Actualidade

Ex., 01-08-2026
Ex., 01-08-2026
Xoves, 10 de xullo de 2025
Imaxe do CEP de Ventín

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o pasado 3 de xullo de 2025 as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades realizadas polas ANPAS dos centros educativos amesáns ao longo do exercicio 2025. A contía máxima desta liña de axudas ascende a 20.000 euros. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderán presentarse durante un mes dende hoxe 10 de xullo. O importe individual das subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar o 80% do proxecto subvencionable nin o límite máximo establecido segundo a categoría que corresponda ao centro ao que pertence a ANPA.

Mércores, 02 de xullo de 2025
Aberto o prazo de inscrición para inscribirse no programa de conciliación Setembro Lúdico 2025

Dende onte, 1 de xullo, ata o vindeiro día 15, está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Setembro lúdico 2025”, que este ano se desenvolverá do 1 ao 5 de setembro. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. Non poderán participar os menores que vaian cursar 4º de Educación Infantil ou a ESO no vindeiro curso 2025-2026. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). 

Xoves, 19 de xuño de 2025
O alumnado da Rede municipal de comedores escolares elixe hamburguesa e xeado artesán de vainilla para rematar o curso

As nenas e nenos usuarias da Rede municipal de comedores escolares xantaron hoxe hamburguesa, de segundo prato, e xeado artesán de vainilla, de sobremesa, un menú elixido previamente nas eleccións feitas o pasado 5 de xuño. Nesta ocasión, por cuarto ano consecutivo, impúxose a hamburguesa. O primeiro prato, puré de verduras, foi escollido pola nutricionista municipal. Este foi o vixésimo ano no que se celebraron estas peculiares eleccións nos comedores escolares.

Xoves, 05 de xuño de 2025
O alumnado da Rede municipal de comedores escolares vota polo menú de fin de curso

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Planificación e Xestión Educativa, volve a darlle a oportunidade aos nenos e nenas, que son usuarios/as da Rede municipal de comedores escolares, de votar polo menú de fin de curso que se servirá o vindeiro xoves 19 de xuño. O primeiro prato elíxeo a técnica municipal en nutrición, mentres que o alumnado ten que votar para elixir o segundo prato e maila sobremesa. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta, EEI do Milladoiro e nas escolas unitarias de Covas e Ortoño. O servizo de comedores escolares conta con1.469 usuarios/as.

Xoves, 22 de maio de 2025
O CEIP de Barouta organiza para o sábado 24 de maio a Festa da Primavera 2025

O CEIP de Barouta, a Comisión de Familias de 6º de Educación Primaria e a AFA Barouta, organizan para o sábado, 24 de maio, a celebración da Festa da Primavera. Trátase dun evento aberto a todo o público interesado, unha xornada lúdica que dará comezo ás 17:00 na praia fluvial de Tapia. Incluirá charlas, xogos populares, obradoiros, inchables un concerto e unha tómbola. Todo o recadado irá destinado á excursión de fin de curso do alumnado de 6º de Primaria.

Xoves, 15 de maio de 2025
O IES do Milladoiro celebrará a súa primeira “Semana Intercultural”, que traerá unha ampla programación cultural e educativa ao centro

O IES do Milladoiro acollerá ao longo da vindeira semana a “I Semana Intercultural", unha iniciativa que, baixo o lema “Somos Diferentes, Somos Referentes”, pretende crear no centro educativo nun espazo de encontro e celebración arredor da diversidade cultural e convivencia. Deste xeito, ao longo da vindeira semana, do 19 ao 23 de maio, o IES do Milladoiro ofrecerá unha ampla e intensa programación cultural e educativa, que contará coa participación de artistas, profesionais, asociacións e outros centros educativos.

Venres, 02 de maio de 2025
Abre o prazo para inscribirse na Escola de verán 2025

Dende hoxe, venres 2, e ata o 16 de maio está aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán, unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar da veciñanza de Ames durante o período non lectivo dos meses de xullo e agosto. O servizo está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria. O programa impartirase no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, no Milladoiro. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). As solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda.

Mércores, 30 de abril de 2025
A Xunta renovará a cuberta do CEIP de Barouta e eleva a case 16 millóns de euros o investimento nos centros educativos de Ames

 A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licitou a obra de cambio de cuberta do CEIP de Barouta por máis de 230.000 euros, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do centro. A previsión, suxeita aos correspondentes trámites administrativos, é iniciar a obra a finais de xuño, tras a fin do curso académico, e rematala en setembro deste ano.

Mércores, 23 de abril de 2025
Abre o prazo para inscribirse no programa de conciliación Xuño Lúdico 2025

Dende hoxe, 23 de abril, e ata o 7 de maio de 2025 está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Xuño lúdico”, que este ano se desenvolverá do 23 ao 30 de xuño. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns).

Mércores, 16 de abril de 2025
107 rapaces e rapazas participan no programa municipal de conciliación Primavera Lúdica 2025

Este pasado luns, 14 de abril, deu comezo unha nova edición da Primavera Lúdica, na que este ano están a participar 107 nenos e nenas. O obxectivo deste programa de conciliación é ofrecer ás familias de Ames unha posibilidade de compatibilizar a vida laboral e familiar nestas vacacións de Semana Santa. O programa continuará ata o vindeiro luns 21 de abril e ofrece os servizos de conciliación habituais do concello, como os Bos Días ou o comedor.