- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, presentou está mañá, no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a programación da que será a quinta edición das Prebadaladas de fin de ano o próximo 31 de decembro, a partir das 11.30 horas da mañá. Unha actividade que se enmarca dentro da programación das festas de Nadal e que estará presentada pola cantante e artista Fátima Pego. Nesta ocasión contarase coa actuación do grupo galego The Crooners e dos gañadores/as do concurso Baila con Ames 2025. Como xa vén sucedendo en edicións anteriores, haberá cotillón, arandos, lambetadas e mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva e intérprete de lingua de signos. Ás Prebadaladas deste ano súmanse novas iniciativas como o Tardeo da praza do Concello e maila Festa de Fin de Ano, que se vai celebrar no pavillón municipal de Bertamiráns, e para a que xa se venderon 800 entradas. As Prebadaladas deste ano contarán co apoio de Mahou, Feiraco, Asador Vacavella e a froitería Tómate más Fruta.
Esta mañá o Concello de Ames presentou o xa tradicional programa das Prebadaladas no salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. En dita presentación participaron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz. Ademais das autoridades municipais, estiveron no acto: Fátima Pego, que será a presentadora das Prebadaladas; Marcos Gómez, Erick Rod e Joao Paiva, do grupo musical The Crooners, que actuará nas Prebadaladas; Rubén Capelán, socio da cooperativa Mada producións, que achegará as mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva; Germán Mariño, xerente do Asador Vacavella; Antón Carro, xestor da empresa Mahou-San Miguel na comarca de Santiago de Santiago de Compostela; e Beatriz López, xerente de Xuntan za de Empresarios de Ames.
O alcalde de Ames, Blas García, explicou que “se trata dunha iniciativa que se celebra dende hai anos e que en todas as edicións tivo mo boa participación por parte da veciñanza de Ames, e incluso de persoas dos concellos da contorna. Trátase dunha actividade moi familiar na que se xuntan na praza do Concello, pais, nais, nenos/as e xente maior”. Ademais destacou que “as persoas que teñen algún tipo de discapacidade auditiva poden participar con normalidade. Xa o ano pasado o fixemos, e levamos varios eventos como o Millarock no que ofrecemos esta posibilidade. Estamos preocupados pola integración de todas as persoas e deste xeito poden participar neste evento”.
O rexedor municipal tamén incidiu en que “todas as actividades que facemos o día de fin de ano e ao longo do Nadal teñen un dobre obxectivo que é a participación da veciñanza para que poidan saír á rúa a desfrutar do Nadal; e ao mesmo tempo reforzar e dinamizar o comercio local e a hostalería amesá. O sector comercial e hostaleiro son a gran inxección económica do concello e por iso dende o Concello queremos axudar no que poidamos para que poidan durante estes días incrementar as súas ventas, porque canto mais merquemos e consumamos en Ames, mellor nos vai a ir aos amesáns e amesás.
Programación das Prebadaladas 2025
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou “que as Prebadaladas naceron porque queríamos que sobre todo os nenos e nenas e maila xente maior puideran goza dunha festa durante o día acompañados de amigos, familia e veciños e veciñas de Ames. Este ano comezaremos ás 11.30 horas a entregar as bolsas que terán un vaso do Concello de Ames, para poder brindar; un quinto de cervexa de Mahou; arandos; e cotillón. Hai que agradecer a froitería Tómate más Fruta a súa colaboración coa doazón dos arandos, ao Asador Vacavella que se puxo en contacto con nós para poder contar coa colaboración da empresa Mahou-San Miguel, e a Feiraco”.
Ademais, engadiu “teremos unhas bolsas especiais para os/as nenos/as con leite de Feiraco, uvas de chuches e cotillón. Haberá 600 unidades de bolsas para adultos e outros 600 bolsas para nenos/as. Tamén haberá actuacións musicais a cargo do grupo The Crooners e actuacións dos gañadores do concurso Baila con Ames 2025”. Por último, Ana Paz, incidiu na importancia da participación “para dinamizar o noso comercio e a nosa hostalaría”.
Durante o acto tamén participou a que será a presentadora das Prebadaladas 2025, Fátima Pego, quen se mostrou moi contenta por repetir: “Para min é un orgullo poder volver desfrutar do día máis especial do ano. Son tremendamente afortunada por poder compartir este día con toda a veciñanza de Ames”. A artista tamén invitou “a toda a veciñanza a vir canto antes para poder ter a bolsa co cotillón” e desvelou que “haberá algunha sorpresa musical”.
