá desvelouse que tamén é o retrouso da pegadiza canción que focaliza a mensaxe.

Xoves, 13 de abril de 2023
Cartaz da actividade "Contos en familia"

O programa Apego de Ames segue coa súa programación para o mes de abril coa actividade “Contos en familia”, que terá lugar o venres, 21 de abril, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 18:00 horas. Trátase dunha sesión de contos protagonizada polos artistas Cris de Caldas e Xabi do Camiño e dirixida ao público familiar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, día 13, ata o vindeiro 20 de abril. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome, apelidos, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Xoves, 13 de abril de 2023
Regueifas premiadas no 2023

Este venres, 14 de abril, ás 11:15 horas, dará comezo no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a Gala Enreguéifate-Regueifesta. Trátase dun acto no que se entregarán os premios Enreguéifate, o certame de regueifas impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo e que pon o broche de ouro á súa sexta edición. Unha trintena de centros de ensino de toda Galicia participarán activamente neste Encontro Regueifesta ao que tamén asistirá alumnado improvisador chegado de centros educativos de Euskadi e Cataluña. Este ano, o alumnado de 6º do CEIP Agro do Muíño recollerá o premio á regueifa mellor cantada na categoría escolar por “Rosalía”.

Mércores, 05 de abril de 2023
Últimos días para presentar textos inéditos ao XX Certame Literario de Ames

Dende a Concellaría de Normalización Lingüística lémbrase que está aberto o prazo para participar na vixésima edición do Certame Literario de Ames, ao que as creadoras e creadores poden presentar os seus textos inéditos de narrativa e poesía en lingua galega. As candidaturas poderán remitirse ata o mércores 12 de abril. As bases ao completo do certame poden consultarse premendo nesta ligazón. Descarga aquí a ficha de participación no XX Certame Literario de Ames.

Martes, 04 de abril de 2023
Cartaz da excursión a Carballolandia

O departamento de Normalización Lingüística de Ames, dentro do programa Apego, prepara para o mes de abril unha nova actividade. Trátase dunha excursión ao Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, no Cabo do Mundo, e a Carballolandia, un ecoparque situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. Será o sábado 15 de abril, e ofrecerase servizo de autobús con saída ás 9:30 e regreso ás 21:00 horas ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As inscricións para participar na actividade, que está dirixida ao público familiar, son de balde. Hai prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse. O prazo está aberto dende hoxe ata o vindeiro xoves, 13 de abril, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que se indique nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación do Apego para o primeiro semestre do ano ao completo.