Pestanas principais

Durante a noite de San Xoán arderán 229 cacharelas no concello de Ames

Xoves, 22 de xuño de 2023

Achégase a noite máis longa do ano, o 23 de xuño, a véspera de San Xoán. E como manda a tradición esta festividade celébrase saltando as tan típicas cacharelas e comendo a sardiñada que soe acompañar. Este ano concedéronse un total de 229 permisos para realizar cacharelas na noite do 23 de xuño. Está previsto que haxa 209 en parcelas privadas do rural e da zona urbana e 20 en espazos públicos. A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano. Ademais, as persoas responsables de cada lumieira deberán vixiar o lume ata a total extinción do mesmo e ter a man os teléfonos da Policía Local, Protección Civil e Emerxencias. Preme nesta ligazón para descargar o bando coas normas para realizar cacharelas no San Xoán.

As asociacións de veciños, comidades de veciños/as e veciñanza en xeral xa teñen preparadas as festas que van realizar con motivo do San Xoán. Este ano houbo un gran número de peticións para realizar cacharelas, tanto nas zonas rurais do municipio coma na zona urbana. Deste xeito, o concello de Ames autorizou 229 solicitudes de cacharela/sardiñada. Está previsto que haxa 209 en parcelas privadas do rural e da zona urbana e 20 en espazos públicos.

O concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade, Víctor Fernández, destaca que “este ano volvéronse a superar as 200 solicitudes. O san Xoán é unha festa con grande arraigo no concello e Ames, así o indica o número de solicitudes feitas este ano. Trátase dunha noite que sempre se festexa. Este ano diminuíu un pouco o número de solicitudes respecto a ano pasado. Cremos que puido deberse a que ata última hora non se soubo se ía facer bo tempo”.

Unha vez obtido o permiso, os responsables da fogueira están na obriga de seguir as normas que publica o Concello. Unha delas refírese á cantidade de combustible da cacharela, que na zona urbana non pode exceder os 2 metros de diámetro, 6 metros de perímetro e 2 de altura. Na zona rural o volume de combustible non pode exceder de 3 metros de diámetro, 9 de perímetros e 3 de altura.

Normas para a realización de cacharelas
A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano serán como mínimo de 12 metros, agás no casco urbano. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, así como de que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables, nin vehículos, nin preto de masas arbóreas ou zonas vexetais susceptibles de ser queimadas.

Por outra banda, o Concello prohibe queimar pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (spray), aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela/sardiñada se faga sobre terreos de uso públicos enlousados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou sardiñada. A hora límite para rematar a celebración é as 03:30 horas da madrugada, de acordo co disposto no artigo 5.f da Lei 10/2017 de 27 de decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

O concelleiro de Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade apela á responsabilidade da veciñanza “para cumprir as normas que se recollen no bando municipal aprobado ao respecto e tratar de desfrutar do San Xoán, pero sempre con prudencia e seguridade. Deste xeito, estará dispoñible un camión con auga por se fose preciso a súa intervención e déuselle traslado á Policía Local de todos os lugares onde se van a realizar cacharelas”.

Teléfonos de urxencia
Cómpre salientar asemade que os organizadores e organizadoras das cacharelas deben coidar os arredores e ter a man os seguintes números de teléfonos: Policía Local 619 767 575, Protección Civil de Ames 673 178 888 e Emerxencias 112.

A fogueira permanecerá vixiada polas persoas responsables ata a súa total extinción, que deberá ser asegurada empapando os restos con auga, e asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante o vento, e poida dificultarse a vixilancia e extinción da fogueira, esta deberá suspenderse.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Durante a noite de San Xoán arderán 229 cacharelas no concello de Ames"

AMS GO!: "Ames prepárase para un San Xoán de case 230 cacharelas"

Imaxe dunha cacharela na celebración do San Xoán 2022 na parroquia de Ortoño