Actualidade

Ex., 22-06-2025
Ex., 22-06-2025
Martes, 26 de setembro de 2023
Imaxe da presentación da cuarta edición do certame

A praza de Chavián, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición do concurso Galetiktokers, organizado polos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames. O certame volve por cuarto ano consecutivo, co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, incentivar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e dar visibilidade á comunidade galega na rede social TikTok. A rapazada a partir dos 13 anos poderá participar cos seus vídeos en galego ata o 23 de outubro, solicitando un formulario de inscrición no correo galetiktokers23@gmail.com e devolvéndoo cuberto e asinado xunto coa súa creación audiovisual. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o 10 novembro de 2023. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do IV Certame Galetiktokers.

Xoves, 21 de setembro de 2023
Imaxe grupal da presentación de Youtubeiras

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, entre os que se inclúe Ames; das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, pon en marcha tanto unha nova edición dos seus premios como o programa de visitas de difusión e formación a centros de ensino para achegarlle á rapazada o traballo de youtubeiros e youtubeiras de gran repercusión na nosa lingua.

Xoves, 14 de setembro de 2023
Cartaz do danzacontos do programa Apego

O programa Apego prosegue coas súas propostas para o mes de setembro. Desta volta, ábrese a inscrición para participar no danzacontos “Viaxando coas anduriñas: ritmos na selva”, que se vai desenvolver no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o vindeiro venres, 22 de setembro, ás 18:00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ata o 21 de setembro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o último semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón

Xoves, 07 de setembro de 2023
Cartaz do concerto de Paco Nogueiras

O programa Apego continúa a súa programación para o mes de setembro co espectáculo “C@nto Contigo”, que terá lugar o vindeiro venres, día 15, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Trátase dun espectáculo de Paco Nogueiras para público familiar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, 7 de setembro, ata o día 14. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idades dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o último semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Martes, 05 de setembro de 2023
Cartaz das Brincadeiras miúdas

Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha un ano máis as Brincadeiras Miúdas, dúas xornadas de xogos tradicionais, música, obradoiros e creación libre de xoguetes que se desenvolverán o día 6 de setembro no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e o xoves 7 na Carballeira de Ventín do Milladoiro. As brincadeiras estarán dinamizadas por Cé Orquestra Pantasma, un polifacético músico especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza. A actividade diríxese ao público familiar. Celebrarase en ámbalas dúas xornadas ás 18:00 horas, de balde e sen inscrición previa. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón

Venres, 01 de setembro de 2023
Presentación da programación do Apego para o outono 2023

O Concello de Ames presentou as propostas que compoñen a programación infantil con Apego de Ames para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2023, que inclúen dende xogos, contos, obradoiros, espectáculos musicais e teatrais e foliadas ata maxia ou cinema. O programa abre a vindeira semana coas “Brincadeiras miúdas” de Cé Orquestra Pantasma e a cooperativa Miudiño, que serán o mércores 6 no parque do Ameneiral de Bertamiráns, e o xoves 7 na carballeira de Ventín do Milladoiro. Comezarán ambos días ás 18:00 horas, son de balde e non se precisa inscrición previa. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

Luns, 28 de agosto de 2023
Cartaz da actividade do Delas Fest

O festival feminista de arte urbana e contextual, o Delas Fest, desenvolve por primeira vez en Ames o Familia Delas Fest, un obradoiro que busca achegar á cativada á arte urbana contextual dun xeito lúdico. Será este venres, 1 de setembro, ás 17:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A actividade destínase a familias con crianzas a partir de 3 anos. Para inscribirse é preciso enviar un correo ao enderezo electrónico 7hcoop@7hcoop.gal ou cubrir este formulario.

Xoves, 15 de xuño de 2023
Cartaz do concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona

O concerto “Un soño é...” de Uxía Lambona e a Banda Molona, que pecha a programación Apego deste semestre e serve tamén de clausura do programa Modo Galego, Actívao, realizarase en exterior, na praza de Chavián de Bertamiráns, este sábado 17 de xuño, ás 19.00 horas. Isto permite ampliar o aforo e que todas aquelas familias que queiran poidan asistir libremente. A entrada será libre e gratuíta. Dende o departamento de Normalización Lingüística indican que unhas 700 persoas solicitaron poder asistir a dito concerto, polo que se agarda que máis dun milleiro de persoas acudan a ver o espectáculo de Uxía Lambona e a Banda Molona. 

Luns, 12 de xuño de 2023
Imaxe grupal dos premiados no XX Certame Literario

Este venres, 9 de xuño, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a gala de entrega de premios do XX Certame Literario Concello de Ames, un acto literario-musical no que participaron os 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. O evento conduciuno Josito Porto con moito dinamismo, humor e emoción. Da parte musical encargouse o propio Josito Porto, acompañado por Sabela Dacal e Rafa Otero, e o os grupos de Linguaxe Musical e o Combo Folk da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) que abriron e pecharon o acto.

Xoves, 08 de xuño de 2023
Cartaz da gala de entrega de premios do certame literario

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este venres, 9 de xuño, a gala de entrega de premios do XX Certame Literario do Concello de Ames, a partir das 20:00 horas. O evento conducirao o actor e músico Josito Porto, que tamén se encargará, xunto con Sabela Dacal e Rafa Otero, dunha das partes musicais da gala. Porto, integrante de grupos tan recoñecidos no ámbito teatral como o Centro Dramático Galego, Teatro de Adro ou Sarabela Teatro, ten na súa traxectoria artística tres premios María Casares.