Actualidade

Ex., 01-06-2025
Ex., 01-06-2025
Venres, 17 de xuño de 2022
Acórdanse novos horarios para a apertura das terrazas

O alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, e maila concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, mantiveron unha xuntanza coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e coa Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas “Hostalaria.Gal”. En dito encontro chegaron a un acordo para a modificación do horario das terrazas dos establecementos hostaleiros durante todo o ano. O horario de apertura todos os días do ano será ás 9.00 horas. O horario de peche será diferente segundo a temporada. Na temporada 1, de outubro a marzo, pecharase as 00:00h de domingo a xoves, e a 01:00h os venres, sábados e vésperas de festivo. Na temporada 2, de abril a setembro, as terrazas pecharán a 01:00h de domingo a xoves, e ás 2.00h  os venres, sábados e vésperas de festivo.

Venres, 08 de abril de 2022
O Goberno municipal visita en Biduído a construción da primeira “passivhaus” de Galicia con piñeiro autóctono

O pasado xoves 31 de marzo, varios representantes do Concello de Ames desprazáronse ata Biduído de Arriba, na parroquia de Biduído, para visitar as obras da primeira vivenda construída con piñeiro galego baixo o estándar de construción “passivhaus” (casa pasiva en alemán). Estes inmobles contan cunha alta capacidade de illamento, que permiten aforrar ata un 75 por cento do consumo enerxético en calefacción e refrixeración. Ademais, para esta edificación recorreuse a madeira certificada co selo de calidade Pino de Galicia, nunha aposta pola construción sustentable e a industria forestal galega.

Luns, 04 de abril de 2022
Asínase un convenio con ARECAFÉ para a recollida selectiva de cápsulas de café e a súa correcta xestión

O Concello de Ames vén de asinar un convenio de colaboración con  ARECAFÉ (Alianza para a reciclaxe de cápsulas de café) co obxectivo de poder recoller de forma separada as cápsulas de café de calquera marca, tanto de aluminio como de plástico. Ames é o primeiro concello de Galicia en asinar este convenio e en implantar un sistema de recollida selectiva deste tipo de residuos. Preténdese facer unha correcta xestión destes materiais de plástico e aluminio para a súa reciclaxe.

Sábado, 26 de febreiro de 2022
Plano do novo centro comercial de Gadisa en Bertamiráns

A semana pasada comezaron as obras nunha céntrica parcela de Bertamiráns para construír un novo centro comercial de Gadis nesta localidade. Deste xeito, unha empresa punteira no sector comercial como é Gadisa construirá un novo centro nesta localidade ampliando a oferta comercial existente na actualidade. O edificio, que terá acceso dende O Pedregal e dende a avenida da Maía, disporá de soto, planta baixa e primeira planta. Haberá un aparcamento exterior e outro no soto do edificio. Ambos aparcamentos suman 113 prazas de estacionamento. A planta baixa contará cunha superficie de 1.588 metros cadrados que acollerán un supermercado cunha superficie de venta de 970 metros cadrados e un aforo total de 367 persoas. O proxecto ten un orzamento de execución material de 1.404.001 euros.

Venres, 26 de marzo de 2021
Edificio Proxectado Bertamiráns

O Concello de Ames someterá a aprobación unha nova licenza urbanística para a construción de dous novos edificios de vivendas en Milladoiro. Esta nova aprobación sumarase ás xa concedidas nos meses pasados e que se atopan en construción no entorno do Paseo Fluvial de Bertamiráns. Esta licenza poñerá en servizo mais de 100 novas vivendas.

Sábado, 13 de febreiro de 2021
Avenida de Rosalia de Castro, no Milladorio

Dende o pasado 12 de decembro de 2018 os vehículos pesados teñen prohibido circular pola avenida de Rosalía de Castro que cruza a localidade do Milladoiro. Ademais, neste mes de febreiro cúmprense dous anos da colocación de sinais na AG-56 e no corredor AC-522 que proporcionan información sobre a ruta alternativa de circulación para non atravesar O Milladoiro. Deste xeito, durante estes dous anos, que leva vixente o desvío de tráfico pesado pola avenida de Rosalía de Catro, eliminouse o paso de preto de 200.000 camións, unha media de 280 camións ao día. Isto permitiu reducir o ruído que soporta a veciñanza así como as emisións de CO2 e polo tanto a contaminación no núcleo urbano desta localidade.

Sábado, 06 de febreiro de 2021
Imaxe da rotonda de acceso ao Milladoiro

O alcalde de Ames, Jose Miñones, mantivo esta semana unha xuntanza telemática co Secretario Xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez Torrón e o Director Xeral de Estradas, Javier Herrero Lizano do Ministerio de Fomento. Nesta reunión acordouse que o Ministerio de Fomento redactará o proxecto de modificación da rotonda que dá acceso ao Milladoiro en base ao documento xa existente. Ao longo deste ano buscarase financiamento para este proxecto de cara a poder executalo. A idea é levar a cabo unha actuación que permita o acceso directo ao polígono desde a SC-20, así como de saída desde o núcleo urbano cara Santiago. Este proxecto realizarase en coordinación coa empresa INOR (Ingeniería del Noroeste), que está elaborando o proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro. Ademais, abordouse a posible transferencia da avenida de Rosalía de Castro ao Concello de Ames.

Luns, 01 de febreiro de 2021
Imaxe dunha parcela urbana en Bertamiráns

As ordes de execución para a conservación dos cerrados en condicións de seguridade e limpeza de parcelas, supoñen o 70% do traballo dos servizos disciplinarios de urbanismo. Asemade, o 30% dos expedientes de reposición da legalidade urbanística que se tramitaron no concello de Ames no ano 2020, tanto de oficio como a instancia da veciñanza, correspóndense con peches vexetais que incumpren as alturas máximas permitidas por falta de mantemento. O Concello prepara unha ordenanza para regular e concienciar á cidadanía sobre o cumprimento do deber de limpeza de parcelas tanto no solo urbano como no rural. Ao mesmo tempo, inicia unha campaña de cumprimento do mantemento dos peches vexetais para que non superen os 2 metros de altura.

Sábado, 30 de xaneiro de 2021
reunion humanizacion N550

O Concello de Ames vén de iniciar os trámites para a realización dun proxecto de humanización da avenida de Rosalía de Castro (N-550), no núcleo urbano do Milladoiro. Ditos traballos foron contratados á empresa INOR (Ingeniería del Noroeste) de Santiago de Compostela. Esta empresa foi a que presentou a mellor oferta económica entre as tres propostas solicitadas pola Concellaría de Urbanismo no pasado mes de decembro.

Venres, 22 de xaneiro de 2021
Casa no aparcadoiro da Telleria

O Concello de Ames acaba de contratar os traballos para levar a cabo unha nova modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de cara a regularizar a situación actual da parcela que se sitúa no aparcamento da Telleira entre as rúas Lodeiro e Cómaro. A Concellaría de Urbanismo busca a reordenación deste espazo de equipamentos, espazos libres e viario públicos na xa desenvolvida URO B4-11 en confluencia co ámbito APE B4-03. Nesta parcela actualmente existe unha edificación en desuso cun mal estado de conservación, ao igual que unha pequena zona verde que se atopan fóra de ordenación non sendo posible ningún tipo de actuación urbanística, ben sexa de rehabilitación ou derribo. Ademais neste entorno atópase un hórreo que é necesario inscribir para a súa regulación.