Actualidade

O Concello de Ames continúa coa súa programación de actividades polas festas de Nadal, desta volta co servizo do Tren de Nadal que percorrerá os días 2, 3 e 4 de xaneiro as rúas de Bertamiráns e O Milladoiro, unha actividade enmarcada na programación da Gran Festa de Reis. Este servizo de tren, totalmente gratuíto, estará dispoñible en Bertamiráns o venres 2, de 11.00 a 13.30h e de 17.00 a 19.30 horas, e o sábado 3 pola mañá de 11.00 a 13.30. No Milladoiro estará o sábado 3 pola tarde de 17.00 a 19.30 horas e mailo domingo 4, de 11.00 a 13.30h e de 17.00 a 19.30 horas.

Ames acollerá a vindeira semana as visitas dos personaxes do mundo Disney para saudar e pasar tempo cos nenos e nenas. O día 29 chegarán á Casa dos Maiores de Bertamiráns (praza da Maía) e o 30 pasarán polo antigo centro de saúde do Milladoiro (na rúa Agro do Medio, número 8). Esta actividade enmárcase dentro da programación de Nadal 2025, que comezou o pasado 4 de decembro e se desenvolverá ata o próximo 10 de xaneiro de 2026.

A programación de Nadal en Ames este ano conta coa novidade da celebración dun Mercado de Nadal na praza da Maía durante esta fin de semana. En total hai 18 postos; 13 de artesanía e 5 postos de alimentación e produtos da horta. O horario de atención ao público do Mercado de Nadal este sábado e domingo é de 10.00 a 14.00h e de 17.00 a 20.30 horas. Este sábado, ás 13.00 horas, celebrouse o acto de apertura de dito mercado. Trátase de incrementar a oferta comercial do concello con produtos de artesanía e de alimentación frescos e de proximidade.

A programación de Nadal 2025 do Concello de Ames continúa a vindeira semana coa chegada de Papá Noel, que estará no Milladoiro este luns, 22 de decembro, e en Bertamiráns o martes, día 23. As visitas realizaranse de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas, en ambas localidades, e os nenos e nenas que se acheguen a coñecer a Papá Noel poderán sacar unha foto con el e levarán para a casa un agasallo.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este pasado xoves, 18 de decembro, o acto de entrega de premios da XI edición do Certame de Fotografía Comercial da Asociación de Empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro. Un acto que estivo presentado polo cantautor e monologuista Manolo Boquete e no que se proxectaron todas as imaxes presentadas ao concurso. As fotografías gañadoras foron A Forxa da luz, Fin de xornada e Xagal. En representación do Goberno municipal asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto.

O Concello de Ames presentou está mañá a Gran Festa de Reis, que se celebrará os días 3, 4, e 5 de xaneiro de 2026. Os núcleos urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro terán recepción real para os nenos e nenas, cabalgata e posterior Gran Festa de Reis con chocolate e rosca nos pavillóns municipais. As parroquias tamén poderán desfrutar dos Reis Magos o día 5 de xaneiro pola mañá. Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martínez; a concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García; o director do centro ocupacional da Asociación Fonte da Virxe, Lois Pose Santos; e Francisco Hermo e Manuel Fraga, usuarios de dito centro.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, desenvolve un ano máis a campaña dos Bonos Consuma, unha iniciativa para fomentar o consumo no comercio local. O prazo para descargar os bonos estará aberto desde mañá, venres 19 de decembro. Cada persoa maior de 18 anos poderá descargar un único bono con importe de 50 euros que poderá usar nos 109 establecementos adheridos á campaña deste ano. Para descargar os bonos hai que entrar no apartado de clientes da páxina web dos bonos consuma e introducir os datos persoais do beneficiario. Os bonos poderán gastarse do 19 de decembro ao 19 de febreiro de 2026, ou ata que se esgote o orzamento do programa. Este ano o orzamento da campaña é de 60.000 euros. No caso de que se esgote o orzamento do programa, os vales descargados deixarán de ter saldo, polo que non se poderán empregar. Pódese consultar as empresas adheridas á campaña na seguinte ligazón.

A programación de Nadal en Ames este ano contará coa novidade da celebración dun Mercado de Nadal na praza da Maía para os vindeiros días 19, 20 e 21 de decembro. En total haberá 18 postos; 13 de artesanía e 5 postos de alimentación e produtos da horta. O horario de atención ao público do Mercado de Nadal será o venres de 17.00 a 20.30 horas, e o sábado e domingo, de 10.00 a 14.00h e de 17.00 a 20.30 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, presentou está mañá, no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a programación da que será a quinta edición das Prebadaladas de fin de ano o próximo 31 de decembro, a partir das 11.30 horas da mañá. Unha actividade que se enmarca dentro da programación das festas de Nadal e que estará presentada pola cantante e artista Fátima Pego. Nesta ocasión contarase coa actuación do grupo galego The Crooners e dos gañadores/as do concurso Baila con Ames 2025. Como xa vén sucedendo en edicións anteriores, haberá cotillón, arandos, lambetadas e mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva e intérprete de lingua de signos. Ás Prebadaladas deste ano súmanse novas iniciativas como o Tardeo da praza do Concello e maila Festa de Fin de Ano, que se vai celebrar no pavillón municipal de Bertamiráns, e para a que xa se venderon 800 entradas. As Prebadaladas deste ano contarán co apoio de Mahou, Feiraco, Asador Vacavella e a froitería Tómate más Fruta.

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, retoma o programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. A edición deste ano de “Bonos Consuma” busca impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. Os establecementos comerciais e hostaleiros que estean interesados en adherirse ao programa deberán rexistrarse na web www.bonosconsuma.gal ata o 15 de decembro. Os bonos poderán gastarse do 19 de decembro ao 19 de febreiro de 2026. Na actualidade hai un total de 94 establecementos comerciais adheridos a dita campaña.
- ‹ anterior
- 6 de 66
- seguinte ›




