Pestanas principais

As bibliotecas de Ames organizan un obradoiro de Entroido o venres 10 e o sábado 18 de febreiro

Luns, 30 de xaneiro de 2023

As bibliotecas municipais de Ames preparan un novo obradoiro co gallo da celebración do Entroido, que xirará en torno á creación de máscaras do Entroido tradicional galego. O taller, que está dirixido á rapazada de 3º a 6º de Primaria, terá lugar o venres 10 de febreiro no Milladoiro, e o sábado 18 en Bertamiráns. É preciso anotarse previamente para participar, e as inscricións pódense facer escribindo ao enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal ou chamando aos números 981 53 08 07 (no caso de asistir ao obradoiro do Milladoiro) ou 981 88 48 29 (no caso de asistir ao de Bertamiráns).

O departamento de Bibliotecas amesán retoma novamente as actividades dirixidas a nenos e nenas de 3º a 6º de Educación Primaria, desta volta cun obradoiro no que se traballará a creación de máscaras que teñan relación co Entroido tradicional galego.

O taller desenvolverase de maneira dual nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns. No centro do Milladoiro terá lugar o venres 10, ás 17:30 horas; mentres que en Bertamiráns se celebrará o sábado 18, ás 11:30 horas.

O prazo de inscrición para a actividade do Milladoiro xa está aberto dende hoxe, 30 de xaneiro, ata o vindeiro martes, 7 de febreiro. De querer participar é preciso escribir un correo ao enderezo electrónico bibliotecas@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 981 53 08 07. No caso de querer asistir á sesión de Bertamiráns, deberase mandar o correo a ese mesmo enderezo ou chamar ao 981 88 48 29 entre os días 6 e 15 de febreiro.

Cinco propostas de contacontos
Por outra banda, as bibliotecas municipais están a desenvolver tamén as súas tradicionais propostas de animación á lectura infantil. Desta volta, están programadas cinco propostas de contacontos para o primeiro semestre do ano, que pasarán polos dous núcleos do concello. A primeira delas, “Parabéns para ti”, terá lugar a partir de mañá no Milladoiro. Os días 14, 15 e 16 de febreiro chegará a Bertamiráns “Contos para rir”, para o que abrirá o prazo de inscrición o vindeiro día 6. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación de contacontos do primeiro semestre ao completo e as datas de inscricións.

Cartel do obradoiro de Entroido 2023 das bibliotecas

Multimedia

  • As bibliotecas de Ames organizan un obradoiro de Entroido o venres 10 e o sábado 18 de febreiro
  • As bibliotecas de Ames organizan un obradoiro de Entroido o venres 10 e o sábado 18 de febreiro