- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Planificación e Xestión Educativa, volve a darlle a oportunidade aos nenos e nenas, que son usuarios/as da Rede municipal de comedores escolares, de votar polo menú de fin de curso que se servirá o vindeiro xoves 19 de xuño. O primeiro prato elíxeo a técnica municipal en nutrición, mentres que o alumnado ten que votar para elixir o segundo prato e maila sobremesa. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta, EEI do Milladoiro e nas escolas unitarias de Covas e Ortoño. O servizo de comedores escolares conta con1.469 usuarios/as.
Este é o vixésimo ano no que se celebran estas peculiares eleccións nos comedores escolares de Ames. Nesta ocasión, o alumnado tivo que escoller entre cinco posibilidades: albóndegas con arroz e salsa de tomate; pizza de xamón e queixo; churrasco con ensalada de froitos vermellos; hamburguesa con ingredientes a elixir; e salmón ao forno con arroz.
Por outra banda, a listaxe de opcións de sobremesa tamén conten cinco opcións que son o iogur artesán con melocotón; xeado artesán de vainilla; xeado de polo; flan con nata; e amorodos con nata.
Haberá que agardar para coñecer o escrutinio da votación, para saber se a hamburguesa continúa sendo o prata favorito do alumnado amesán, xa que leva tres anos consecutivos de 2022 a 2024, sendo a opción máis votada.
Dende o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en nove ocasións e a pizza de xamón e queixo dúas veces. En 2011, 2012 e 2013 gañou o churrasco, mentres que en 2014 e 2015 impúxose a pizza. En 2016, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2021 volveu a gañar o churrasco como o prato favorito dos nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares ata o ano 2022 no que por primeira vez se impuxo a hamburguesa. En 2023 e 2024 volveu gañar a hamburguesa con patacas fritas.
A técnica municipal en nutrición elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que completa o menú de fin de curso, de maneira que dúas comidas son decisión do alumnado e outra vén definida pola técnica municipal en nutrición.
Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Churrasco, pizza ou hamburguesa: O alumnado da Rede de comedores de Ames elixe o menú de fin de curso"
Diario de Santiago: "O alumnado da Rede municipal de comedores escolares vota polo menú de fin de curso, en Ames"













