Actualidade

Co gallo do Día do Libro, que se celebra o 23 de abril, as bibliotecas municipais de Ames presentan dúas novas actividades de animación á lectura, que se enmarcan dentro da súa programación “Abril, mes do libro”: un concurso de debuxo e a campaña Superlectores, que por segundo ano consecutivo buscan recoñecer ao seu público infantil e xuvenil sorteando varios lotes de libros.

As bibliotecas municipais de Ames pechan o mes de marzo cun novo encontro literario. Nesta ocasión presentarase o libro “El eco de tu voz”, de Juan Galán. Será no Pazo da Peregrina de Bertamiráns este xoves 30, ás 20:00 horas. Acompañará ao autor o historiador e profesor da USC Francisco Leira Castiñeira, nun acto que estará presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Este xoves, 16 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns un novo encontro literario, organizado polo departamento de Bibliotecas de Ames. Desta volta, a protagonista será a autora Úrsula Heinze, que presentará a obra “Flashes II”, editada por Fervenza. Trátase da segunda parte dunha guía persoal que reflicte un retrato da propia autora ao longo dos anos.

As bibliotecas municipais de Ames preparan un novo obradoiro co gallo da celebración do Día Mundial da Poesía. O taller, que está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria, terá lugar o venres 24 de marzo no Milladoiro, e o sábado 25 en Bertamiráns. É preciso anotarse previamente para participar, entre hoxe, día 13, e o vindeiro mércores 22. As inscricións poden facerse escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 53 08 07 (no caso de querer asistir ao obradoiro do Milladoiro) ou 981 88 48 29 (no caso de querer asistir ao de Bertamiráns).

O primeiro encontro literario programado para este mes de marzo polas bibliotecas municipais de Ames, que se celebrará este xoves, día 2, contará coa presenza de Margarita Murillo. A escritora presentará a obra “Las buenas maneras en el amor” no Pazo da Peregrina, ás 20:00 horas. Farao acompañada por Fernando Rodríguez de la Torre, director de “Con C de Comunicación” e de “Briefing Galego”, e docente de márketing na Universidade de Santiago de Compostela. Encargarase de conducir o evento a concelleira de Cultura de Ames, Natividade González.

O Concello de Ames organiza, con motivo do Día de Rosalía, diversas actividades para conmemorar a figura da escritora, poñer en valor a súa obra e revitalizar a súa filosofía, así como para dar a coñecer a súa poesía entre a veciñanza amesá e lembrar o vencello da autora e a parroquia de Ortoño, onde pasou parte da súa infancia. O departamento de Bibliotecas súmase á programación, poñendo en marcha distintas iniciativas para achegar á poboación o pensamento e os versos de Rosalía: un mural, unha visita grupal ás instalacións da biblioteca do Milladoiro, unha mostra bibliográfica e unha sesión de contacontos. O programa ao completo de actividades polo Día de Rosalía pódese consultar premendo nesta ligazón.

Mañá, xoves 16 de febreiro, ás 20:00 horas, terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns un novo encontro literario, organizado polo departamento de Bibliotecas de Ames. Desta volta, Martiño Santos Canosa e Xosé Gontá Sobrino presentarán a obra “A nación dos mil viños”, de Edicións Laiovento. A encargada de presentar o evento será a concelleira de Cultura, Natividade González.

Dende este luns, 6 de febreiro, está aberto o prazo para inscribirse nunha nova actividade de animación á lectura, desta volta na biblioteca de Bertamiráns, na que se organizan tres sesións de contacontos. Celebraranse os días 14, 15 e 16 de febreiro ás 17:30 horas, e están dirixidos a crianzas de entre 3 e 8 anos. Para anotarse é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, indicando nomes, apelidos, idades dos nenos/as e un teléfono de contacto. Tamén se pode chamar ao número 981 884 829. Para consultar a programación de contacontos do primeiro semestre do ano ao completo pódese premer nesta ligazón.

As bibliotecas municipais de Ames abriron 2023 con dous encontros literarios protagonizados por Patricia de Lorenzo, que presentou o libro "Chévere: trinta e cinco anos de axitación cultural", e por Alfonso Pexegueiro, que falou da súa última obra “Mañana vino a verme la luna de los pájaros grandes”. Os Encontros literarios continúan durante os meses de febreiro e marzo con cinco novas presentacións a cargo de Xosé Antonio López Silva, Martiño Santos Canosa, Marilar Aleixandre, Ursula Heinze e Juan Galán. Os/as autores/as estarán acompañados/as pola concelleira de Cultura, Natividade González. Este xoves, 2 de febreiro, Xosé Antonio López Silva, presentará “Historia natural de Plinio, el bibliotecario del mundo”, de Editorial Almuzara. A entrada para asistir aos Encontros literarios é libre ata completar aforo.

As bibliotecas municipais de Ames preparan un novo obradoiro co gallo da celebración do Entroido, que xirará en torno á creación de máscaras do Entroido tradicional galego. O taller, que está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria, terá lugar o venres 10 de febreiro no Milladoiro, e o sábado 18 en Bertamiráns. É preciso anotarse previamente para participar, e as inscricións pódense facer escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 53 08 07 (no caso de asistir ao obradoiro do Milladoiro) ou 981 88 48 29 (no caso de asistir ao de Bertamiráns).
- ‹ anterior
- 8 de 18
- seguinte ›




