Pestanas principais

Ames presenta a Gran Festa de Reis 2026

Xoves, 18 de decembro de 2025

O Concello de Ames presentou está mañá a Gran Festa de Reis, que se celebrará os días 3, 4, e 5 de xaneiro de 2026. Os núcleos urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro terán recepción real para os nenos e nenas, cabalgata e posterior Gran Festa de Reis con chocolate e rosca nos pavillóns municipais. As parroquias tamén poderán desfrutar dos Reis Magos o día 5 de xaneiro pola mañá. Ao acto de presentación asistiron o alcalde, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Educación e Mocidade, Beatriz Martínez; a concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García; o director do centro ocupacional da Asociación Fonte da Virxe, Lois Pose Santos; e Francisco Hermo e Manuel Fraga, usuarios de dito centro. 

A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu este acto de presentación no que se expuxeron as actividades e horarios para esta edición. O alcalde, Blas García explicou, ademais, que “este ano vólvese ofrecer o servizo de tren de Nadal, que percorrerá os dous núcleos urbanos de Ames durante as xornadas previas ao día de Reis. Haberá un tren os días 2, 3 e 4 de xaneiro para que os nenos e nenas de Ames, e tamén de fóra, poidan facer un percorrido por Bertamiráns e polo Milladoiro”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quixo “agradecer ás asociacións de veciños e veciñas” pola súa colaboración. Ademais, adiantou que este ano “os reis quixeron ter algo especial cos nenos e nenas e vanlles regalar uns pequenos cadernos para que poñan os seus desexos de Nadal”. Un agasallo que, en palabras da concelleira de Benestar Social, Uxía García, “é para desfrute dos pequenos e pequenas”, realizado a partir dun traballo en equipo da Asociación Fonte da Virxe “no que uns deseñaron e outros executaron”. “Témoslle moito cariño a este colectivo”, concluíu a edil. 

Un dos usuarios da Asociación Fonte da Virxe, Francisco Hermo, explicou o proceso de elaboración dos cadernos e dixo “oxalá os nenos e nenas desfruten desta arte caricaturesca, pero chea de amor e de moito sentimento” e quixo agradecer por “aceptar os nosos agasallos, deséxolles unha boa entrada de ano e que desfruten do momento”. 

A Asociación Fonte da Virxe “leva 30 anos traballando en prol dos dereitos das persoas con trastornos de saúde mental e a súa inclusión”, explicou o director do centro, Lois Pose. Tamén quixo facer fincapé en que “a sociedade non sempre foi comprensiva nin solidaria con estas persoas” e defendeu que, precisamente, “un dos labores do centro é poder dar un espazo de seguranza, desenvolver os proxectos e ter un plan de vida satisfactorio para as vinte persoas que atendemos”.

Recepcións Reais e visita ás parroquias
A programación comezará o sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro nos pavillóns municipais de Bertamiráns e do Milladoiro coas recepcións reais. En horario de 11.00 a 13.30 horas pola mañá, e de 17.00 a 19.30 horas pola tarde, os nenos e nenas poderán coñecer de primeira man ás súas maxestades os Reis Magos. As recepcións reais faranse os dous días tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro.

Para poder participar nas recepcións reais, as familias interesadas deberán inscribirse mediante cita previa a través da Sede electrónica do Concello. O prazo comezará a partir do luns, 22 de decembro, e estará aberto ata o venres 2 de xaneiro ás 14.00 horas. Durante a recepción, haberá catro visitas simultáneas cada cinco minutos.

Xa o día 5, a mañá empezará coa visita dos Reis Magos ás parroquias do concello. Así pois, ás 10.00 horas pasarán por Ameixenda e Cruxeiras; ás 10.30 horas por Augapesada; ás 11.00 horas por Piñeiro e Covas; ás 11.30 horas por Tapia e Ortoño; ás 12.00 horas por Lens; ás 12.30 horas por Agrón e Bugallido; ás 13.00 por Trasmonte; e ás 13.30 horas rematarán o percorrido visitando a parroquia de Biduído. 

Cabalgatas e Festa de Reis
O luns, 5 de xaneiro pola tarde, será a quenda das cabalgatas. Ás 17.00 horas as carrozas recorrerán o núcleo do Milladoiro, partindo da Igrexa. Ao rematar a cabalgata, arredor das 18.00 horas, os Reis trasladaranse ao pavillón municipal para dar comezo á Gran Festa de Reis, na que se servirá chocolate e rosca para todos os asistentes e haberá actuacións musicais. 

Máis tarde, ás 19.00 horas, comezará a cabalgata en Bertamiráns dende a nave de Obras, en Lapido. Logo de facer o recorrido, as carrozas chegarán ao pavillón municipal arredor das 20.00 horas para celebrar a Gran Festa de Reis, que de igual maneira que no Milladoiro, terá chocolate, rosca e actuacións musicais. 

Inscricións para participar nas cabalgatas
Para poder participar en ambas cabalgatas é necesario cubrir o seguinte impreso de solicitude, que poderá presentarse dende hoxe, 20.00 horas, ata esgotar as prazas. Este ano ofertáronse 84 prazas para os rapaces e rapazas, das cales 65 están ocupadas polos nenos e nenas que estaban inscritos/as nas cabalgatas do ano pasado e non puideron participar porque se suspenderon debido ás condicións meteorolóxicas. Debido a iso quedan 19 prazas libres (14 para O Milladoiro e 5 para Bertamiráns), que se van a cubrir por orde de chegada do impreso de solicitude. O rango de idade de inscrición é de 6 a 12 anos.

Tren de Nadal
Como adiantou o alcalde, do venres 2 ao domingo 4 de xaneiro, o tren de Nadal recorrerá as rúas de Ames en días previos á chegada dos Reis Magos co obxectivo de que os nenos e nenas amenicen a súa espera. 

Este servizo ofrecerase o venres 2 de xaneiro en Bertamiráns, con saída dende a praza do Concello, en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.30 horas. O sábado, 3 de xaneiro, o tren de Nadal tamén estará pola mañá en Bertamiráns, en horario de 11.00 a 13.30, e tamén con saída dende a praza do Concello.

No Milladoiro, estará o sábado 3 pola tarde, en horario de 17.00 a 19.30, e con saída dende a parada de autobús que está situada diante do centro de saúde. Ademais estará no Milladoiro durante toda a xornada do domingo 4 de xaneiro, en horario de 11.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.30 horas.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "La Gran Festa de Reis de Ames incluye jarana y recepción a Sus Altezas los días 3, 4 y 5"

Ames presenta a Gran Festa de Reis 2026

Multimedia

  • Ames presenta a Gran Festa de Reis 2026
  • Ames presenta a Gran Festa de Reis 2026