O evento dará comezo ás 11.30 horas da mañá co reparto das bolsas con cotillón, un vaso do concello, un quinto de cervexa Mahou, arandos doados pola froitería Tómate más Fruta e cotillón. Para os máis pequenos, a bolsa incluirá tamén un vaso do concello, leite doado por Feiraco, uvas de chuches e cotillón. En total, haberá 1.200 bolsas para repartir entre os asistentes (600 para as persoas adultas e outras 600 para nenos/as).
As Prebadaladas, do mesmo xeito que na edición anterior, estarán conducidas pola artista Fátima Pego e este ano contarán coa presencia musical do grupo The Crooners Band, un quinteto galego que rememora épocas douradas da música con versións de grupos como Pink Floyd, Toto ou U2. Ademais, ao igual que o ano pasado, durante a mañá actuarán as persoas gañadoras do Baila con Ames 2025: Alba Mourelle, Andrés Parga, Soraya Santos e a A&M Salsa Company (Laura, Miriam, Naiara, Andrés, Soraya e Alba).
Mochilas vibratorias
Por segundo ano consecutivo volverase a ofrecer o servizo de mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Deste xeito, repartiranse mochilas vibratorias entre todas aquelas persoas que o desexen, co obxectivo de ofrecerlles unha experiencia plena e agradable. As mochilas serán achegadas pola cooperativa Mada producións.
En palabras do seu responsable, Rubén Capelán, tamén presente na presentación: “este é un sistema que recolle o son do concerto e convérteo en vibración, dando unha experiencia intensa e moi sensible que complementa o que está pasando no escenario. É unha experiencia moi completa”. O mesmo Capelán explicou que “é un pouco como sentir o ritmo da música no teu corpo”.
As mochilas tamén serven para as persoas con implante coclear ou audiófonos en posición T, xa que “incorporamos un pequeno colar que vai conectado á mochila e chégalle directamente o son ao seu implante”, amosou Capelán. Con esta iniciativa, as persoas con discapacidade auditiva poderán sentir a música e ser partícipes da festa de maneira activa.
Tardeo e Festa de Fin de Ano
Como xa sei foi adiantando nas últimas semanas, este ano a programación de Nadal conta con novidades para o 31 de decembro como son o Tardeo e maila Festa de Fin de Ano. O Concello de Ames organiza esta festa pola tarde do 31 de decembro en horario de 17.00 a 21.00 horas na praza do Concello de Bertamiráns, ao igual que as Prebadaladas.
Trátase dunha proposta pensada para todos os públicos, coa intención de crear ambiente festivo desde primeira hora da tarde e fomentar os encontros entre a veciñanza nun espazo seguro e accesible. No Tardeo haberá música a cargo de DJ Wana do Milladoiro e servizo de barra de bar prestado por hostaleiros locais (StreetGarden, Asador Vacavella e O Transistor).
Xa na madrugada, logo das badaladas, terá lugar a Festa de Fin de Ano no pavillón de Bertamiráns, en horario de 01.00 a 08.00 horas da mañá, que, de igual forma que o Tardeo, preséntase como unha das principais novidades da programación municipal para estas festas, co obxectivo de ofrecer á veciñanza a posibilidade de quedar no concello para celebrar o ano novo, sen necesidade de moverse.
Cada entrada leva incluídas dúas consumicións, servizo de roupeiro dentro da festa e servizo de autobús de ida e volta. Os autocares comezarán a circular á 01.00 cunha liña fixa que sairá de Bertamiráns. Ás 04.00 horas iniciarase o regreso, con saídas cada hora dende o propio pavillón (ás 04.00, 05.00, 06.00, 07.00 e 08.00 horas).
O alcalde, Blas García, mostrouse moi contento coa organización desta festa que “xurdiu dun grupo de rapazas mozas de Bertamiráns e da contorna. A verdade é que non pensábamos que íamos chegar tan rápido as 800 entradas que levamos vendidas. Agora imos a parar de vender entradas porque temos que ver con calma o plan de emerxencias, e despois, en función da demanda que haxa, igual podemos poñer á venda algunha entrada a maiores”.
Para o Concello, “o obxectivo é dar un servizo á xente moza e ás familias”, indicou. Tamén quixo aludir á tranquilidade de ter un servizo de autobús: “Como pai non é o mesmo saber que tes ao teu fillo ou filla no pavillón e que pode ir e volver nun autobús, que estar preocupado sen saber a onde se vai desprazar”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Música, cotillón e lambetadas nas Prebadaladas de fin de ano en Ames"
La Voz de Galicia: "Campanadas al mediodía con mochilas inclusivas en Ames, que exprimirá el 31 con tardeo"













